IN MEMORIAM Manuel López Reigosa

O pasado 18 de xulio faleceu o sacerdote diocesano Rvdo. Manuel López Reigosa (Ferreira do Valadouro, 1930; ordenado en Viveiro en 1961), párroco emérito de Santo Tirso de Portocelo (Xove, Lugo). O funeral oficiouse na igrexa parroquial Santa María de Ferreira do Valadouro (Lugo). A  inhumación tivo lugar no cemiterio parroquial. Descansa na paz do Señor.

Dado o vínculo de décadas co municipio de Xove, o xoves 21 ás seis da tarde oficiouse un funeral na súa memoria na parroquia de Santo Tirso de Portocelo.

 

Semblanza

Don Manuel López Reigosa naceu en Ferreira do Valadouro o 25 de maio de 1930, nunha familia da que tamén xurdiron dúas vocacións consagradas na vida contemplativa.

Realizou os seus estudios no Seminario Conciliar de Mondoñedo, a pesar da súa fráxil saúde que o obrigaba, ás veces, a interromper o ritmo académico. Foi ordenado no Congreso Eucarístico Comarcal de Viveiro o 27 de maio de 1961. Os compañeiros da súa promoción procuraron desde aquela xuntarse cada ano para celebrar este aniversario.

Na diocese desempeñou os seguintes cargos pastorais:

  • Ecónomo de San Lourenzo de Sasdónigas (1961-1962).
  • Ecónomo de Santo Tirso de Portocelo 1962 e máis tarde párroco.
  • Encargado de Santa Olalla de Lago e San Clemente de Morás (1976-1978)
  • Logo volveu a ser administrador parroquial de Lago e Morás (setembro de 1985) e administrador parroquial de Santo Estevo de Sumoas (2003).

Xubilouse o 21 de xaneiro de 2019, aos 89 anos, residindo na súa casa en Xove.

Don Manuel foi un sacerdote servicial, mesmo estando xubilado, e sempre foi coñecido na comarca da Mariña como o cura de Portocelo, de onde foi párroco durante cincuenta e sete anos, practicamente todo o seu ministerio sacerdotal. Este feito corresponde a un modelo de sacerdote, hoxe imposible, no que a permanencia nunha ou varias parroquias limítrofes supoñía un compromiso case de por vida.

Hai que valorar e agradecer a fiel compaña da súa irmá Ramonita, que sempre o coidou e estivo con el ata o último momento.

Que o Señor, Pastor supremo, que lle encomendou apacentar aos seus fieis, o acolla e o agregue á asemblea dos seus santos. Descanse en paz.

 

(Reseña extraída de la web diocesana)

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*