A voz de Vilalba

Luís Fernández Paz e o seu laúde

Por Germán Castro

(Artigo publicado en A Voz de Vilalba)

 

Lourenzá, curso 1954-1955. Luis, cós seus compañeiros de Primeiro de Latín nunha excursión.
Lourenzá, curso 1954-1955. Luis, cós seus compañeiros de Primeiro de Latín nunha excursión.

Un dos impactos emocionais máis negativos que sufrín no Seminario de Mondoñedo foi a morte dun condiscípulo vilalbés, Luís Fernández Paz (1). Un día, á volta dun dos habituais paseos pola comarca mindoniense, atopouse mal, con algunhas molestias intestinais. Deitouse e ao día seguinte, un compañeiro que ocupaba unha habitación contigua, José Ramón Franco Trashorras (Riotorto, Mondoñedo), hoxe avogado con residencia en Madrid, vendo que non se levantaba, que non ouvía ruído algún no habitáculo que tiña á beira, asomouse para ver e atopouse a Luís na cama, onde xacía xa cadáver. Nunca esquecín este tráxico episodio -imaxínome o shock de Franco Trashorras- de morte súbita nunha persoa tan nova, tería 15 ó 16 anos, moi apreciada por todos os alumnos. Foi un feito luctuoso que sumiu na tristeza a toda a comunidade de seminaristas. Na retina quedoume unha fotografía: Luís Fernández Paz punteando o seu laúde. Comentando o caso recentemente -con motivo da posta en marcha dun acto de recoñecemento ao Seminario de Mondoñedo, que se celebrará no último trimestre do ano- outro compañeiro de Seminario e de oficio, o xornalista ortegano residente en Madrid, Ramón Barro Bello, dicíame «era louro, tiña cara de angelote e mostraba unha especial sensibilidade pola arte e, particularmente, pola música na que se realizaba a través do seu laúde. Non lle falases de fútbol e outras actividades nas que nos mergullábamos a maioría», precisaba Ramón Barro. Precisamente, nunha foto que loce a Web da homenaxe ao seminario coa que se ilustran estas liñas, aparece Luís, formando corpo de teatro cun grupo de compañeiros entre os que se ve co seu inseparable instrumento de corda. Nalgunhas ocasións, eu, que tocaba a harmónica, téñome reunido con Fernández Paz no intento de combinar ambos os instrumentos, corda e vento, e, se o recordo non quedou desvirtuado polo tempo, creo que o resultado era bastante aceptable. Teño tamén presente que estaba moi unido na amizade co seu paisano Manuel Cillero Hermida, que logo, xa cura, teriamos por aquí, por Ferrol, até o seu falecemento. Naturalmente, entre os elixidos contaba, así mesmo, o tamén extrañado Bernardo García Cendán, igualmente moi querido e lembrado en Ferrol e ao que penso noutro momento dedicar unhas liñas. Transcorreron moitos anos, medio século longo, e moitas vivencias hanse difuminado no noso particular «disco duro» e nas páxinas, xa cor sepia, do libro da vida en común desenvolvida nos anos cincuenta entre as paredes claustrais de Vilanova de Lourenzá, primeiro, e Seminario de Santa Catalina de Mondoñedo, despois. Avivada a miña conciencia de chairego de sangue e de antigo compañeiro de Seminario, quero neste honroso espazo que me brinda A Voz de Vilalba deixar constancia de memoria e recoñecemento a este mozo, que desgraciadamente nos abandonou de maneira prematura, pero que todos, de xeito singular os do curso 1954, lembraremos sempre.

(1). Naceu en Vilalba en 1943 e ingresou no Seminario Menor de Vilanova de Lourenzá no curso 1954-1955.

 

Comentario de Agustín Fernández Paz

Agustín Fernández Paz, irmán de Luis, escritor e profesor, Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, define nestas lías que siguen alguns valores que xa o noso compañero apuntaba na sua adolescencia de seminarista.

“Quero expresarlle a Germán Castro”, escribe Agustín, “o meu agradecemento –compartido coa miña irmá Tita– pola fermosa e emotiva lembranza que fai do noso irmao Luís, compañeiro seu no Seminario de Mondoñedo. Cando Luis morreu, nas duras circunstancias que relata Germán, tiña 18 anos. Non preciso explicar a dor inmensa que supuxo para a miña familia, unha dor que aínda persiste hoxe, aínda que temperada polas lembranzas felices que tamén temos del.
“Luís tiña unha inmensa sensibilidade artística, que se manifestaba sobre todo a través da música (dominaba varios instrumentos de corda, especialmente a bandurria) e da pintura. A miña irmá e mais eu conservamos os poucos cadros que puido pintar, magníficos, e máis se temos en conta que os pintou cando tiña dazasete anos. Non era menor a súa habilidade manual, manifestada, por exemplo, na talla en madeira. Luis era, sen dúbida ningunha, o artista da familia.
Reitero o noso agradecemento a Germán Castro. Beizóns, amigo!
“Unha aperta de
Agustín”

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*