Edelmiro Bascuas López, un dos orgullos do Seminario

Foto Bascuas
Edelmiro Bascuas en su etapa de profesor del Seminario de Mondoñedo.

     Por José Mª Rodríguez Díaz (1)

     jmrd_ribadeo@yahoo.es

Sería moi longa a lista de persoeiros egrexios que pasaron polo Seminario de Mondoñedo desde as súas orixes. Sempre resulta delicado entrecoller, por aquilo de posibles agravios comparativos. Falando eu agora de Edelmiro Bascuas estou ben lonxe de menosprezar a ninguén nin de meterme en ningún tipo de comparacións. Simplemente aproveito pra sacar á luz aspectos salientables da vida e obra deste xigante que, debido ás súa inmensa humildade mesturada con certo grao de timidez, son descoñecidas pra moitos dos que o tratamos e quixemos. Honrando a estas persoas que nos honran tamén honramos o Seminario no que Edelmiro se formou e foi formador ben querido. E atrévome a propoñer que siga aberta esta páxina despois do día da homenaxe pra que outros se animen a ir desgranado semblanzas de persoas ben meritoras máis ou menos coñecidas.

Brillante vida académica

Edelmiro naceu en A Meda, concello de Castroverde (Lugo) o 15 de abril do ano 1931. Cursou estudos eclesiásticos no seminario de Mondoñedo. Unha etapa na que a súa brillante traxectoria, sempre matizada pola súa senlleira humildade, foi sen dúbida destacada polo seu sobresaínte talento, destacando por riba dos seus compañeiros e mesmo de moitos dos seus profesores. Logo de ser nomeado profesor de grego e francés nese centro, exerceuno durante uns anos con grande predicamento entre os seus alumnos, como quedou demostrado polos unánimes comentarios que moitos deles dixeron e escribiron sobre el anos despois.

Graduado en Teoloxía na Universidade de Salamanca no ano 1957, no ano 1968 licenciouse por libre en linguas clásicas na Universidade de Madrid. Deseguido pasou a exercer, primeiro, de catedrático de grego no ensino medio en Valencia e, despois, en dous Institutos da Coruña. O día 10 de febreiro de 2011, e tras unha longa enfermidade que lle fixo interromper na páxina 71 o volume quinto que estaba escribindo pra dar ó prelo, faleceu na súa casa na cidade da Coruña, arroupado pola súa familia. Foise coa mesma discreción que caracterizaba tódolos actos da súa vida: en silencio, recluído en sí mesmo, sen molestar a ninguén.

Profesor y sacerdote

A figura de Edelmiro pode ser analizada baiso moitos aspectos. Ós seus ex alumnos tócalles falar do Edelmiro, profesor admirable. Á Igrexa, do sacerdote cumpridor e exemplar no desempeño das ocupacións que lle foron encomendadas e dos deberes que lle foron confiados. Ós lectores dos seus traballos sobre a hidronimia, dos seus profundos coñecementos e investigacións. Á súa familia, do marido agarimoso e pai modélico. Ós seus colegas no ensino, do compañeiro preceptor e exemplar pedagogo. Ós especialistas das ciencias onomásticas, da inmensa contribución feita por el ós estudos dá hidronímia e dá paleolingüística galega, das súas teses científicas e das súas investigacións.

Testemuños de sdmiración á súa persoa

«Home universal do renacemento” – escribe sobre el un comentarista – “do que a súa sabedoría quedou reflectida nas investigacións de toponimia, onomástica, historia antiga, arqueoloxía, xeografía, relixións prerromanas e literatura antiga e medieval, etc.”. “Home cunha extraordinaria cabeza e o corazón axeitado para tanta cabeza, – comenta Xosé Manuel Carballo – queríalle moito a esta súa terra, pero o seu querer non tiña cancelas. O seu afán investigador non lle impedíu amar intensamente á súa familia, a canto quixo antes de formala e a cantos tivemos a sorte de ser seus amigos”. “Sentía placer – engade unha persoa do seu ámbito familiar – en hablar e intercambiar ideas, estimular, en definitiva, a otros muchos interesados en este campo de estudio. Rara avis, ávida de sabiduría”.

Investigaciones filológicas

Foi na súa etapa de profesor de grego no Instituto “Ramón Menéndez Pidal”, de A Coruña, onde empezou a elaborar un ficheiro coas súas investigacións filológicas recollidas ó longo dos anos. Produto delas foron as súas conferencias e traballos sobre léxico e onomástica prelatinos e preindoeuropeos, pronunciadas en diversos e destacados foros de España e de Portugal, e publicados en diversas revistas, galegas, españolas e internacionais, como, Veleia, Estudios Mindonienses, Studi Celtici, Paleohispánica, Verba, etc. E todo isto compaxinado coa publicación, asemade, de tres obras monumentais sobre a hidronimia galega: Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, publicado no ano 2002, Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia, saído do prelo no ano 2006, e finalmente, Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega, publicada no ano 2015, xa despois do seu pasamento. Obras nas que vai relacionando o nome de centos e centos de pobos, vilares, regos e ríos, moitos deles fosilizados ou xa esquecidos, e nas que corrobora as súas investigacións sobre a etimoloxía destes nomes acudindo constantemente a súa comparación e correspondencia cos de outras zonas xeográficas europeas. Son estas, publicacións tardías, froito das súas pescudas ó longo de moitos anos, e que comezou a dar ó prelo, xa sexagenario, animado polo profesor Dino Pacio, “sen cuxa insistencia estos estudos non houberan saído dos ficheiros donde dormían”, como o mesmo Edelmiro recoñece no prólogo do seu primeiro libro publicado.

 

Obra inédita

Sabemos por confesión do propio Edelmiro que tiña intención de continuar con tres publicacións máis para así completar e dar a coñecer os froitos de súas investigacións, recollidas nos seus numerosos ficheiros. Deixou inédita, ademais, unha colección de traballos breves, revisión doutros publicados denantes de maneira dispersa en diferentes publicacións. Deste xeito valora Dino Pacio a súa obra: “A súa é unha obra monumental e pioneira no campo da paleohidronimia e da toponimia galegas, mais aínda pola seriedade e pola honradez crítica da súas investigacións, sempre sometidas a dúbida sen deixar a imaxinación voar, práctica tan frecuente neste campo”.

“Entre os máiss egrexios de Galicia”

Como escribe Manuel Rivas García, ex-alumno de Edelmiro no seminario de Mondoñedo e hoxe catedrático de filosofía,“estamos ante un personaxe e unha obra que merece figurar en letras grandes entre os máis esgrevios de Galicia”. Dino Pacio Lindín, amigo e compañeiro de docencia de Edelmiro, escribe del que “foi un xigante nun mundo pequeno. Home escasamente valorado por ese mundo pequeno no que empezou a formarse, foille denegada unha beca para facer a especialidade de grego. Un obxectivo que Edelmiro logrou ó aprobar os cursos de 3º, 4º e 5º de clásicas nunha soa viaxe a Madrid”. E engade que “foi pioneiro na paleohidronimia da toponimia galega e na busca da raíz da etimoloxía azarosa de miles de palabras galegas deducidas da hidronimia”.

Foron moitas as persoas que acudiron a Edelmiro na procura de orientación e consello, tanto no campo da toponimia coma noutros moitos aspectos da vida, mesmo en asuntos privados e pra algúns, transcendentais. Ninguén quedou defraudado. Sempre, dunha maneira ou doutra, soubo acoller e tender a súa man amiga e poñer todo o esforzo en axudar a todos os que a el acudiron. Home cun sentido san do humor, bo e ameno conversador, gustaba desfrutar do ocio asistindo a xuntanzas e compartindo mesa e conversa con amigos durante horas. Conversas amenas nas que sempre predominaban, sobre de outros, temas de tanto interese coma historia, a arte, a toponimia, etc.

Reacio a publicar a sua obra

A súa humildade e sinxeleza, virtudes vividas por Edelmiro en grao eminente, espertaban sentimentos de afecto e admiración en quenes tiveron a sorte de coñecelo e tratalo. Persoa sempre sinxela, amigo sempre afectuoso e sempre disposto a axudar e a compartir os seus coñecementos con todos. Á pregunta que se lle fixo nunha ocasión sobre por que non dera antes ó prelo os resultados das súas investigacións, manifestou que tiña a sensación – tal era o seu grado de humildade – de que os seus traballos carecían da importancia e do mérito que se lles daba. Foi mais tarde, baixo a presión do seu amigo Dino Pacio, profesor de Sociolingüística Histórica na Universidade do Estado de Nova York no baixo Manhattan, que nunha xuntanza mantida entros dous se decidiu a organizar os seus traballos, pra dar ó prelo o froito das súas investigacións.

Pro, como di Dino Pacio nunha carta remitida pra ser lida no homenaxe que se lle fixo a Edelmiro na Coruña, co gallo da publicación do seu segundo libro, e na que recorda as palabras do poeta latino, Horacio: “Non omnis moriar; que traducido ó bo galego significa: Non!, non finarei de todo, Edelmiro sigue vivo no mundo da cultura e do noso corazón”.

Unha vida exemplar

E xa pra rematar, un recordo a quen, coa súa vida exemplar en tódolos ámbitos nos que traballou; como crego, como profesor e como cristián, coa súa adicación ó servizo, ó traballo e ó estudo. Coa súa vida exemplar deu honra ó nome do Seminario de Mondoñedo, no que se formou e ensinou, e tamén ás diversas Institucións nas que exerceu a súa profesión e traballou, deixando en todas elas gratas lembranzas da súa persoa, da súa labor e do seu paso por elas. Que as súas publicacións non figuren hoxe nos estantes da prestixiosa biblioteca do Seminario é un esquecemento imperdoable e unha vergoña. Pois, como ben di unha lenda que figura debaixo dun cadro que hai no Salón de Plenos do Concello de Ribadeo, adicado a un dos seus fillos senlleiros, “quien a su pueblo honra, merece la honra del pueblo”, o Seminario de Mondoñedo é debedor dun recoñecemento público a este extraordinario alumno, como expoñente da calidade educadora deste destacado centro de ensino, ó que Edelmiro tanta honra lle deu coa súa destacada obra. E outro tanto cabería dicir das Universidades galegas pola inmensa aportación que co seu traballo e investigacións fixo ó coñecemento da toponimia e da hidronimia galegas. Pro parece que a concesión do título de doctor honoris causa, do que era ben merecente Edelmiro, está reservado pra premiar outros méritos menos nobles e mais materiais cos aportados por el a onomástica galega.

  • (1) José María Rodríguez Díaz (Ribadeo, 1935) estudió en el Seminario de Mondoñedo donde fue ordenado sacerdote en 1958. Diplomado en música sacra por el Instituto Gregoriano de París, obtuvo por oposición la plaza de salmista de la Catedral mindoniense. Ejerció también como profesor del Seminario al tiempo que atendía otras funciones pastorales. En 1979 cesó en su actividad en el ministerio sacerdotal y pasó a ejercer como funcionario de la Administración del Estado.

En la actualidad mantiene una gran actividad como colaborador de diferentes medios de comunicación.

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*