Por Antón Lamapereira (1)
“Salamanca, que enhechiza la voluntad de volver a ella a todos los que de la apacibilidad de su vivienda han gustado. (“El licenciado Vidriera”, Miguel de Cervantes).
No curso 1965-1966 cheguei ao Colexio Maior “San Carlos Borromeo”, adscrito á Universidade Pontificia de Salamanca, para preparar a Licenciatura en Sagrada Teoloxía.
Non recordo agora que motivos puideron levarme a tomar tal decisión, meditada con anterioridade cando xa cursaba o primeiro curso de teoloxía en Mondoñedo
Ao ser estudos de nivel universitario, tiven que repetir primeiro de teoloxía aínda que, claro está, con materias diferentes e profesorado de certo renome, non sempre merecido, como por exemplo Maximiliano García Cordero, dominico, que impartía Introdución á Sagrada Escritura ou Peinador Navarro en Teoloxía Moral, claretiano.
Mosaico de ordes relixiosas no profesorado.-Si o profesorado pertencía a diferentes ordes relixiosas, entre o alumnado acontecía o mesmo.Velaquí unha primeira característica salmantina: a variedade de ordes relixiosas de todas as cores e hábitos. Como este artigo vai dirixido a ex seminaristas, coñecedores do latín, aquí vai unha mostra: CM, Congregatio Missionis (paúles); CMF, Cordis Mariae Filius (claretianos); OP, Ordo Predicatorum (dominicos); OCarm, Ordo Carmelitarum (carmelitas calzados); OCD, Ordo fratrum Carmelitarum Discalceatorum (carmelitas descalzos); OSST, Ordo Sanctissimae Trinitatis (trinitarios); OSA, Ordo Sancti Augustini (agustinos); SchP, Ordo Scholarum Piarum(escolapios); SJ, Societas Jesu (xesuítas)…
Imaxinade o número de Conventos ou Residencias que había na cidade!
Había monxas estudantes de Teoloxía? Creo lembrar que había algunha.
En San Carlos Borromeo eramos todos seminaristas do clero secular, e representabamos a moitas dioceses de toda España. Un crisol cultural.
Esta circunstancia, curiosamente, foi espertando en min a conciencia galeguista ao tempo que o respecto polas outras culturas.
Tópicos sobre os galegos.-Dúas anécdotas poderían explicar os meus primeiros pasos cara a unha nova mentalidade.
– “El último que llegue es un gallego”. ( Estou case seguro que o dirían en valencià)
E todo o grupo a correr coma foguetes para non quedar de último e ser alcumado “gallego”.
Este era un dos xogos entre a rapazada de Pego (Alicante) segundo me contaba un amigo e compañeiro valenciano.
-“Los gallegos son agarrados” Comentábame unha señora de Campaspero, un pequeno pobo da provincia de Valladolid onde fun pasar uns días de vacacións á casa dun compañeiro. A imaxe que gardaba a boa señora chea de prexuízos, era a dos galegos que ían a Castela para traballar na colleita do trigo e que aforraban todo o que podían como calquera emigrante. Exactamente o mesmo que fixeron todos os emigrantes españois, portugueses e italianos en Francia, Suiza ou Alemania nos anos setenta. Era unha cuestión social, de clase. Non unha característica definitoria da nosa identidade.
Por suposto que a tal señora non entrou a valorar o trato que lle daban aos galegos os seus empregadores. Non entrei nesta cuestión por non avinagrar o debate, mais lembrei o poema de Rosalía: Castellanos de Castilla, tratade ben aos galegos/ Cando van, van como rosas/ cando ven/ ven como negros.
Colexio San Carlos: Gslicia no corazón.-Antes de 1967, data na que se instalou o Teologado de Mondoñedo en Salamanca na rúa Torres Quevedo, algúns galegos do Colexio San Carlos entre outros Andrés García Vilariño, do Seminario de Santiago; Miguel Bruquetas, do Colexio O Salvador de vocacións tardías, e Xosé Antonio Santos, que exercía de capelán no Instituto Pontificio “San Pio X” de Catequética e Ciencias Sagradas en Tejares, comezamos a organizar actividades a prol de Galicia. Nesto seguimos unha tradicións constante dos galegos fora de Galicia que foi e é a de ter iniciativas encamiñadas a manter a unidade e a comunicación entre si. Aí están os centros galegos como mostra, ciscados por medio mundo.
Primeira misa en galego.-Pois ben, lembro que con Santos acordamos entrevistarnos co Bispo de Salamanca, Mauro Rubio, para solicitar a celebración dunha misa en galego para as galegas e galegos residentes na cidade, fosen ou non estudantes. A solicitude foi atendida aínda que agora non lembro a data exacta do seu comezo. Descoñezo se no libro colectivo “Galicia ano 70” no que participou Félix Villares Mouteira, hai algunha referencia a este feito que tería unha enorme importancia no futuro. A primeira misa en lingua galega en Salamanca foi oficiada por Xosé Antonio. Esta celebración foi o lugar de encontro durante varios anos para moitas galegas e galegos, crentes ou non. Era tamén unha boa ocasión para repartir a revista “Anduriña” e logo “O Sacho” das que falarei logo.
Exposición de Literatura Galega.-En maio de 1967 os días 11,12 e 13 organizamos na “Sala de la Columna” da Universidade de Salamanca a Exposición de Literatura Galega. O Catedrático Xosé Luís Pensado e coido que tamén o profesor Andrés Pociña colaboraron con nós. A Editorial Galaxia facilitounos os libros.
O meu proceso “galeguista”.-No meu caso, esta aproximación á propia identidade como galego, ademais das particularidades xa citadas, vaise mesturando progresivamente con outras e moi variadas circunstancias sociais, políticas e culturais: O espírito do Concilio Vaticano II; o diálogo establecido co marxismo; cristiáns para o socialismo; a toma de conciencia política e de oposición á ditadura franquista que reprimía a liberdade de expresión e por suposto a cultura galega. E a vasca e a catalá. O abandono do seminario e a gradual evolución cara un pensamento laico. As lecturas de “Sempre en Galiza” de Castelao -libro prohibido pero que era posible adquirir nunha librería de A Coruña- , “Realismo y conciencia crítica de la literatura gallega” , de Xesús Alonso Montero, editado por Ciencia Nueva; os poemas de Celso Emilio e Manuel María … A convivencia nos pisos, unha experiencia que se foi espallando a medida que os seminaristas pasaban a ser ex…
En fin que o meu proceso “galeguista” levoume á decisión, entre outras, de ser galego falante cousa que lle sorprendeu moito e o tomaron con retranca algúns dos meus compañeiros de Mondoñedo cando chegaron a Salamanca.
Actividades do colectivo galego en Salamanca.-Antes de rematar esta lembranza dos anos salmantinos “vividos como galegos”- parafraseando o dito dos mercados Gadis- citarei algunha outra actividade que realizamos non podendo concretar nalgúns casos a data concreta:
- Edición da revista “Anduriña” e O Sacho”. Como é normal nesa época de ditadura a maior parte dos artigos van asinados con nomes ficticios ao menos nos exemplares que aínda gardo dos anos 70 e 73.
- Un “suplemento” de O Sacho( maio 73) titulado “Cristianismo e Socialismo”.
- Ademais da edición das revistas, tamén se publicaron e espallaron clandestinamente claro, unha reprodución de “A Nosa Terra”, Boletín do Partido Galeguista onde se recollía o Resultado do Plebiscito sobre o Estatuto de Autonomía en toda Galicia o día 28 de xunio de 1936.
- Unha reprodución de álbum de “Galicia Mártir”, de Alfonso R. Castelao.
- Polo demais houbo un momento no que decidimos facernos socios do Centro Galego de Salamanca, negociando unha couta especial para estudantes. O obxectivo era insuflarlle máis vida galeguista. Lembro que un dos actos neste sentido foi a lectura dramatizada da “Revolta”, de Genaro Mariñas del Valle.
- Outro evento no que participamos foi apoiando o Recital de Voces Ceibes (Guillermo Rojo, Xerardo Moscoso, Vicente Araguas) na Facultade de Menciña o 9 de febreiro de 1970.
- No curso 1972-1973, durante a miña estadía en Roma, recibimos para a revista “Trebellos” a noticia de que os compañeiros galegos de Salamanca organizaran unha Semana Galega na que colaboraron Manuel María, que falou da ”Formación histórica de Galicia”; Manuel Salgueiro, que o fixo sobre “Galeguismo nos séculos XIX e XX”, e Vilas, profesor de Dereito en Santiago, que disertou sobre “O estatuto Galego”. Tamén interviñeron Enrique Clemente, profesor de Xeografía e Andrés Pociña, profesor de Latín , -ámbolos dous da Universidade de Salamanca.
Unha fermosa singladura.-Na década de finais dos anos sesenta e setenta do século pasado o movemento galeguista dos estudantes galegos en Salamanca foi intenso e mesmo conflitivo. Cumpriría que alguén fose indagando sobre este fenómeno, recollendo datos, completando información a través de entrevistas e arquivando as publicacións realizadas.
Eu, con outras persoas, estivemos ao comezo desta fermosa singradura que outros continuaron. Desde esta páxina web ofrezo a miña colaboración para ese interesante estudo.
Moaña 15 de febreiro de 2021. Nun Antroido especial polo Covid19. VIVA O ANTROIDO.
(1) Antón Lamapereira López. Ferrol, 1945. Ingresó en el Seminario de Mondoñedo 1956 y, tras terminar Primero de Teología, pasó a la Universidad Pontificia de Salamanca, escenario de buena parte de la presente autobiografía.
Dejar una contestacion