Algunhas experincias teatráis

Por Xosé Manuel Carballo Ferreiro

teatr1A raíz da miña colaboración sobre a importancia do teatro no noso Seminario, pídeseme que escriba algo sobre as miñas experiencias neste campo. Fágoo gustoso, pero invito a outros a que o fagan tamén.

No curso 1962-63, cursando eu primeiro de teoloxía, encomendoume Dino Pacio Lindín facerme cargo da organización das festas que facíamos no que chamábamos Hogar. Cando lle respondín que non me sentía preparado tapoume a boca dicíndome: “E penas estar preparado para poñerte ó frente dunha parroquia dentro de poucos anos?” O razoamento deixoume sen volta atrás, cousa que lle agradezo a Dino.

Unha das primeiras actividades foi ensinarlles algo de instrución, ós que lles tocaría entrar na mili aquel ano, aínda que estivésemos exentos polo Concordato, pero disque na mili é onde un se fai home e pra facilitar ese paso, pensamos que sería bo o remedo da disciplina millitar, coa que tiña moitas concomitancias o reglamento dos seminarios. Aproveitando que tiñamos a Marcelino Díaz Salvatierra que a fixera antes de ingresar, dispoñíamos de quen a dirixise. Só faltaban uniformes e mosquetóns. De uniformes servían os chándares e os mosquetóns fiséronse de pau. Pero o Oficial debería diferenciarse dos solados rasos. Fun pedir o uniforme de sarxento de cabalería a casa de Toimíl e así tiven ocasión de falar un pouco coa filla, Salomé. Ente o ben que me quedaba o uniforme cando o probei e o ben que me sentou a conversa, a pouco máis cambio a vocación sacerdotal pola militar. A Marcelino aínda lle sentaba mellor, que tiña figura máis esvelta.

Os primeiros pasos

Detrás das festas do Hogar viña facerme cargo tamén de ensaiar obras de teatro. Nin fixera un cursiño de ensaísta nin rabos de gaitas, pero entre o que se me ocorría a min e o que se les ocorría ós outros fomos tirando pra diante. Como me dixo un bo cristián, “Aínda que me poña un revólver ó peito non recordo cando foi a última vez que me confesei”, tampouco eu recordo o título de ningunha das obras que puxemos daquela en escena. O que recordo é que estaban tomadas da Galería Salesiana que dispoñía dunha boa colección de pezas teatrais adaptadas só para homes. Pero o que se me atrancaba algo, xa daquela, é que non atopábamos nada en galego. Todo máis que puidemos facer Anxel Albarez García e eu foi representar o diálogo “Mal de moitos” e escribir pra representar “Os anos do tío Xan”.

Na cidade de Mondoñedo tiñamos colaboración en canto a facilitarnos roupas e uniformes, como era o caso dos gardas civís. Ata do Tenente. Tamén á súa casa fun por algún capote e algún tricornio, pero alí non me facía falta parar, que vivía en fronte do seminario e a filla, Chuchi, e máis eu entendiámonos por señas.

teatr2

Funciós polas parroquias

Cando, acaba a carreira fun formador, (ou deformador, non sei), seguimos valorando o teatro non só eu, senón todo o equipo. E comezamos a levar algunha daquelas obra por fóra, preferentemente a parroquias rurais, coma por exemplo ó teleclub de Pígara, onde Freire, que era moi coitadiño antes de empezar co teatro, chegou a facelo tan ben que, finxindo que lle daban ataques epilépticos, desencadeou que lle desen de verdade a un espectador que padecía dese mal e tivemos que parar a representación mentres se recuperaba.

Tamén asistía xente da cidade ás representacións que facíamos no seminario, como foi o caso da reposición de “El Cuatrigémino” que xa representáramos nos meus tempos de estudante.

teatr3

As dúas fotos corresponden a esa representación e sinto recordar só os nomes de Lústres, Fuenteseca e Miguez Salgueiro. Polo ben feitos que están os decorados creo que algo tivo que ver con eles o mestre de debuxo e gran escultor Juan Puchades.

Isto de que asistise público de fóra non era novo que xa sendo reitor de Don Francisco Fraga debía acontecer, senón non se explica que cando ía para o salón de actos e se atopou con dous gardas civís lle dixese: “Vamos, hombre, verdad ¿Así que vinieron también a la veladita?” Os gardas eran dous alumnos, pero como a Don Francisco descansáballe a vista mirando pró chan por modestia, confundiunos.

Despois seguiu a tradición teatral no Seminario, pero ó quedar sen seminaristas maiores a cousa non era tan vistosa , aínda que fose igualmente educativa.

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*