NULLA DIES SINE LINEA: Manuel Rivas (1)

Tempo de xubilación

A nosa vida vai fluíndo e pasando por distintos momentos.  Dicía o filósofo Ortega y Gasset  que pasamos por tres etapas vitais: xuventude, madurez e vellez. Nesta última, xa abandonado o traballo, os humanos sentimos que entramos noutra etapa e que contamos pouco na toma de decisións da sociedade.  Entramos nunha especie de “prórroga” ou tempo de desconto que nos da a vida e que compre aproveitar o mellor posible antes de que o sol peche o ollo.

Eu xubileime no 2009, con 62 anos. Cumpría os requisitos de anos cotizados para pasar a pensionista e non o dubidei. Tiña compañeiros de traballo que non querían xubilarse por medo a aburrirse, a non saber que facer. Eu, pola contra, entendino como unha oportunidade que me daba a vida para liberarme da rixidez horaria e poder facer outras actividades con maior liberdade. Nun principio fun a clases de gaita e abofé que conseguín arrincarlle algunhas notas con sentido ao instrumento. Pero logo vinme para Ferrol a vivir a un piso. Como é lóxico, por razóns de convivencia, non podía ensaiar cun instrumento tan ruidoso. Seguín ensaiando ca frauta, pero perdín algo da afección inicial. A pandemia tampouco axudou moito, posto que non podía haber clases presenciais. Espero poder retomar a música, unha vez que esta peste nos permita volver á normalidade.

Rivas-centro-con-Antonio-Rivas-y-Manolo-Reimunde

A docencia foi a miña profesión e iso deixa pegada. A traxectoria enceteina no Instituto Feminino de Murcia en horario nocturno – mentres facía a mili-  e seguín  logo no Xan Montes de Lugo onde botei catro cursos que compatibilicei con clases de Socioloxía da Educación na E. Normal de Lugo. Finalmente acouguei no Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela ata a xubilación.    En Lugo formei parte con Ramón Regueira, Manolo Regueiro (falecido), Ramón López Vázquez e Ramón Area do grupo de traballo que deu a luz a dos libros significativos de Filosofía publicados por Galaxia. En Santiago traballei moi a gusto con Moisés Lozano e Xosé Manuel Domínguez Prieto na redacción de varios libros de texto de Filosofía publicados pola Editorial Mc Graw Hill e tamén no primeiro Dicionario Galego de Filosofía. Participei asemade nalgunha tarefa de investigación con algúns grupos da Universidade compostelá, no Consello da Cultura Galega e tamén mantiven boa relación co Instituto P. Sarmiento. Froito diso foron varias publicacións en revistas e libros colectivos. Axudados polo Consello da Cultura Galega, sacamos no 2009 o Dicionario Enciclopedia do Pensamento Galego.

Outra das actividades que me ocupou bastante tempo, unha vez chegado a Ferrol, foi a conexión cunha asociación de persoas maiores (ASVIGAL) que ten como finalidade o ensino e manexo das ferramentas informáticas  básicas para moverse con algo de soltura co ordenador e o teléfono. Asistín a varios corsiños de posta ó día e sempre se aprende algo. Pero dita asociación tamén leva a cabo outras actividades, como  club de lectura, unha titoría informática mantendo a diario unha persoa para axudar co ordenador a todas as persoas que o precisen nunha aula de informática. E e tamén  organizamos un faladoiro quincenal do que me responsabilicei ata que a pandemia nos fixo cortar todo tipo de xuntanzas. Xa estamos pensando en reanudar de novo a actividade, tan pronto as circunstancias sanitarias o permitan. Son encontros tranquilos e cordiais para falar sobre un determinado tema que se planifica con certa antelación ou do que se nos ocorra.

Homenaje-del-Ayuntamiento-de-Santiado-a-don-Jose-Chao-Rego-antiguo-profesor-del-Seminario-de-Mondonedo.-Rivas-detras-de-Chao-con-gafas

O exercicio físico sempre o considerei moi importante. Quizais empezou esa afección en Mondoñedo. Todos lembramos o interese que poñía niso D. José María Fernández con toda aquela organización de equipos de fútbol e os trofeos de final de curso para os equipos, as crónicas que tan ben facía Pedro Conde, o voleibol e a introdución do baloncesto que no seu día Fixo Carlos Navarro Antón. Realmente converteunos nuns mozos activos. Todo iso deixou a súa pegada en min e sempre procuro manterme activo.

En Ferrol  tamén asistín a  clases de ximnasia e baile para maiores ata que a pandemia nos apartou a todos de lugares pechados. A solución que atopei foi camiñar como hora e media case todos os días. O deporte é fenomenal para a saúde tanto física coma mental. Nunca fixen deporte de competición, agás aquelas xincanas ciclistas no Menor ou aquelas subidas ao Padornelo a  ver quen chegaba primeiro  en bicicleta  ó cumio nas festas de Sta  Catarina, con fortes ventos e choiva en contra. Pero sempre procurei manterme en boa forma física procurando non cometer excesos e evitando lesións.

Os bos amigos son unha bendición dos deuses. Créome afortunado por ter unha familia e un bo número de bos amigos que, especialmente nos apuros e momentos difíciles , me teñen apoiado moito. Non vou a nomealos por evitar omisións que me doerían. De feito, o retorno a Ferrol en 2015 supuxo un reencontro con vellos compañeiros e amigos cos que non me vía dende había anos. O contraste entre unha cidade en plena decadencia e a calor humano co que fun acollido foi notorio. Nunca notara tanto o valor do compañeirismo e a amizade dos tempos de mocidade mindoniense. Levabamos moitos anos sen vernos, pero os vellos lazos e valores que nos unían  mantíñanse tan vivos, como se só levaramos uns días sen vernos. Os valores morais aprendidos na mocidade permanecen indelebles. É algo abraiante. Entre nós organizamos encontros  varios que nos serviron e serven para  conversar, “arranxar o mundo” e reforzar a os lazos de amizade. Pero non todo quedou en mera charla nin en pura gastronomía. En pouco tempo saíron dous libros, dedicados a dous benqueridos profesores de distintas épocas e de personalidade ben distinta: a D. Francisco Ron e a Dino Pacio . Supuxeron viaxes e desprazamentos que sempre convertemos en motivo de encontro para xuntarnos a comer e pasar o día    xuntos.  Nese liña funlle dando saída xunto a compañeiros e amigos ao meu interese e paixón por ler e escribir algo, que xa empezamos cultivando de mozos na vella casona mindoniense e que trato de seguir poñendo en práctica agora que teño máis tempo libre.

E nin que dicir ten, que vivindo en Ferrol non poden desperdiciarse e fermosas praias  cas que a natureza nos agasalla, nomeadamente a partir da primavera e no verán. Son unha boa oportunidade para “recargar as baterías” para o resto do ano. Sábeno ben a gran cantidade de visitantes que día a día acoden a tomar o sol, bañarse e mesmo facer deportes acuáticos.

(1)Biografía de Manuel Rivas García

 

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*