“Trapecio” e a nosa mayoria de idade

Redacção de "Trapecio" no curso 1963-64: arriba, da esquerda Antón Lamapereira, Montero Santalla, Antonio Rivera, e abaixo Félix Villares Mouteira.
Redacção de "Trapecio" no curso 1963-64: arriba, da esquerda Antón Lamapereira, Montero Santalla, Antonio Rivera, e abaixo Félix Villares Mouteira.

Por Ángel Felpeto Enríquez

Recordo ben aquel verán do 64 como o momento no que sentiamos alcanzar a maioría de idade a pesar dos dezasete anos. Cando volvésemos en setembro xa eramos alumnos do Mayor. Xa non tiñamos que sentir  envexa daqueles que tiñan o seu cuarto individual, que cursaban estudos de filosofía e tiñan algúns privilexios que nos parecían inalcanzables.

Chegou setembro e ao cruzar a porta xa non tiñamos que virar cara á esquerda nin pedir permiso para vir ao “cuarto das bolsas” para recoller cada quince días a bolsa coa roupa recentemente lavada que nos enviaban da casa e os chourizos ou as castañas cocidas que estabamos a desexar recibir. Os villalbeses cada primeiros de mes o luns despois de feira ou os terceiros mércores do mes despois do “feirón”. Xa eramos alumnos de pleno dereito do Mayor. Pouco a pouco iámonos integrando non só nos novos espazos, horarios, maior autonomía etc., senón que os nosos compañeiros de segundo e terceiro axudábannos a iniciar esta nova etapa.

 

Mi entrada en “Trapecio”

E facíano contando connosco nas actividades deportivas, musicais, teatro etc. E, como non, tamén foron contando connosco primeiro como colaboradores e posteriormente no grupo de redacción de TRAPECIO. Teño moitos recordos episódicos de horas restadas ao soño, daquela máquina copiadora que tecnicamente chaman “mimeógrafo”, do cheiro a alcol e da cor morada das follas impresas.

Pero sobre todo recordo ás persoas Nos primeiros meses do curso 64/65 nun deses momentos de recreo no campo de fútbol, mentres uns xogaban e outros como simples espectadores conversabamos tranquilamente, Andrés García Paz invitounos a formar parte do grupo de colaboradores de TRAPECIO. Non lembro con exactitude, e sen querer deixarme a ninguén, Novo Cazón, Meilán, Dositeo Artiaga, Álvarez Lejo, Moisés Lozano, Manolo Villares, Javier Blanco, Wenceslao, Tojal….asistimos a unha reunión con quen nese momento formaban parte da redacción.

Eu co que tiña mais contacto era con Félix Villares por razón de veciñanza e parentesco familiar e sabía da súa inquietude e dedicación a todo tipo de actividades especialmente as literarias. A Montero Santalla, Busto Abella, Manuel Rivas, Chao Falcón etc. coñecíaos menos,  pero para nós todos eles eran un referente. Ramil, Ledo, Leal, Pedro Conde e seguro que outros tamén estiveron en diversos momentos, aínda que nese primeiro curso lembro a Villares e Montero como impulsores do proxecto. Nese primeiro ano os do meu curso intentamos ser colaboradores eficaces achegando ideas, escribindo e no caso de José Ramón García López debuxando algunha cousa que lle encargaban. Pero por encima de todo estaba Wenceslao Vila Poupariña que destacaba polas súas calidades como escritor, como poeta e tamén por facelo en galego. Como anécdota singular direi que nalgún número tamén colaborou Benedicto Palmeiro o único do noso curso que foi ordenado sacerdote, hoxe párroco de Bretoña.

Superando obstáculos

Nos cursos seguintes pasamos de axudar a ir tomando a vez para que TRAPECIO fose mesmo un medio de comunicación entre nós en vacacións. Agora volvéndo a vista atrás comprobamos que tanto no verán como mesmo nalgún nadal publicáronse números do xornal escolar, porque era iso, o que hoxe entendemos por un xornal escolar. Hoxe iso tería pouco ou ningún mérito pero daquela supoñía ter que desprazarse a Mondoñedo tres ou catro días desde as nosas casas onde no verán axudabamos a segar ou a recoller a herba. Hoxe tampouco tería ningún ou escaso valor conseguir a colaboración de Alonso Montero, Trapero Pardo ou mesmo do noso Bispo. Entón non só era difícil comunicarse con personalidades dese mundo da docencia ou da prensa ou acceder á máxima autoridade eclesiástica, era case imposible e tardábase tempo en conseguilo. Nun deses números de verán coméntase que tivo que vir Chao Falcón coa súa máquina de escribir desde a súa casa; imaxino que non se puido atopar unha no seminario. Lembro noites que con permiso de D. Digno quedábamos ata as tantas facendo as copias e grampando revistas para que puidesen saír na data prevista. Lembro debates e discusións sempre amigables sobre se debía de ter ou non un certo carácter reivindicativo ou de denuncia ou onde estaba o límite da páxina de humor. Todo isto e moito máis é precisamente o que hoxe nos segue unindo e seguimos agradecendo a todos os que formaron parte da nosa vida neses anos:  institución, formadores e compañeiros e esa cidade de Mondoñedo da que temos un recordo indeleble.

 

1 comentario

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*