Libro en homenaxe a Xosé Manuel Carballo Ferreiro

Duascentas persoas, amigas e amigos de Xosé Manuel Carballo Ferreiro, manifestamos nun libro recentemente saído da imprenta que un dos trazos esenciais do seu perfil semella ser coma a CERNA DE CARBALLO: forte, dura, firme, constante, convincente, resistente ás intemperies. Todas elas cualidades axeitadas para tempos de inquedanzas. A personalidade de Xosé Manuel é polifacética; e por iso eses 200 amigos o ven desde experiencias e relacións diversas: como cura, como profesor, como escritor, como director de teatro, como humorista e mago, como persoa humanista e bo animador.

Desde a perspectiva de cura son moitos os compañeiros sacerdotes, ex-seminaristas, veciños e fregueses  que expresan a súa admiración e identidade coa persoa e traballo do amigo e párroco de San Martiño de Goberno e doutras parroquias do concello de Castro de Rei. Xosé Manuel escolleu ser un cura do rural e para o rural galego nun tempo de incertos cambios, desenvolvendo unha prolongada e paciente labor social sempre impregnada dun profundo espírito relixioso. Aí está esa sementeira que non poderá ser esquecida nun desenvolvemento e  nunha evanxelización do mundo rural galego.

Do seu paso como profesor polas aulas do ensino primario e medio queda acreditado o bo traballo e pedagoxía segundo o testemuño de numerosos compañeiros,  profesores e alumnos. Nun intre social en que a clase de relixión no ensino público pasou e segue pasando por incomprensións incomprensibles, manter un alto nivel pedagóxico, unha empatía e unha rede de sincera amizade humanista non é tarefa fácil. Hai que ter certa de Carballo.

Outro grupo de amigas / amigos de Xosé Manuel fan referencia a narrativa de Carballo, especialmente a lectura da novela de «Don Otto de viaxe pola Chaira» que lles fixo revivir a simpatía e amizade co autor. Hai tan só uns meses que tiven que  facer unha breve recensión dos libros «Parábolas chairegas», «Don Otto de viaxe pola Chaira» e as obras de teatro «Menciñeiro á forza», «Dous vellos e unha soidade», «Vaise pechar outra casa máis», «Bo Nadal», «Recobrou o sorriso o Eleuterio». Despois dunha pausada lectura  cheguei á conclusión de que, para comprender os profundos cambios da sociedade rural galega, especialmente da Terra Chá, é imprescindible ler os textos de Carballo. Unhas sinxelas tramas dramatizadas, feitas a rentes do chan, explican máis que moitas disertacións. Con estas obras curtas e co sempre bo humor de Xosé Manuel, sementa conviccións, convence como persoa e como animador social.

Os eidos onde Xosé Manuel Carballo se transforma nun personaxe mediático, moi coñecido na provincia de Lugo, no resto de Galicia e noutros lares, son a direción do grupo de teatro «Os Baluros» e as súas actuacións como mago con moita atracción e longo percorrido. Un bo número de amigas/amigos así o testemuñan con entusiasmo, desde profesionais dos medios de comunicación ata as máis variadas profesións.

Detrás de amplo abanico de amizades sinceras, o secreto está en encontrarse  cunha persoa sinxela, humanista e cunhas excelentes cualidades de bo animador. Grazas, moitas grazas, Xosé Manuel, e moito ánimo. Seguro que os contratempos que poidan axexarnos nesta terceira idade non serán capaces  de dobregar esa CERNA DE CARBALLO.

                                                                 Xenaro Pérez López.

Portada do libro Cerna de Carballo
Portada do libro Cerna de Carballo

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*