Germán Castro Tomé

Germán Castro Tomé (Esmelle, Ferrol, 1944) Seminarista 1954-1961
Germán Castro Tomé (Esmelle, Ferrol, 1944) Seminarista 1954-1961

O Seminario imprime carácter

 Aínda hoxe dubido nos motivos que me levaron ao Seminario. Non teño conciencia de estar baixo presións familiares, nin doutro tipo. É máis, a miña nai cando se achegaba a data de marcharme, só con dez anos, preguntábame con insistencia se de verdade estaba decidido a irme ao internado. Estou convencido de que aquela pregunta, repetida machaconamente, buscaba unha negativa miña. De feito, algunha vez tenme recriminado a miña testarudez. É verdade que esta carreira daba prestixio á familia e, ademais, era barata, acomodábase aos recursos de cada cal, dato este moi importante se pensamos que estabamos a quince anos do final da contenda civil, con toda a precariedade marcada pola posguerra. E supoño que esas circunstancias eran tidas en conta polos meus proxenitores, por iso é polo que non se deu un rexeitamento manifesto á miña «decisión inapelable» de irme a estudar para cura. Desde logo, na miña nenez impresionabanme as solemnidades litúrxicas, o liderado do sacerdote na parroquia, a mensaxe solidaria cos máis pobres, etc. Como moitos da miña idade, gustábame axudar a misa e estar preto das actividades que nese escenario desenvolvíanse.

            Con esta bagaxe e ilusión afrontei o ingreso en Lourenzá, coa vista posta, como todos os compañeiros, no traslado a Mondoñedo para continuar os estudos. Alcanzar o Seminario de Santa Catalina era toda unha aspiración. Imaxínome que para un seminarista empezar a vestir a sotana causará a mesma sensación que para un alumno militar enfundarse no primeiro uniforme de cadete, por exemplo. Pronto, certas reflexións de adolescente leváronme a pensar que eu non era do grupo dos elixidos. No 4º curso fixen un simulacro de deixar o Seminario, pero o meu director espiritual, Fernando Porta de la Encina, aconselloume unha moratoria. Unha vez metido no 5º curso seguía pensando en abandonar pero propúxenme esperar outro ano máis para vivir a experiencia de pasar ao Seminario Maior co que iso significaba de maioría de idade, con habitación individual, fóra do alcance do ollo do Superior, posibilidade de fumar libremente, administración dos tempos de estudo e descanso, en suma, a «conquista» de certa autonomía, rompendo o rigor que impuña a vida en común. Cursado o sexto, ou primeiro de Filosofía, xa non volvín a Mondoñedo.

            Por suposto, e é absolutamente lóxico e humano, non todos os recordos que gardo do internado son positivos. A particular experiencia, supoño que como a doutros moitos, non describe unha liña plana. Eso si, nos recantos da miña memoria emerxen con primacía, máis que os dos estudos, os recordos da parte lúdica e deportiva, como as competicións do fútbol, balonvolea, tenis de mesa…a miña experiencia como membro da Schola Cantorum, mesmo das miñas actuacións como solista nalgunhas misas ordinarias e no salón comunitario de estudo, concretamente no mes de maio entoando o «Tomad virgen pura»…a miña afección pola harmónica coa que animaba os círculos de alumnos, sobre todo no arranque do curso cando a morriña, tras abandonar o fogar, debuxaba na maioría dos rostros un rictus de melancolía….e sempre moi presente o impacto terrible do falecemento repentino do compañeiro vilalbés Luís Fernández Paz.

O cabo dalgúns anos de abandonar o Seminario, abracei unha especie de ética laica, fundamentada nas claves humanas, na razón e na lóxica, valores que xunto coa disciplina como método, o esforzo, o sentido da orde, a convivencia, a superación da dificultade, o compromiso solidario e mesmo a humildade, aprehendidas en Mondoñedo, deron certo sentido á miña vida posterior. Evidentemente, eu non sería tal como son, dito sexa coa maior modestia, se non estivese no Seminario. Mesmo, adoito atribuír o xerme da miña vocación xornalística ao papel que un día me encomendaron os meus Superiores de ler titulares de prensa no refectorio.

            Pero os Seminarios van máis aló daquel que coñecimos os que hoxe peiteamos canas. Ao longo da súa historia foron focos de formación humanista, cultural e intelectual. Concretamente, o de Mondoñedo, como todos sabemos, posúe un prestixio que o eleva por encima doutros do seu xénero. Deu unha longa relación de exseminaristas e sacerdotes que chegaron a ser grandes poetas, prosistas, filósofos, teólogos e destacados profesionais nos diversos campos, como se pode ler en «Un alpendre de sombra e luar» (Félix Villares Mouteira), «Escritores Mindonienses» (Armando Requeixo) e «A ferida da beleza en Nimbos de X.M. Díaz Castro» (Segundo L. Pérez López), dito sexa por apuntalar a afirmación con algunha bibliografía. É unha verdade casi axiomática que o Seminario imprime carácter. Por iso hoxe, aquí.

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*