Confidencia íntima para Ramón Díaz Raña (1)

Ramón Díaz Raña

(Publicado en Galicia Digital, martes, 05.07. 2022)

 

Por Joaquín Campo Freire (2)

Benquerido Ramón:

A historia das perdas persoais vai marcando a propia vida.
Non pretendo facer unha semblanza, nin unha crónica póstuma da túa vida.
A nosa relación foi de amigos. Non exclusivos nin excluíntes. Por veces as nosas visións eran distintas. Pero de sempre había entre nós unha estima fonda e unha valoración mutua positiva. Non era unha confabulación.
Na última xeira, desde que ti enfermaches xa de coidado, quixemos sabérmonos mutuamente desde a fe e a esperanza. Intentamos romper a conspiración do silencio e, desde a verdadeira verdade de ambos, cada un decidimos con claridade estar aí con toda sinceridade e coa amizade que nos caracterizou nos 71 anos que tivemos a sorte de compartir vida desde aquel setembro de 1951. Conseguímolo?
Como xa apuntei, nin ti nin eu quixemos nunca ter a exclusiva nin o monopolio dos nosos sentimentos, segredos ou afectividade. Pero estivemos cada un onde a vida nos colocou con toda sinceridade e fidelidade. Sen que a morte nos separe.
«Da dor sempre nos fala quen non está no sufrimento. E daquela, de que serve?» Sabendo ben o risco que corría, alégrome de canto che fun dicindo con alma corazón e vida desde que un día me falaches do teu cancro.
Fuches claro comigo cando me enviaches aquela copia do diagnóstico clínico. Eu acollín con dor e sinceridade a túa confidencia. Intentei ser amoroso e positivo contigo co risco que supón espir a alma cando quen sufrías eras ti.
E novamente intentei ocupar o posto que me correspondía, como amigo e como enfermeiro, como xa me tocara con tantos outros amigos e compañeiros. Unha experiencia sempre nova, distinta pero esencial. Sen rodeos, sen medos, sen prédicas de palabras ocas e baratas. Pero sen perder nin un intre o silencio obsequioso da atención «atenta» a quen precisa ser escoitado para expresar o seu propio misterio.
Non nos ocultamos nin a fe nin a esperanza. Pero tampouco escapamos das dúbidas e sufrimento. Partillamos máis unha vez a dureza da vida e as emocións e sentimentos que os tempos e os procesos nos foron marcando.
Fixéchesme ben. Estiven aí. Desde lonxe, pero nas fonduras da vida. Non fun o único. «Intentei combater ben o meu combate e gardei a confianza e a fe». Sabemos ambos destas camiñadas polas traxectorias que nos tocou vivir no sufrir de tanta xente. Por iso quero darche as grazas.
Deixei pasar un mes. Porque tamén eu preciso reordenarme por dentro. Onde estades agora todos vós? Como elaborar as perdas? Onde colocar a vida das vidas, de tantas vidas? E tanta vida! Que perigo volverse cara a un baleiro existencial! Que tentación, non si? Dá vertixe! Acompáñame agora ti que podes, ti que sabes, ti que vives! Non, non estou angustiado. Pero o baleiro si que o sinto. Cando se nos van os amigos abala moito aló na alma!
A meirande parte de todos vós, dos que a vida me foi dando, xa vos teño desa outra beira. Desa outra banda. Sodes unha riqueza inmensa pero xa non vos vexo. Nin falarme vindes xa. Como me doe a chamada que dramáticamente se me fai a desprenderme. Quéreselles tanto ás persoas e incluso ás cousas!
Pensar que xa ninguén nos quere nin os libros! Nin se pode poder deixar colocado aquilo no que puxemos tantos esforzos. Pero a vida é radical na entrega. E o desprendemento tamén. Como me impresionou este libro: «La agenda de los amigos muertos!». Como me doe ir vendo cada vez máis nomes nun pasado histórico.
«Ao final só permanecerá o amor» e o ben que se deixa feito. E a xustiza.» (Ap., 14, 13): Oín una voz que dicía desde o ceo: «Escribe: Ditosos os mortos que morren no Señor. Di o Espírito, que descansen das súas fatigas, porque as súas obras os acompañan.»»
Estouche escribindo. Pero decátome de que te fuches e non me deixaches nin as señas. Que sistema empregades agora aí?, nesa «nube» na que agora vos movedes e traballades. Porque, nin Gmail, nin Mundo-R funcionan aí? Non si?! Non é unha brincadeira. Esquecíame de que: «O meu Reino xa non é deste mundo». O apagón comunicativo polos medios habituais que tiñamos a miúdo entre nós é real. E iso tamén é vaidade!, dixo o Qohelet.
Non sei se vale. Pero teño esta dirección túa: Ramón Díaz Raña. O Alén, sen número. «Sempre á dereita do Pai». Espero que así sexa e que o Sr. S. Pedro saiba como repartirche a miña correspondencia. A non tardar, nesa dirección, xa darei contigo. Foi do que nos falou Xesús de Nazaré e o Espírito, que tamén nos alentou nesa Ruah. Incluso María vén connosco na camiñada.
Seguiremos fortes. Aí seguimos.

Compartir

(1) Ramón Díaz Raña. Arante (Ribadeo), 1938. Cáceres, junio 2022.

 (2) Joaquín Campo Freire. Roca (Guitiriz), 1937. Actualmente, colaborador de Pastoral Penitencia Mondoñedo-Ferrol. Fue condiscípulo de Ramón Díaz Raña en el Seminario.

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*