Comenzaba o outono
do ano cincuenta e dous;
chegaban a Vilanova,
maleta e colchón rolado,
unhas ducias de rapaces
para seren estudiados.
Todos eran ben nacidos,
algúns a medio criar,
deixaban atrás agarimos,
a quentura do fogar,
a compaña dos amigos,
a vida en liberdade.
O vello e triste cenobio
maltratado polo tempo,
mutilado e afundido,
vaise enchendo de barullo
a medida que os rapaces
conquistan claustros e muros.
Hainos que son espelidos
e outros moi coitadiños,
que ocultan sentimentos
e botan en falta aloumiños
no medio das frías pedras
e as estancias largacías.
Desenrolar o colchón
sobre camastro de ferro,
estirar sobre del as sabas,
a colcha e o cobertor;
dúas ringleiras de camas
enchían todo o salón.
Á cabeceira da cama
almofía para lavarse
e unha xerra para a auga;
baixo o leito o ouriñal;
aos pés para termar da roupa
unha cadeira gastada.
Ao son dunha seca palmada
apágase a luz da sala
para meterse na cama,
e volvíase prender
despois de poucos segundos
para ver a xente agochada.
Uns gardapós, color gris
feitos ou non a medida
compuñan a indumentaria
de cumprimento obrigado;
pelo peiteado para tras,
nunca á raia ou moldeado.
De menor sempre a maior
por rigorosa estatura
formábanse dúas reas
de pícaros de igual medida
que non marchaban a paso
sen orde xa recibida.
Longas xornadas de estudio
en pupitres de madeira
nunha gran sala aliñados
e sempre cun ollo enriba;
ou ben aprendendo verbos
ou oracións transitivas.
Especial pedagoxía
empregábase nas aulas:
insolidaria ás veces
e sempre competitiva;
estímulos ben escasos,
valores adormecidos.
A pesar de todo iso
e quizais a iso debido
saíron adiante os pícaros
e deron boa medida
para iniciarse na ciencia
e para batallar na vida.
Foron nacendo amizades
e relacións variadas
que van tecendo miúdo
un mundiño moi pechado,
necesario para vivir,
útil para ir medrando.
Van aló cincuenta anos
e a pesar de tanto tempo
con gozo hoxe lembramos
aqueles tempos vividos
dentro do mosteiro,ao pé
do Conde Santo bendito.

Dejar una contestacion