(Adicado de xeito especial a Manuel López Rico, que leva anos pedíndome que rememore o acontecido aquela festiva e chuviosa tarde mindoniense)
Aínda que a certa idade xa nos bailan as datas, penso que foi en primeiro de Filosofía, curso 62-63, cando sucederon os feitos deste relato no Seminario de Mondoñedo, que non foron máis que unha travesura propia de rapaces de 16 anos, pero que, situados no contexto en que nos moviamos, deron lugar a unhos días de inquietude, por non calificalos de auténtica traxedia.
Era unha tarde de lecer, un día festivo (non lembro qué festividade se celebraba), pero as inclemencias do tempo non permitían sair de paseo polo Carmen ou polos Remedios cara a San Vicente ou mesmo cara a Viloalle ou ao Padornelo e Tronceda, de xeito que estabamos aburridos e xuntos en varias habitacións.,
De repente, aparece o compañeiro ferrolán Moncho comunicando que se atopa aberta a porta da despensa que había xusto á entrada do comedor do Seminario Maior, que chamabamos “bodega dos superiores”, na que pensabamos que debía haber ricas viandas e apetitosos licores para consumo exclusivo de rector, prefectos de disciplina e profesores.
A curiosidade por descobrir os “tesouros” que gardaba a despensa fixo que un grupo de unhos 12 compañeiros saltaramos como resortes cara a tan apetitoso lugar-
Cando apenas estaban pisando os nosos pés os umbráis da despensa (lembrando unha moi coñecida canción das misas dominicáis), surxe unha voz de alarma comunicando que D. Euloxio Carballido, maiordomo do Seminario, está baixando as escaleiras cara á despensa para pechar a porta.
O pánico fixo presa de todos nos i escapamos cada un por onde puido. Pero D.Euloxioi conseguiu chegar a tempo para ver a varios dos fuxitivos, entre eles a quen escribe, e fun chamado inmediatamente por megafonía: “Pedro Conde, pase por el despacho del señor mayordomo”.
Pagaría algo por ter grabada a escea no despacho do señor maiordomo. D.Euloxio, sentado, con un folio encima da mesa e un bolígrafo na mán, díxome literalmente: “uno por uno”. Contestei que non era posible, porque eramos un grupo numeroso e podía equivocarme. Resposta: “He dicho que uno por uno o la pagarás tú solo”.
Eu penséi naquel intre que era imposible que expulsaran de golpe a tantos seminaristas, asli que decidín darlle o nome de 12 compañeiros, aínda co risco de esquecer a unhos e meter a outros que non participaran no “asalto”.
Cando empecéi a darlle nomes, tiña dúbidas, concretamente dun compañeiro do Valadouro (non lembro se era Iglesias ou Leal) e así llo fixen saber a D.Euloxio. Resposta: “Sí, si, estaba allí, es de los pocos que he visto con mis propios ojos”- O pobre rapaz estivo angustiado, porque logo se confirmou que non participara.
No día seguinte, D.Euloxio convocounos no seu despacho ós 12 encausados e díxonos que puxera o feito en coñecemento do Sr.Rector (D. JUSTO TRASHORRAS) e do Sr. Obispo (D. Jacinto Argaya) e que, como ben recorda o amigo López Rico, “os aseguro que voy a hacer una que suene más que la campana de Huesca”.
O tema rematou con unha chamada do rector D.Justo ós “12 do patíbulo”, que, tras unha paternal homilía sobre o bon comportamento que deben ter os aspirantes ao sacerdocio, contounos que, tras unha conversa co Sr.Obispo, habían decidido pasar páxina e que ese feo comportamento non tivera consecuencias.
Remato recordando que da famosa “bodega de los superiores” ningún dos compañeiros saiu con botellas de viño, xamóns ou algo similar., Como moito, poideron coller (que non me consta) algunha larpeirada (galletas, chocolate, pasteis…). Como dixen ao início, foi unha simple travesura de rapaces de 16 anos. Estou seguro que os nosos superiores tamén o viron así, aínda que estaban na obriga de amonestarnos e de asustarnos un chisquiño.
Vigo, 24/11/2026
Dejar una contestacion