Antón Lamapereira López

Nacín en Monforte de Lemos (1945) , segundo reza a partida de Bautismo, ou en Ferrol -antes “del Caudillo”-  segundo o Rexistro Civil. Cousas da vida.

Antes de entrar no Seminario de Vilanova de Lourenzá  aprendín as primeiras letras nunha pequena escola particular, no baixo do nº 3 da Av. José Antonio Girón- hoxe de Carballo Calero- das Casas Baratas de Ferrol.

Logo entrei na Escola Obrera que rexían os Hermanos de la Salle. Nomeábase  “escolobrera”, porque nela estudaban os fillos dos traballadores da Empresa Nacional Bazán. As instalacións eran estupendas.Todo o profesorado eran frades menos  Don Manuel Palmeiro que,  como castigo,  nos poñía cincocentas  copias coa frase, por exemplo,” no debo hablar en clase”.

Outros profesores castigaban dándonos golpes na palma da man cunha  regra de madeira.

En fin, fomos sobrevivindo a este terror. Como “sobrevivimos” ao “Cara al sol” que cantabamos pola maña en formación mentres se izaba a bandeira.

Desa época recordo tamén o vaso de leite americano e o bocadillo. O capelán era Don Manuel Pérez Fanego,  que foi quen me animou a entrar no seminario pois me debía ver moi devoto cando lle axudaba á misa.

 1956-1957. Entrei no Seminario de Vilanova de Lourenzá con 11 anos e aquí faciamos os dous primeiros cursos de Latín e Humanidades.

Recordos e sensacións? Cando me chamou por teléfono Ramón Barro, un dos coordinadores desta páxina web, para preguntar se quería colaborar, díxenlle que con moito gusto. Mais agora que comecei a escribir algúns datos biográficos  comprobo que as lembranzas – imaxes, palabras, sons, cheiros, emocións…. van xurdindo unhas tras outras enganchadas coma as cereixas… o que convertería esta presentación nun ladrillo. E aínda estou en Lourenzá ! Decido, pois,  ser breve, trazar uns trazos o máis persoais e espontáneos posible,  de cada etapa e oxalá que coas achegas de outros ex seminaristas e compañeiros poidamos ir completando un gran fresco, un collage,  que ilustre, coas súas luces e sombras, ademais  da marca  persoal que deixou en cada un de nós, a relevancia socio cultural que tivo o Seminario de Mondoñedo en Galicia e máis aló dos montes da Canda e o Padornelo…ou mellor, en Galicia e no mundo.

En Lourenzá.-E volvo ao rego. Recordos e sensacións deses dous primeiros anos de internado en  Lourenzá? Lembro a figura de  Don José María Puente Martínez como a dun pai agarimoso e severo. Gardo a súa imaxe sentado nun banco que había no corredor debaixo da campá. Era un xogo  para cativos (“cativallos”, nos chamaba con agarimo), Un de nós  puña  a cabeza agochada no seu colo e mentres os demais golpeabamos as costelas do compañeiro, el guiaba os golpes coa canción  “… amagar y no dar… ou dar sin hablar…” pandaba aquel compañeiro que se trabucase. Ou cando viña visitar os enfermos con febre e tocaba coas mans frías para animarnos. Ou  ruído das súas botas que tamén lembra Angel Felpeto no seu artigo: “Lecturas de Lorenzana: libro tercero”. Non sabía que Don José María ía pedir axuda e colaboración  polos pobos para a nosa alimentación como tamén comenta Felpeto .

Lourenzá  tamén é para min a aprendizaxe das declinacións con Don Darío Balea; baleirar o ouriñal cada maña nun recipientes enormes… e aprender o xogo  do  ping-pong ao que lle dediquei moitas horas de lecer.

Xa tiñamos un “Director espiritual”. Lembro ben se era Don Manuel Vilela? ( Ai! a memoria que enganosa é as veces. Velaquí como esta web de ex seminaristas pode axudar a superar eses posibles enganos e lapsus memorísticos)

 

Monheim, Renania del Norte-Westfalia (Alemania), 1964. De Esqda. A Drta: Antonio Rivera, Sixto , Lamapereira e Varela Gesto

 

1958-1961 Seminario Menor en Mondoñedo

Aquí xa iamos uniformados con a sotana, a beca e o bonete. En plena adolescencia!. O noso prefecto Don José María Fernández, preocupado pola nosa hixiene e o deporte. Os equipos de  fútbol e de   balonvolea, as ligas –ademais dos estudos, en maior ou menor medida…-ocupaban o noso tempo. E mesmo faciamos crónicas dos partidos que se publicaban en “Palestra” o noso mural.

Don Eugenio García Amor. Un nome que asocio á música e a sensibilidade. Foi nesta época cando instalaron a megafonía e escoitabamos música clásica ao espertar? Ou foi xa no Seminario Maior? En calquera caso foi unha magnífica idea. Coido que foi nesta época cando se representou “Escuadra hacia la muerte”, de Alfonso Sastre,  na que eu participei. Tamén actuaron Pampín e Xulio Leal se non recordo mal. O teatro sería no futuro algo que me interesou fondamente polo que logo contarei.

O galego, castigado.-É unha fantasía miña ou foi certo que houbo un momento -non lembro o curso nin que superior foi- que promoveu unha campaña para que se “auto castigase” quen, xogando ao ping pong ou ao fútbol,  se lle escapase algunha palabra en galego? Ou foi un pesadelo meu, aínda que “os ferroláns” non falabamos en galego ?

Sexa como fose, o certo é que a lingua galega estaba desterrada e visto agora coa distancia do tempo sorprende que o profesorado máis culto e avanzado non fose consciente da súa importancia e tentase dalgún xeito    cultivala mesmo nos tempos do franquismo. Sería moi revelador, para profundar na antropoloxía galega, indagar sobre o que acontecía neses mesmos anos nos seminarios de Catalunya ou Euskadi…

E remato co Seminario Menor. Xa en quinto de latín,  unha das situacións conflitivas era a de aqueles compañeiros que ían deixar o seminario ou porque o desexaban ou porque llo aconsellaban… Sempre resultaba doloroso a separación das boas amizades.

Arriba (de esquerda a dereita): Varela Gesto, Xesús Ferro, Tomás Nécega, Portela Lamela, Piñón Saavedra, Xerardo Vilas, Martínez Aneiros e Rivas Goyos. Medio (de pé): López Castro. Sentados: García Otero, Sánchez Hermida, Manuel Roca, Candia Martínez , Mouriño Penabad e Gómez García. Abaixo: Montero Santalla, Canto Otero, Lamapereira, Lagares Otero, Vale Ínsua, Rivera García e Manuel Carballo

 

1961 –1964 Seminario Maior.  Filosofía. Habitación individual. Posibilidade de fumar…Banalidades?

Un cambio no curriculum e no profesorado: Lóxica e Crítica, Ontoloxía, Cosmoloxía, Sicoloxía, Ética, Socioloxía…

E  un nome que gardamos moitos na memoria: Dino Pacio. Alén de outros aspectos, persoalmente estoulle agradecido por fomentar entre o alumnado, as viaxes e o traballo no estranxeiro aproveitando as súas vacacións nas que suplía a algún crego e nos procuraba traballo ou residencia. En París e Marsella fixen traballos de limpeza; en Monheim, Alemania, estiven na cadea de montaxe  dunha fábrica de cadeas. Resultou unha auténtica universidade. Compañeiros que recorde agora nestas aventuras: Piñón, Rivera, Guerrero, Aquilino…

Colaborei nas revistas  “Juventud” e “Trapecio” e actuei na obra”El cuatrigemino” xunto a Xosé Manuel Carballo, Xulio Leal e outros compañeiros que non lembro.

As voltas e reviravoltas da vida leváronme a que moitos, moitos anos despois (2012), xa xubilado, Xulio  me ofrecese dirixir un espectáculo ao grupo Avelaiña Teatro de Pontevedra e que dous anos despois lle fixese unha entrevista a Xosé Manuel Carballo que se publicou na Revista Galega de Teatro ( nº 79) da que fun fundador e director.

 1964-1965  1º de Teoloxía. Comecei os estudos coa idea de seguir Teoloxía na Universidade Pontificia de Salamanca aínda sabendo que tería que repetir o curso pois non sentía a urxencia de rematar a carreira e recibir as Ordes Menores. Esta circunstancia de ir retrasando a decisión de ordenarse presbítero era bastante habitual entre a maioría de compañeiros. Foi o curso que máis estudei pois quería xustificar ante o reitor a miña decisión de cursar Teoloxía na Pontificia.

 1965-1968  Foron os anos que realicei tres cursos de Teoloxía na Universidade Pontificia de Salamanca, residindo no Colexio Maior San Carlos Borromeo.

Sobre este tempo na cidade do Tormes escribo de vagar no artigo titulado “Agromar de Galicia en Salamanca”

En 1968 abandonei os estudos eclesiásticos.

1968- 1972 . Volvo a Universidade Pontificia a rematar a Licenciatura en Sagrada Teoloxía para poder validar as materias de latín, grego e relixión dos dous cursos de Comúns na Universidade Civil. En pleno franquismo e a pesar do Concordato,  unha Licenciatura en Sagrada Teoloxía só tiña ese recoñecemento na universidade estatal! Compre lembrar aquí que moitos anos máis tarde, polos anos oitenta, a Licenciatura en Teoloxía era equivalente a outra licenciatura permitindo presentarse a oposicións convocadas polo Ministerio de Educación.

Neste ano fun elixido, con outros compañeiros, como  delegado na Facultade de Teoloxía. Foi o curso da folga na Pontificia reivindicando cambios entre o profesorado.

Dous  cursos de Estudos Comúns na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Salamanca.

 1972-1973.  Roma. Facultade de Filosofía. Pontificia Studiorum Universitas A. S. Thoma AQ. In Urbe. Angelicum.

Elaboración con Joan Trillo e Xosé M. Álvarez García da revista  “Trebellos”, cuxo obxectivo era establecer contactos entre os galegos que viviamos en Roma e entre estes e Galicia e por suposto coa xente de Salamanca.

Homologación de licenciatura en Filosofía.

 1973-1974 Servizo Militar. Campamento en Figueirido.

Destino: Infantería. Goberno Militar de Ferrol1975 a 1982. Profesor Interino de Bacharelato en La Solana (Ciudad Real). Educador na Universidade Laboral de A Coruña. Profesor Interino de Bacharelato en Ferrol e Cee. En ámbolos dous institutos colaborei na organización dun grupo de teatro

Como responsable do grupo de teatro da U.Laboral para aprender algo de metodoloxía, decidín  matricularme nun curso que organizaba Teatro de Circo de Coruña. Con posteridade formei parte da Escola Dramática Galega e desde entón non deixei de participar nas actividades desenvolvidas polo teatro afeccionado.

 1983 Profesor Agregado de Filosofía no Instituto de A Guia (Vigo)

 1984 a 2005,  ano da xubilación: Profesor de Filosofía nos Institutos de Rodeira e María Soliño en Cangas do Morrazo. E animador dos seus Grupos de Teatro.

 

De pe (de Eqda. Drta).: Cabado Pampin, Calvo Fernández, Alfonso Pernas Rey, Ferro Marínez e Santalla Couto. De coscas: Lamapereira, Martínez Aneiros e Conde Núñez