Outono, outonar, outonía

 Por Xosé Manuel Carballo Ferreiro

Xa publiquei estes pensamentos en varios medios. E como un complementiño aínda que sexa pequeo nunca ben mal, tratei con Barro Bello e chegamos a un acordo. Tamén se vai publicar nesta web, pero neste caso vai a comisión. O asunto saíu un pouco longo, porque xa se sabe, os filósofos cando collemos ó xeito a Atenea, a deusa da Filosofía, que polo visto segue solteira e sen compromiso, engedellámonos con ela de mala maneira. Ramón avisoume:

-Mira que se te le alguén será de vista cansada. Non te alargues para que non se lles galle (a vista).

En vista diso vai en dúas entregas: Si. Dúas: a 1ª e a 2ª. E por unha vez e sen que sirva de precedente, vou empezar pola 1ª.

Ferrol: festa da autonía vital

Chegoume hai  poucos días, vía internet,  una misiva do amigo e compañeiro Xaquín Campo Freire, un crego argalleiro, xubilado e xubiloso, que non para de fabricar eventos humanitarios. Nela facíame saber que aló polas parroquias de Mandiá e Marmancón do Ferrol van celebrar a outonía vital  en comunidade os que están metidos nesta estación da vida e non perderon por iso o gusto por celebrar.

Cousas así non deixan de recordarme que eu tamén xa levo un tempo vivindo a miña outonía. Non me parara moito a pensalo, nin me pararei moito tampouco agora; pero foron xurdindo algún pensamentos que aínda non cribei. Con permiso, vounos pousar aquí tal e como me encontraron e, se teño tempo, cando maduren xa volverei pra cribalos e ordenalos un pouco, se non se me barre da memoria o asunto.

De neno escoitaba moito máis ca agora as palabras outonar e outonía, porque o cambio climático, as progresivas mecanizacións dos traballos do campo e a modificación de cultivos ata desprazan e moven de sitio o que viña sendo característico de cada estación.

A autonía é outra primavera

Na outonía era o tempo do novo renaceren os pastos e ata un chisco de herba verde nos regadíos sen necesidade de volver a estercar, senón aproveitando o estercado de vello, estimulado polo cambio de estación e pola chuvia maina que enchoupaba as terras sen anegalas aínda. A outonía é outra primavera e primavera é sempre no imaxinario colectivo anuncio de vida e nunca de morte, aínda que as revolucións de sangue que a acompañan sexan a miúdo mortíferas.

Contra o que lamentan moitos, a primavera de outono nin é murcha nin triste nin decrépita, coma se non houbese máis que  agardar o inverno ou a morte.

Ben mirado, a morte agardámola desde que somos concibidos, pero normalmente é un agardar activo, celebrando a vida cada día, vivíndoa con gozo pra que sexa un agardar celebrativo e incluso festeiro por veces.

Vivir en maior intensidade

Parece que a primavera de outono é máis curta cá outra e éo, porque a de outono  encádrase nas lindes de 89,6 días e aquela en 92,9. Pequena é a diferenza; pero que unha hora, sempre de 60 minutos, se faga máis larga ou máis curta depende de moitos factores non sempre controlables por un mesmo. Así e todo, tamén creo que a pequena diferenza en tempo pode compensarse vivindo en maior intensidade e saboreando cada instante de paso que se lembran sabores xa moi apresos e medio esquecidos debido ás présas de outras estación vitais.

Outono non é tempo de pecharse na casa tras do  lume por medo á friaxe que vai vir, nin de quedarse mirando pola ventá como chove; porque di un vello proverbio inglés que nunca chove tanto fóra como parece desde dentro por tras da fiestra. Pero dáse o caso de que outonar tamén tén o significado de adquirir tempero a terra grazas á auga. Se cadra non nos ven mal tamén algo de máis tempero e deixarnos mollar mellor ca noutras etapas nas que puidemos andar medio impermeabilizados pola fachenda ou co paraugas moi aberto pola prepotencia.

 

II

Despois de xubilados non é infrecuente escoitar: “A ver cómo mato o tempo”. O tempo non hai que matalo, que, se non se vive, xa morre soíño.

Ó comezo da outonía aparecen as flores chamadas «sacamerendas», esa especie de lirios cor lila pequerrechos. Cando era pequeno trispábaos con furia, porque tiña que merendar pra medrar, pero agora xa nin me fixo neles, porque agora non teño que repoñer tantas enerxías e ademais debo gardar réxime, non pra comer menos, senón pra comer mellor. Xa se ve, ou mellor dito, xa se verá, o resultado que lles deu a bárcenos,  marioscondes, urdangaríns e demais familia estrada polo mundo engulir coma cochos da ceba moito en pouco tempo. E máis con esta xente e a súa parentela nin sei se non se acabará descubrindo que a xustiza sofre amnesia.

Recordar, non inventar

Tamén é tempo de repasar as memorias, porque xa vai habendo moito que recordar, pero, por favor, non inventemos o que non foi, pra ben ou pra mal, que se corre o perigo de acabarmos crendo a propia mentira inventada e acabar pensando que somos outro distinto do que fomos ata aquí, e os que nos coñecen de vello han dicir  que chocheam+`pos.

Aínda que un non fixese moito pola vida nin fose un agarrado, temos moito que perder e debemos tratar de conservar; por exemplo: a palabra, que nola queren roubar os da televisión ou os da casa pra seren condescendentes cos que entran de fóra polo televisor.

E quen teña a sorte de atopar un netiño capaz de desconectar do móbil, que non lle fagamos escoitar corenta veces a mesma cantinela de: «Cando eu era coma ti… facía e acontecía…» Non. Que o escoite a el e verá canto se pode aprender dun neno.

Cando xa no nos escoitan

Se a parella, ou un familiar ou amigo ou amiga, xa non escoita, aínda que se lle nota que oe e se nos mira coma se fósemos un descoñecido, aforremos palabras e falémoslle coas mans, que unha caricia vale por mil imaxes e non é pecado.

O que vou dicir pra rematar eu non o sei por experiencia se é certo, pero parécemo: Na outonía, pra durmir é tan bon ou mellor coller pola man á parella ou parello, ca tanta pastilla.

E, con permiso, vou parar que, polo visto, no outono tamén hai que aforrar neuronas pró inverno.

Boa festa. E apertas, compañeiros e compañeiras de viaxe. Ímolo pasar ben xuntos no tren da vida e nada de pensar en apear en ningunha estación anterior á que lle corresponde a cada un nin de desistir de seguir en cada etapa, que nos agarda a meta da Vida en plenitude.

 

 

 

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*