José Puente Abelleira

ESTE PEQUENO DEBERÍA IR PARA O SEMINARIO

 José Puente Abelleira

José Puente Abelleira

Entre D. Jesús, o mestre de Xermar e D. Benjamín o cura, aló polos primeiros sesenta, debéronlle dicir a meu pai algo semellante. Si a iso se lle xunta que na escola non iría moi mal e que tiña un tío cura por parte de pai e outro por parte de nai, a vocación estaría asegurada.

Así que no ano 61 empecei no Seminario de Lourenzá o primeiro curso, coma todos. Coma todos tamén, en terceiro pasamos a Mondoñedo, xa con sotana. Ata quinto en que deixei o Seminario.

Para seguir estudando,nos convalidaban hasta cuarto, pero sen a reválida. Preparei a reválida na academia Alvarellos e aprobeina en xuño. Por casualidade, entereime de que me podía presentar a quinto por libre e tamén o aprobei, menos francés e debuxo. O debuxo saíu en setembro mais o francés seguiu acompañándome en sexto.

Rematado o bacharelato, meus país non me podían pagar unha carreira en Santiago, aínda que ao mellor si Maxisterio en Lugo. E foi outro mestre, D. Germán, quen me aconsellou facer uns cursos de aviación comercial que acababan de empezar na Coruña. E así foi como acabei facéndome controlador aéreo. Despois xa traballando, rematei a carreira de Dereito e estiven con Nacións Unidas en América latina en Asia Central (cheguei a Samarkanda, que non hai nada igual no mundo enteiro).

Da época do seminario véñenme a memoria tres cousas: o Concilio Vaticano II, que penso que nos marcou a moitos e o asasinato de Kennedy, que nunca souben porqué. A terceira cousa que sempre me ven a cabeza, como penso que é natural, son os profesores. Eu acórdome deles, de cada un a súa maneira, aínda que non teño mal recordo de ningún deles. O que si que penso que influíu en min foi a chegada de D. Darío Valea, aló por cuarto ou quinto, debeu ser. Aquilo foi como abrir todas as fiestras do seminario e deixar pasar un aire fresco que viña de fora, que eu non sabía nin que existía.

E todo isto foi posible grazas a decisión que tomaron meus pais de mandarme o Seminario e o esforzo que iso lles custou. Tampouco me poido esquecer de meus irmáns, Lourdes e mais Emilio, que teñen traballado moito na casa para que me puideran pagar a min o Seminario. Nunca poderei facer por eles o que eles fixeron por min.

Para rematar estas reflexións, gustaríame agradecer a comisión organizadora de este homenaxe que fixeran refrescar a miña memoria con estas lembranzas, que ao fin son a orixe de miña vida, dos principios e valores que a fixeron e que eu intentei pasar a miña filla e que espero que ela pase a súa.

Agora que son avó e que estou xubilado, con estes pensamentos tan frescos na miña memoria, cada vez que vaia por Xermar a vida collerá, sen dúbida, outra velocidade.

José Puente Abelleira. Madrid abril 2015.

Una Respuesta a José Puente Abelleira

  1. Lourdes dice:

    Sen dubida para quen somos a tua familia e un orgullo que chegaras a donde chegache, pero non solo na tua vida profesional senon o que e maís importante, neses valores dos que falas no teu escrito.
    Cada día sentimos ese agradecemento que por outra parte non e necesario, pero que emociona.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *