Cando volvo a vista atrás e recordo aqueles días de Semana Santa en Mondoñedo, o primeiro que fago é buscar na miña biblioteca un libro que é todo un símbolo porque significa o paso dunha Semana Santa onde todas as imaxes cubríanse con tea morada, a unha semana Santa postconciliar.
Significa tamén o recordo do paso da celebración da misa ás costas do pobo e en latín ininteligible para a inmensa mayoría, á celebración en castelán, o altar no medio do presbiterio e o sacerdote mirando aos asistentes. Todos ou a maioría compramos na librería Montero aquel libro que ademáis de permitirnos seguir os oficios na nosa lingua incorporaba as partes musicais mais significativas.
Nos días previos ao que entón era o Domingo de Paixón, hoxe quinto de coresma, celebrábanse os exercicios espirituais, días de reflexión serena e silenciosa que tamén significaban un alto no camiño das tarefas académicas que se substituían pola lectura de textos da sacra escritura, vías de santos e revistas como ECCLESIA ou MUNDO NEGRO. Recordo reler varias veces a via do P. Damián que de tanto pasar de man en man era perceptible o seu desgaste. Os filósofos tiñamos uns deberes especiais nestes días: acompañar nas celebracións do triduo pascual a algún dos nosos prefectos de disciplina ou aos párrocos responsables das parroquias da contorna.
Non recordo con que criterio encomendábasenos esta tarefa pero sí lembro que era un encargo que recibiamos de bo grado. No meu caso un dos cursos tocoume acompañar a D. Digno a San Martiño de Galgao (Abadín) e alá que fomos e volvemos camiñando guiados por un dos Chao Falcón, “o rubio”. Da camiñada regresamos esgotados pero coas suficientes forzas para asistir a noite do Xoves Santo á hora santa na catedral. Creo que comezaba ás 11 da noite cunha duración de dúas ou tres horas. Non lembro o contido pero polo menos teria unha parte dunha media hora de duración de silencio e meditación persoal. E aí era case imposible manterse esperto. Era todo un reto que ninguén ao teu redor notase que estabas durmido porque ademais non eras o único. Algunha que outra cabezada era perfectamente visible, mesmo nos señores cóengos que medio dormitaban algúns tamén nas súas cadeiras corais. A figura de D. Jaime sentado fronte ao teclado do órgano convidaba tamén á reflexión serena porque o seu rostro sempre transmitía paz. O xoves os do Seminario Maior estabamos autorizados a visitar os monumentos en grupos pequenos sen o acompañamento dos prefectos- O venres había un viacrucis pola mañá ao redor do claustro e outro pola tarde nas parroquias mindonienses e na catedral, despois de asistir á procesión do Santo Enterro que sempre recordo por aquelas rúas e os cheiros a través dos cales coñeciamos o menú de seus moradores
Sábado de Gloria. Aínda soa nos meus oídos o repenique campás da catedral e o que parecía unha débil resposta desde Os Remedios ou desde Santiago. E a gran solemnidade do Domingo de Pascua para a que D. Uxio se esmeraba en ensaiar os cantos mais apropiados, ademais de espertarnos co Aleluia de Händell a todo volume. Quero, lembrar sen estar totalmente seguro diso, que os últimos anos tiñamos algún día de vacacións na semana de Pascua.
Dejar una contestacion