Encontro bianual, por David Corral

Reencontrarémonos en Mondoñedo en outubro. Recoñecerémonos máis axiña porque en dous anos non deu tempo a desfigurármonos moito nin a memoria terá perdido demasiadas desconexións de neuronas. Así que en outubro a rememorar os pasos dados polo claustro pisando forte  sobre as lastras para correr o frío, abrir as portas das aulas para ver se envelleceron os pupitres  e resoa a voz do profesor e desta vez abrir  a porta e poder entrar onde antes non se podía, o dobre portalón da biblioteca que por non estar permitido entrar invitaba a facelo.

A Biblioteca, lugar sagrado

Eu pequei tres veces, ou dúas e media, porque as primeiras só foi pisar uns segundos en terreo sagrado para satisfacer a curiosidade e botar unha ollada ao que alí había;  libros vellos estantes de madeira e corredor alto con balaústre. A terceira vez pasei uns minutos con un compañeiro de dous cursos inferior Emilio González Rodríguez, de Sante, que ao deixar os estudos no Seminario estivo traballando en fichas na Biblioteca durante un tempo. Eu tiña referencias de que aquela era unha biblioteca moi importante, de moita sona, que gardaba tesouros escritos, pero daquela os libros vellos non tiñan para min o aprecio que hoxe lles teño. Non era un almacén nin un cemiterio de escritos. Non hai moitos anos a entrada foi legal e instrutiva baixo o ilustre guía e ilustrado D. Segundo que nos contou e cantou a excelencia das prendas  que alí se gardaban, despois de el tela  sanear e poñer orde naquela estancia hoxe revestida de dignidade.

Esta nova convocatoria en santa Catarina hanos traer  sen dúbida interese, emoción e quizais algunha sorpresa porque somos amigos dos libros e amantes da cultura e do noso patrimonio.

Eu agradezo a quen ten estas ocorrencias tan acertadas e a disposición de convocarnos e preparar este encontro ao que non quero faltar. Noraboa.

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*