Lamapereira entrevista (2014) a Carballo Ferreiro, un home de teatro

En homenaxe a Xosé Manuel Carballo Ferreiro (1944-2017) reproducimos aquí polo seu interese, unha entrevista que Antón Lamapereira lle fixo para o número 70 (2014)da  Revista Galega de Teatro..

 

Por Antón Lamapereira (1)

Xosé Manuel Carballo e máis eu fomos compañeiros no Seminario de Mondoñedo a finais dos anos 50 do pasado século. Aínda que il estaba un curso máis avanzado, lembro que cando cursabamos Filosofía nas festas que faciamos no “Hogar”- un espazo para o ocio-  deleitábanos  cos seus números de ilusionismo. Tamén lembro que participamos nun mesmo reparto da obra “El cuatrigemino” – xoguete cómico en tres actos de Pedro Muñoz Seca e Pedro Pérez Fernández – editado pola Galería Teatral Salesiana e “arreglado para hombres solos con los debido permisos”.  A estrea foi en novembro de 1961 e  Xosé Manuel facía o papel de Casquito.

 

Reencontro.-En 1967 foi ordenado crego. Por estas datas xa os nosos camiños foron diverxentes e até moitos anos despois non volvemos  toparnos sendo  precisamente o teatro o motivo do noso reencontro.

Chegábanme noticias,por coñecidos comúns, da súa honesta, galeguista  e comprometida labor como crego católico en diferentes parroquias da Terra Chá e sabía tamén do seu compromiso pastoral en mellorar as condicións dos seus fregueses: electrificación, concentración parcelaria…

 

Un home de teatro.-Como director  da “Erregueté” -RGT,  Revista Galega de Teatro-  eu sabía igualmente  da súa actividade de animador socio cultural como escritor, tradutor, actor e director de teatro. Toda esta información quedou confirmada na entrada que lle fixo Manuel Lourenzo e Francisco Pillador Mayor  no “Dicionario do Teatro Galego” publicado por Sotelo Blanco en 1987. Subliño só algunhas das súas contribucións ao teatro galego:  : Versión e adaptación de  “Le medecin malgré lui”, de Molière,  editado por Castrelos  en 1971 co título de  “O menciñeiro á forza”  na súa colección O Moucho; fundador e director do grupos de teatro do Tele Clube de Castro de Rei  e de  “Os baluros” a quen lle dedicou moitas horas de ensaio e para o que adaptou e escribiu diversas obras que os seus integrantes, maiormente labregos, representaron por moitos lugares de Galicia. No seu haber como mago/ilusionista cóntanse máis de 3.000 actuacións e ben pode dicirse que “apadriñou” o Colectivo Máxico Waldemar de Lugo.

Catalepsia e faquirismo. Cine de Vilanova de Lurenzá. Ano 1967. O que aguanta da pedra hipnotizado? é Balbino, Empregao so Seminario.

Xestión da entrevista.-O ano 2012, Xulio Leal Carreira, compañeiro de seminario que  mantiña contactos con Xosé Manuel Carballo,  convidoume a actuar e dirixir en Pontevedra o espectáculo “María Castaña”, de Manuel Ayán,  e xunto con outras persoas montamos o Grupo Avelaiña de teatro amador. Foi nestas circunstancias que lle comentei a Xulio a posibilidade que a Revista Galega de Teatro lle fixese unha entrevista ao noso común compañeiro  ao tempo que poderiamos falar da oportunidade de facer algún bolo en Castro de Rei ou mesmo un  intercambio co grupo os Baluros. E así  foi como, despois de tantos anos, atopámonos de novo.

A entrevista para a Revista Galega de Teatro (RGT) apareceu en 2014 no número 79 e logo presentámola en novembro, xuntamente coa 80 no Museo Provincial da Deputación de Lugo. No acto participou, ademais de Mario Outeiro deputado de Cultura da Deputación,  a xente do teatro lucense  Rubén Pérez e Tareixa Campos  que realizaron a  lectura dramatizada dun fragmento do texto “Arelantes”de Wajdi Mouawad , editado na revista nº 80, houbo unha intervención de Xosé Manuel Carballo e Xulio Leal e rematou o acto coa representación do epílogo de “Noite de lobos” de Xosé Agrelo polo Grupo “Os baluros”.

Un acto emocionante no que Xosé Manuel Carballo, xa afectado  por unha larinxectomía, estivo arroupado pola súa troupe e amizades do teatro. Foi un bo home ao que nunca lle faltou o humor. Cando alguén o louvaba  dicía algo así: “Se me ides subir ao altar, deixádeme unha escaleira de man porque se comeza darme a lata a próstata, teño que baixar a miúdo a facer as miñas necesidades”.

Descansa en paz, compañeiro. Algún día tomaremos un café xuntos na compañía de Voltaire.

 

 

O Teatro como un medio: “Ayudar á autoestima dos labregos”

RGT: Que lembranzas tes do teatro que se facía no seminario de Mondoñedo?

X.M.C: A min engaiolábame. Lembro con especial fervor a zarzuela “El Sacritán de la aldea” na que Antonio Domínguez e Velo Nieto, dous músicos e cantores moi bos levaban os papeis principais. A min encomendáronme aló por sexto ou sétimo o papel de protagonista en “El cutrigémino”. O meu nome en escena era Casquito. A representación foi aberta ó público de Mondoñedo e aínda hoxe hai compañeiros e xente de aquela cidade episcopal que me chaman Casquito.  Nunca me desgustou e agora gústame máis, pero en Mondoñedo e na mariña de Lugo tamén son coñecido como Manuel de Ambroz, porque cando se creou o Orfeón de Mondoñedo, tiñamos Roberto Michelena no -papel  Antón das Curuxeiras- e eu un cadro de humor con non pouca retranca e moita crítica que facía rir ás pedras e chorar a politiqueiros. Improvisabamos moito, ou parecía que improvisabamos, pero estaba case todo pensado. Só vou citar un exemplo dos nosos diálogos. Actuando na Deputación de Lugo e estando presente o Presidente, Don Eduardo, Apareceu primeiro Antón contando unha historia. Logo chego eu con lacón de porco ó lombo  a xeito de guitarra e véndoselle a punta das uñas. Pregúntame Antón: -Home, Manuel, que milagre?

Respondo: -Xa ves Antón, de “relaciones públicas”. Vin probar esta chave e por de pronto, nesta casa non hai pechadura que se lle resista. O presidente, como miraron todos pra el, tamén se viu obrigado a rir. Unha proba da improvisación do momento pode ser que morreran varios nenos  nas aldeas da Fonsagrada de sarampelo, polo ano 1975. Como en Castro de Rei tamén había algúns coa enfermidade fun alá falar co forense  pra informarme e poñer atallo se era necesario ou se podía. Máis que informarme o señor doutor desinformoume cargando a culpa sobre os pais que non avisaban a tempo. Acabamos enfrontados. E pasados poucos meses alá fomos o Orfeón e o seu cadro de humor. Vin que o forense estaba en primeira fila e recordei que cando estiveramos xuntos fumara varios cigarros. Díxenlle a Roberto: -Hei poñerme a fumar, pero non vou atopar con que acender, ti non me deas lume. Así foi e o señor galeno foi moi dilixente en achegarme o seu chisqueiro aceso. Entón eu moi amable agradecinllo dicíndolle: -Vaia pola súa alma, señor. Deus queira que nunca lume lle falte nesta vida nin na outra.

Debía ter que ir atender una urxencia, porque non agardou ós pinchos.

 

RGT: Algunha aprendizaxe sobre teatro?

X.M.C: A única aprendizaxe que tiven neste eido foi ver, imaxinar, ser dirixido e poñerse a facer. Poida que teña certas aptitudes pra o teatro na escena e na vida. Sen ir de teatreiro polo mundo, hai certos recursos teatrais que tamén son eficaces na relación con outros, especialmente cos máis retortos, pra desarmalos. Son autodidacta neste eido, pero non ouso dicir que me fixen a min mesmo, porque unha vez escoiteillo a un e só puiden pensar: Agora entendo por que saíches así. Non sería mal que te volveses a facer, pero máis a modiño e con un molde novo.

No papel de Casquito con Xenaro Pérez López. Seminario De Mondoñedo. Polo ano 1963.

 

RGT: Que te levou a ser animador teatral no teu traballo de crego?

X.M.C: Valorando o teatro en si mesmo, eu máis ben utilízoo como un medio e non como un fin. Axudar á autoestima e á autoafirmación dos labregos e labregas cos que traballaba e traballo, como opción persoal que me respectaron os meus “xefes” ´Ó remate dunha representación moi aplaudida no Círculo das Artes de Lugo, o lugar máis emblemático desta cidade, díxenlle ó numeroso público asistente: -Fíxense ben nestas rapazas e rapaces. Somos todos da aldea. Se algunha vez ven achegarse a algún a algunha ventaíña detrás da que estea alguén de vostedes non pensen con aire de superioridade: “Aí viene otro paleto”. Antes pensen: Este, ou esta, xa me arrincou aplausos no Círculo.

Outras razón foron e son, que o teatro é un medio excepcional pra entender como se debe ler, porque unha interrogación ou unha admiración no teatro hai que facelas escoitar. É unha escola de democracia pola que deberan pasar todos o políticos pra experimentar que, por moi importante que sexa cada un, precisa dos demais. Doutra banda, os que están no escaparate –no escenario- non poden esquecer ós que están no taller: os de decorados, luces, etc. Como nas parroquias rurais coñecémonos todos, é máis  difícil subir a un escenario, pero ó mesmo tempo, pra os ben nacidos, un grupo da teatro da parroquia é un elemento de identidade dos veciños.

Non vou pararme a explicar que relación ten isto co traballo dun crego, porque se alguén non o descobre, cregos incluídos, é que non sabe o que debe ser un crego.

Pra rematar, tamén nos servimos do teatro pra transmitir máis eficazmente mensaxes de denuncia, de valores ou de distensión, que falta nos fai.

 

RGT: Resulta «raro» no teu tempo un crego «ilusionista» e «teatreiro». Cal foi a reacción dos teus compañeiros cregos? E da xente? Algún problema coa xerarquía eclesiástica?

X.M.C: Resulta raro se non nos paramos a pensar, porque un crego debe ser, cando menos ilusionante, sen tratar de iluso a ninguén que pra iso xa lles pagamos a lexisladores advenedizos . Antes ca min, xa houbo, por citar a algúns cregos, o padre Heredia, Quevedo e sobre todo o padre Wenceslao Ciuró, o meu mestre, a través dos seus libros e a quen tiven o gusto de tratar e sermos amigos.

En canto ó de teatreiro, a liturxia ten, ou debe ter, moito de teatro. Espero que se me entenda ben e non co desprezos co que eran tratados os cómicos de antano que non era meirande ca o dos artistas de hoxe por parte de ministerios, consellerías e concellarías de cultura. Tamén hai ¿artistas? Con fumes desmesurados. Cando vexo un cura que di “Amadísimos hermanos” e non ergue a vista do chan, sempre penso: Canto lle quere ese ás punta dos seus zapatos! O teatro é comunicación co copo acompasado coa palabra ou sen palabra. O cura que o esquece non comunica e en lugar de liturxias fai ritos desecados, sen zume, nin contido, nin significado e a liturxia é signo. Se non significa non é liturxia.  Como se pode axudar á comunicación coa transcendencia sen a comunicación con quen se ten diante?

San Xoán Bosco sempre foi pra min un referente. A reacción dos compañeiros sempre foi boa. Só a dun crego, o Barroso, que non era compañeiro, foi acorde coa súa curtidade intolerante. Chamábame -non á cara- saltinbanqui, cousa que le agradecín moito, sen dicirllo, porque tamén llo chamaran a Don Bosco.

Coa xerarquía, concretamente cos meus bispos e con moitos outros que me coñecen nunca tiven o menor problema por este motivo. Mesmo algún ten presumido diante doutros de ter un cura que predicaba coa baralla na man. Incluso cando veu o papa Xoán Paulo II a Santiago pedíronme que “ entretivese” co ilusionismo durante unha hora ós trescentos enfermos cos que se ía xuntar.

Equipaxe e materiais de ilusionismo. Ano 1.968

RGT: En que espazos actuabas?

X.M.C: Como ilusionista desde o Palacio de Congresos de Madrid coa presenza de dous mil catequistas ata teleclubs, asilos e residencia de vellos de toda Galicia, asociacións culturais pobres, igrexas, colexios, casas particulares, teatros, hospitais, en París, en Israel, en Bos Aires, nun bar en Alemania tendo como intérprete a Xulio Leal, nun colexio relixioso de Roma… Sempre tiveron preferencia o mundo rural, os vellos e asociacións pobres.

Co teatro actuamos sobre todo nas provincias de Lugo e Coruña. Só coa peza “Vaise pechar outra casa máis” fixemos 102 representacións. Tivemos actuacións nun teatro de Hospitalet, nos Centros Galegos de Barcelona e Madrid, nunhas cortes de cemento sen estrear na parroquia de Silva, no descanso das escaleiras dun gran hórreo en Doncos, no Círculo das Artes de Lugo, nun recullo dun bar en Muras e en infinidade de teleclubs, escolas e igrexas do rural. Fixemos montaxes radiofónicas de Bo Nadal e un curto de cine que foi emitido pola Televisión Española en Galicia o 1983. Cando estabamos preparando as cousas pra ir a Suíza comezou a haber problemas no grupo e decidín ivernalo un tempo pra evitar rupturas irreparables. Pagou a pena.

 

RGT: Como foi o paso de ser ilusionista a director teatral? Traballaches en ámbolos dous simultaneamente?

X.M.C: Si, foi simultáneo. A primeira actuación en público como ilusionista tívena no ano 1963, con dezaoito anos, no teleclub de Bretoña. Ese mesmo día con Anxo Álvarez García representamos “Mal de moitos” e ese mesmo ano xa me encomendou Dino Pacio Lindín no seminario a responsabilidade de organizar festexos e a dirección de pezas de teatro.

Despois seguín traballando nos dous eidos sendo bastante habitual que nunha mesma actuación houbese e haxa ilusionismo nos descanso da representación da peza de teatro.

RGT: Os grupos de teatro nos que participaches como director eran de xente xove ou adultos?

X.M.C: Houbo de todo. No Seminario  e no Colexio de Catro de Rei eran nenos e adolescentes, nunha parroquia de Lugo capital, mozos e mozas de arredor dos vinte anos. En Samartiño de Goberno e nos primeiro tempos de Castro de Rei, mozos. En Muimenta xubilados, en distintos grupos que dirixín pola Terra Chá ou pola Mariña Lucense -como refire Francisco Piñeiro no seu libro: “Historia da teatro afeccionado na Mariña Lucense- mozos e adultos.  En Castro de Rei agora, homes e mulleres entre cincuenta e sesenta anos.

No papel de Manuel de Ambroz, con Antón das Curuxeiras=Roberto Michelena. Ano 1970

RGT: Ademais de director, fuches tamén actor?

X.M.C: Fun actor no seminario, nalgunhas Asembleas de catequistas e substituíndo a outros cando por algunha razón no podían actuar eles. Nunha ocasión, inesperadamente, tiven que substituír a dous. Ó final da obra deberían estar ambos en escena. No camiño de Castro de Rei a Burela onde íamos actuar –uns sesenta quilómetros- cambiouse o final da peza, porque non me era doado facer dous personaxes distintos ó mesmo tempo e no mesmo lugar. Un ano nas Asembleas de Catequistas das cinco dioceses de Galicia fixen cinco personaxes distintos do Novo Testamento, desde Zaqueo a Lucas, pasando por Mateo e a Magdalena. Foi unha boa experiencia.   Cando puxemos en marcha o grupo do Xubilosos de Muimenta pediume Samarita Canto se lle axudaba a escribir a peza e a dirixila, agora é ela a que se vai facendo cargo dos Baluros. En Lallagosta ambos substituímos a actores que por motivos de saúde non puideron ir.

 

RGT: Cal pensas que é a función que pode cumplir o teatro no mundo rural? Antes e na actualidade?

X.M.C: No mundo rural hai xente cunhas capacidades pra o teatro fenomenais. Pode servir pra que se deixe de apampar cara o televisor e estimular a creatividade. Serve como axuda pra verse embarcado en algo que engancha e retrasar o abandono do rural. Aló polo mil novecentos oitenta pedíranme na escola Central de Capacitación Agraria en San Fernando de  Henares unha conferencia sobre animación cultural no mundo rural. Levara comigo a tres membros do grupo de teatro Os Baluros. O testemuño de Xulio Canto foi: “Eu sei que teño que emigrar, porque cinco vacas non dan pra vivir, pero quen me retén é o grupo de teatro.

Ás xentes do rural ensinóusenos a desprezar o noso e a acomplexarnos de ser da aldea. Ver sobre un escenario a nosa lingua,  a nosa cultura e  a nosa problemática dignifícanos, ademais de ser un medio moi bo de mentalización, xa que non é o mesmo escoitar un discurso ca velo feito vida nuns personaxes que lla dan.    

RGT: Cantos  grupos de teatro existen na Terra Chá?  Que relación tes con eles?

X.M.C: Que eu saiba neste momento debe haber uns cinco, pero podo equivocarme e se cadra hai algún máis, en Vilalba, na Pastoriza, en Pol e en Castro de Rei. Coñézoos, animei a algúns, pero non teño especial relación máis ca co Baluros. Tamén aquí remexe a man tantas veces porcallenta da politicada partidista que contamina canto toca, mesmo pretendendo ser man capadora e administradora da cultura.

 

RGT: Deixaches «discípulos»? O mago Antón?

X.M.C: En maxia certamente o discípulo máis avantaxado é Antón. Del digo que o fillo chegou a Doutor mentres o pai non pasou de bacharel. Neta arte hai algún máis. No teatro tamén hai discípulos e discípulas, pero os que meirande satisfacción me dan son mestres que no Colexio de Castro de Rei aprenderon algo comigo e logo foron sementando teatro por outros centros ós que marcharon destinados. Que pena que tantos políticos teatreiros aínda non caesen na conta de que o teatro tiña que estar presente nos deseños curriculares de todas as disciplinas comezando xa no ensino infantil.

 

RGT: Existe algún tipo de programación teatral, afeccionada ou profesional, nas túas parroquias?

X.M.C: Castro de Rei participa das actuacións do programa Buxiganga da Deputación de Lugo.

Hai unha escola municipal de teatro creada máis con fins electoralistas ca por verdadeiro amor ó teatro. Funciona en Castro de Ribeiras de Lea. Sen nome oficial nin subvención municipal hai “escola” de teatro desde o 1969. Esa “escola veu xirando arredor de Os Baluros, grupo integrado por homes e mulleres de Catro de Rei e Santa Locaia. Desde o 1969 que a mestra Olga Vila puxo en escena “Non chores Sabeliña” a hoxe participaron en actividades teatrais nesta bisbarra unhas noventa persoas. Hoxe en día forman parte de Os Baluros Xulio Canto que vive en Burela e Araceli Galan que reside e traballa en Lugo.

 

RGT: Que infraestrutura existe?

X.M.C: En Castro de Rei temos o local do club fluvial cun salón xeitoso conseguido en contra do desexo do señor arquitecto que, como é bastante frecuente, cobrou moito polo que, se nos deixamos levar, valería pra pouco, pero sería moi fermoso pra ensinar. En Ribeiras de Lea hai a casa da Cultura que é unha obra xenial doutro arquitecto excepcional que foi de por aquí, pero desleigouse e vive en La Coruña. El fixera o proxecto pra unha vila mariñeira e, como alí non llo aceptaron, non só trouxo o mesmo proxecto, polo que cobrou dúas veces, pra o interior, senón que tamén debeu traer o mar; xa que entra auga no edificio por todos o lados e no salón de actos non se escoita a dous metros, pero tamén é moi bonito pra velo por fóra e pra ensinalo por dentro.

 

RGT: Lingua e teatro. Por que en galego?

X.M.C: Non debería haber lugar pra a pregunta de por que en galego? Máis ben debería ser: por que non en galego? Con todo eu estou a favor do teórico bilingüismo, xa que quen manexamos con soltura dúas linguas temos vantaxe á hora de pegar selos. Pola contra non trago o bilingüismo práctico e resentido de dona Gloria Lago, que ten como finalidade soterrada atrofiar unha das linguas, curiosamente a máis nosa.

RGT: Comenta algo sobre a túa obra escrita.

X.M.C: Teño moi claro que non son nin quero ser escritor de oficio. Son só escribidor, porque escribo cando quer ou cando podo. Iso dáme liberdade pra escribir cando teño algo que dicir e libérame da tiranía de dicir porque teño que escribir. Quen debe xulgar a miña obra son outros. Eu procuro reverter a letra impresa o que recibín por tradición oral. A mellor loa fíxoma unha mulleriña que me dixo: Nunca lera un libro e en galego menos, pero polo noso Don Otto vou xa coa terceira vez. Uso unha relativa normalización dando sempre preferencia á normalización. Non teño certificado de iniciación nin de perfeccionamento en galego por medo a que mo asine alguén que se ría de min cando eu falaba galego e el ou ela castelán e que agora nin sequera o fala todo o tempo que lle pagamos por falalo. En parte da miña obra préstolle voz  a carballos, piñeiros, carros do país, vacas santanderinas e do país, un bastón, un vello seiscentos que fai doazón de órganos no cemiterio de coches, ou a un burriño que quixo estudar pra cabalo e non deu feito carreira por escaseza de prazas pra os fillos do “cuerpo”.


RGT: O teu labor como tradutor…

X.M.C: Mais que traducir fixen unha versión galega de “Le medecín malgré lui” de Molière. O médico trocouse en menciñeiro, do mil seiscentos e pico brincámonos no mil novecentos en pico e da Francia de daquela viñemos pra á Terra Cha case de agora. Ata aí chega o meu labor de tradutor manipulador. Non me estraña que a Sgae teña máis en conta ós hipotéticos herdeiros de Moliére ca min á hora de pagar dereitos. É máis rendible pra esta pobre asociación duns autores máis ca doutros aparentar que paga a Molière e mercar palacetes pra directivos nunca autores ca non roubar a inxenuos autores.

Estrea de O Menciñeiro á Forza. Teleclub
de Samartiño de Goberno. Ano 1969. Mozos de Goberno: Con escopeta, Luís Palmeiro; co caxato Remangado, José Manuel Abuín; Con biseira Chicho Carballo: O Menciñeiro.
O decorado fora pintado por Juán Puchade. Representa a parroquia de Goberno.

(1) Antón Lamapereira López. Monforte (partida de bautismo), Ferrol (Rexistro Civil),  1945. Seminarista de 1956 a 1969. Licenciado en Teología e Filosofía. Profesor do Instituto de Cangas de Morrazo e activo promotor de grupos teatraies galegos.

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*