Humberto Busto Abella

O maxisterio de Uxío e de Dino

Humberto Busto Abella

Humberto Busto Abella (Cariño, A Coruña, 1947) Seminarista 1958-1966

A miña permanencia no seminario de Mondoñedo foi de oito anos, entre 1958 e 1966, os dous primeiros en Lourenzá. As experiencias e acontecementos vividos ao longo desos anos foron innumerables, positivos e negativos. E de todo tipo: moral, relixioso, intelectual e puramente persoal.

Nestas liñas voume referir exclusivamente a dous profesores que co seu maxisterio e actitude persoal influíron de maneira relevante na miña formación intelectual e mesmo persoal e que pasados xa tantos anos continúo a valorar de xeito moi positivo.

Foi o maxisterio de Uxío García Amor na asignatura de Literatura, entre as varias que nos daba de xeito ben cumprido. E o maxisterio de Dino Pacio Lindín en Filosofía e en Socioloxía ( nos anos sesenta no seminario de Mondoñedo estudabamos Socioloxía!).

Con Uxío aprendín a redactar ( coa axuda daquela Formación del estilo do xesuíta Schökel) e prendeu en mín o gosto pola Literatura. Algunhas veces, nalgunhas circunstancias, aínda me ven á memoria algún rccordo das súas clases do teatro grego clásico, de Lope de Vega e a poesía do Século de Ouro. Mesmo a valoración que nos fixo de Picasso na clase de Historia da Arte e que me veu como un lóstrego cando, moitos anos despois, me atopei no museo Reina Sofía frente ao Guernica. Convertinme xa no seminario nun lector voraz e atrevinme con esa peregrinaxe espiritual das tebras á luz que Dante relata na Divina Comedia, cumio da literatura medieval, tal como aprendín nas clases de Uxío. Cando no ano 1990 a Xunta publicou a traducción ao galego realizada polo escritor Darío Xohán Cabana, volvín a meterme na obra de Dante, recoñezo que agora con máis proveito, e de novo unha lembranza me devolveu ás clases de Uxío. Tamén debo a Uxío o coñecimento da revista El Ciervo, que nos mostraba una mirada diferente. A partir dela coñecería o pensamento de Emmanuel Mounier e descobriría a Alfonso Comín, ese santo laico non-canonizable, exemplo de compromiso e entrega na loita pola xustiza.

Pola contra, non conseguín ler no seminario a poesía de Uxío que souben que publicara nunha revista de Roma, Estría. As páxinas onde figuraban os seus poemas aparecían recortadas. Moitos anos despois poiden ler os seus poemas. Entre eles, Unha rosa para ti, amigo Leiras. Outra vez un lóstrego iluminou a miña memoria: o último que fixera cando deixei o seminario, antes de subir ao autobús da Empresa Ribadeo que me levou definitivamente de Mondoñedo, fora visitar no cemiterio a tumba semiescondida e decoidada de Leiras Pulpeiro, o médico dos pobres.

Pola parte de Dino, coñecimos outras dúas revistas de máis difícil acceso: as revistas francesas Témoignage Chrétien e Informations Catholiques Internationales que Dino recibía e nos deixaba ler e mesmo comentaba nas aulas alguna información ou nos informaba de que fora secuestrada pola policía cando tal cousa acontecía coa segunda delas.

Dino estimulábanos para interesarnos polos filósofos e pensadores contemporáneos, ausentes da programación oficial. Co libro de Jolivet, Las doctrinas existencialistas, coñecimos filósofos como Kierkegaard e Heidegger, Sartre e Marcel, poñéndonos ao día na filosofía dominante en Europa. E coa axuda dos tomos de Möeller, Literatura del siglo XX y cristianismo, oímos falar, limos textos e comentamos pensadores e escritores que se nos presentaban como una fiestra cara a realidade. Aquel título do tomo I que nos chamaba tanto a atención, El silencio de Dios, reveloume a mín persoalmente a dous pensadores que nunca deixaron de interesarme dende entón. Un deles, Camus, e unha das súas frases alí recollidas: “facer sufrir é a única maneira de equivocarse”. E a escritora de orixe xudea Simone Weil, cualificada por Möeller como “mártir da caridade”: como se pode amar tanto ata deixarse morrer de fame en solidariedade co sufrimento doutros que están lonxe e non coñeces persoalmente?

As aulas de Dino abríronme ao traballo social; a traballar con outros na construcción dunha sociedade máis xusta e respectuosa con todos por riba das diferenzas relixiosas ou ideolóxicas que se dan en calquer sociedade e que algún día tamén se habían dar na sociedade galega e española, isolada entón polo muro do nacional-catolicismo. A isto unía Dino o seu exemplo co traballo que desenvolvía en Galgao e outras parroquias da contorna de Mondoñedo a favor da promoción dos máis desfavorecidos, dun xeito especial da xente máis nova.

Xunto co seu saber enciclopédico e a súa enorme capacidade de traballo, en Uxío impresionábame a súa bondade e humildade, xunto coa apertura ao diferente e o respecto a todos. En Dino, o seu dinamismo e constante acicate intelectual así como a capacidade para facer medrar en nós o sentido da responsabilidade persoal e social e das obrigas cívicas. Nestes dous profesores e formadores permítome personalizar esta miña homenaxe ao seminario de Mondoñedo.

Humberto Busto Abella

Cacheiras, Nadal 2014

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *