Nacín na primavera de 1947 no seo dunha humilde familia de labregos na parroquia de San Martiño de Distriz, a uns cinco Kms de Vilalba.
Tocoume vivir nunha época dura, de escasezas, pero compensada sobradamente polo agarimo e o calor familiar. Lembro con ledicia a liberdade de correr por camiños e carreiros en días soleados, escoitar nas fragas o cantos dos paxaros, contemplar a auga que movía o rodicio do muíño veciñal onde meu tío picaba periodicamente a pedra para que moera ben. Logo viría a escola en Tardade, que xa suporía certo recorte das liberdades. Esa etapa remataría cun curso ( 1957-58) nada doado na Academia de Don Juan, en Vilalba, onde o lema era que “ a letra con sangue entra “. Sen embargo, ainda que duro, non era mal profesor e tiña moi ben planificado o curso. Traballaba moito, e a case totalidade aprobamos o ingreso no Instituto de Lugo ou no meu caso, en Lourenzá.
Entrada no Seminario.-En Lourenzá, permanecín dous cursos (1958-60) baixo o mando dun Vicerreitor que estivera na guerra e dirixía “manu militari” aquel grupo de profesores e rapaces. Había unha disciplina férrea. Sen embargo hai que recoñecer que lograba darnos unha comida aceptable, dadas as penurias daquel tempo. Era famosa a carne estofada dos mércores.
Mondoñedo, bo ambiente.-Entre 1960 e 1963 completei a formación humanística en Mondoñedo, baixo a dirección de Don José María Fernández. Era outra cousa. Había disciplina tamén, como é lóxico, pero había respecto e xa desapareceran os insultos e humillacións. Había un bo ambiente, con crónicas de fútbol o fin de semana. Tamén practicabamos varios deportes. Lembro a Navarro Antón, quen introducira o baloncesto e nos daba algunhas clases de civismo e normas de cortesía para saber comportarnos en sociedade. Foron tres anos bonitos, de aprendizaxe e de boa relación con profesores e formadores.
En Filosofía.-No ano 1963 pasei ao Seminario Maior a cursar Filosofía. Era un cambio importante. Xa dispoñiamos dunha habitación individual con lavabo. Os baños e duchas seguían sendo colectivos. Xa era un avance. Alí atopeime con Dino Pacio, José Mª Díaz, Alfonso Gil e outros xa coñecidos, como Edelmiro Bascuas, Uxío García Amor, Ricardo Pena e outros moitos. Persoalmente, e ca perspectiva que xa me dan os anos, penso que a personalidade arrolladora de Dino foi clave para min. Tampouco quero minusvalorar –sería inxusto e desagradecido- o traballo e esforzo que outros profesores fixeron. Ao fin, eran un equipo e notábase.
Pensando na convalidación de estudos.-.-O último curso foi moi laborioso. Ademais de seguir o programa do curso, paralelamente asistiamos a clases complementarias do curso de Preuniversitario: Grego, Latín, Francés, Historia da Literatura española, Historia do Arte, Bioloxía, Filosofía. Foi un gran esforzo por parte dos profesores e tamén noso. Xogabámonos moito e sabiámolo.
Ao final de curso chegaron os problemas da convalidación de estudos. Custaba 5.000 pesetas e non todo o mundo podía pagalas. Dino e outros profesores movéronse moito, fixeron xenerosas aportacións e sacaron diñeiro debaixo das pedras, pero todo o mundo puido convalidar. Ao final case todos fixemos a Reválida de sexto, que rematou nun éxito sonado.
Licenciado en Teoloxía.-En 1966-67 empezamos Teoloxía. Foi un bo curso. Chamoume a atención Arsenio Ginzo, que se estreaba con nós. Traía as novas ideas que entón circulaban por Europa. Logo brillaría con luz propia na Universidade de Alcalá con múltiples achegas ao pensamento filosófico.
Entre 1967 -71 cursei Teoloxía na Univ. Pontificia de Salamanca. Alí fixemos unha sonada folga para remozar a planeilla do profesorado. Valeu a pena. Chegaron profesores ben formados e actualizados en Teoloxía. Cabería destacar a Olegario González, Fernando Sebastián, Setién, Gómez-Heras, Marciano Vidal etc. Foi un revulsivo para toda a Universidade. Rematei a Licenciatura cunha tesiña sobre Feuerbach: “ La reducción de la teología a antropología en L. Feuerbach”
Licenciado en Filosofía.-No último curso de Teoloxía, fixen á vez primeiro de Comúns na Universidade civil de Salamanca. Os dous cursos seguintes aínda serían máis intensos e remataría Filosofía en 1973 cunha tesiña dirixida polo Profesor Muñoz Delgado, “Aspectos lógico-metafísicos del Tractatus lógico-philosophicus de L. Wittgenstein”.
Fixen o servizo militar en Murcia e polas tardes, ía a dar clases en horario nocturno ao Instituto Feminino. Alí me estrenei como profesor.
En outubro de 1975 empecei como profesor no Instituto Xan Montes de Lugo e ao curso seguinte tamén fun contratado na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB para impartir Socioloxía da Educación e Psicosocioloxía.
Doctor e catedrático de Filosofía.-Trala oposición, optei por marchar a Santiago, ao Instituto Rosalía de Castro onde compatibilicei a miña docencia, como catedrático de Filosofía, ca investigación e participación en grupos de traballo e nalgúns congresos.
No 2009, antes de xubilarme, defendín a miña tese de doutoramento, “O pensamento ilustrado na Galiza do XVIII”. Trala xubilación sigo conservando viva a afección polo saber e disfrutar ca compañía dos amigos.