Por Antón Lamapereira
Nesta segunda entrega sobre a miña afección polo teatro vou narrar diferentes experiencias nas que fun descubrindo o valor do teatro para a miña vida ao tempo que tentaba transmitir estes valores ás rapazas e rapaces que ao longo deste anos formaron parte dos grupos de teatro que fun organizando como actividade extraescolar en centros de ensino medio nos que traballei como profesor de Filosofía.
Os comenzos
Ademais desa primeira aprendizaxe no curso de interpretación que convocou Teatro Circo de A Coruña, polo ano 1975, e da que xa falei anteriormente, na Universidade Laboral primeiro e logo xa pola miña conta, funme anotando ao longo dos anos, aproveitando as miñas vacacións, en diferentes cursos de Expresión Corporal, Expresión Oral, Xogo dramático… que organizaba a Escola de Verán en Vigo, Acción Educativa en Madrid ou a A Escola d´Expressió en Barcelona.
![](https://www.homenaxeseminariomondonedo.com/wp-content/uploads/2025/01/1-Interior-programa-de-Os-vellos-300x283.jpg)
Epicuro como guía
Coñecer, apreciar e cuidar o meu corpo como fonte de pracer, de expresión dos (meus) sentimentos e de comunicación cos demais foron verbos que fun conxugando gradualmente nos diferentes tempos e modos ao longo da miña vida.
Neste proceso ademais dos nomes de Manuel Lourenzo, Xan Guisán, Pepe Estruch, citados no artigo anterior, veñenme á cabeza agora os de Carme Aymerich, Alfredo Mantovani, Franco Passatore, Cristina Domínguez…
Sen esquecer, entre outras, as lecturas que teorizan sobre o corpo como elemento dramático fundamental e a filosofía de Epicuro sobre o corpo, o pracer, a felicidade, e o ben ser.
Ter entendido o teatro como xogo dramático foi a chave que me abriu as portas desas que
ben poderían chamarse “revelacións”. Xogando a ser outro, interpretando personaxes e situacións, foi como descubrín o meu corpo e as súas posibilidades de expresións co xesto, coa voz, coa mirada.
Agora ben aínda que no xogo dramatico o suxeto esquece os límites da súa actividade cotía superando os ríxidos marcos da “realidade” posibilitando o desenvolvemento da imaxinación, ao mesmo tempo
elabora reglas que debe respectar baixo pena de pecharse nunha actividade rapidamente aburrida e repetitiva. En todo xogo hai régulas.
Grupos e montaxes
Pois ben con estes presupostos teóricos e prácticos abordei a creación dos diferentes grupos de teatro que formei primeiro na Universidade Laboral e logo no Instituto Concepción Arenal de Ferrol, en Cee, A Guia en Vigo, María Soliño e IES de Rodeira en Cangas e finalmente, xa logo da miña xubilación, no IES da Paralaia en Moaña.
Non é este o lugar e o momento para escribir sobre cada unha das montaxes que son montón o que si vou relatar e algunha das experiencias máis interesantes, enumerar as características e obxectivos que perseguín en todas elas e que fun descubrindo ao longo do tempo, rematando coa recollida das opinións do alumnado sobre a súa vivencia no grupo de teatro.
Edipo rei, de Sófocles e Ubú, rei, de Alfred Jerry. Unha traxedia grega sobre o destino e unha sátira moderna de critica ao poder foron as dúas pezas que o grupo Cacharela, como foi bautizado o grupo de teatro do I.B. A Guía en Vigo, levou a escena durante os cursos 1981-1982 e 1982-1983.
![](https://www.homenaxeseminariomondonedo.com/wp-content/uploads/2025/01/2-Edipo-Rei.-IB-A-Guia-1982-300x206.jpg)
Programada como actividade extra escolar anotáronse para o grupo de teatro unha ducia de mozas e mozos de diferentes cursos do antigo bacharelato, BUP.
Co apoio da dirección do instituto e do profesorado na tradución dos textos ao galego, na escenografía e na elaboración do vestiario, tamén foi posible contratar a Nuria Pahino, persoa allea ao centro, para que colaborase en Ubu Rei na coreografía, aspecto que eu descoñecía. Nuria, mestra formada en danza, expresión corporal e xogo dramático, cando eu marchei con destino definitivo ao IB de Rodeira de Cangas del Morrazo, deulle continuidade ao grupo Cacharela durante 10 anos.
![](https://www.homenaxeseminariomondonedo.com/wp-content/uploads/2025/01/4-Troupe.-Ubu-Rei.-A-Guia-1983-300x227.jpg)
Sempre tentei que o traballo dunha montaxe de teatro escolar poidese sair fora das paredes do centro de ensino. Porque o merece ao ser un labor creativo, disciplinado e con moitas horas de dedicación do alumnado. A eles lles fai moita ilusión e tamén é un xeito de mostrar o esforzo realizado a familiares, amizades e público en xeral. Nesta ocasión coido lembrar que fixemos algunha representación nos Institutos do Calvario de Vigo, da Estrada, de Nigrán e no Auditorio Municipal do Concello receptivo neses momentos a este tipo de iniciativas.
A dinamización teatral pola miña banda non só quedou no IES de A Guía senon que coa colaboración da Escola de Expresión Dramática Kalandraka e o IB Santo Tomé de Freixeiro organizouse en abril de 1989 no Salón de Actos deste centro a I Mostra de Teatro Escolar de Vigo. Unha iniciativa que procuraba, entre outros motivos, axuntar esforzos do profesorado e despertar no alumndo o interese polo teatro.
![](https://www.homenaxeseminariomondonedo.com/wp-content/uploads/2025/01/4-bis-Ubu-Rei.-IB.-A-Guia.-Vigo-1982-1983-300x207.jpg)
Apoteose do churrasco. Esta montaxe, realizada no Instituto María Soliño de Cangas durante o curso 1992- 1993, non estivo baseada en ningúnha obra dramática, e o seu tema era mostrar, cun ton crítico-satírico, a situación da lingua galega entre o alumnado e, por extensión, á realidade latente en toda a poboación do país: o menosprezo pola nosa propia lingua.
![](https://www.homenaxeseminariomondonedo.com/wp-content/uploads/2025/01/6-Apoteose-do-churrasco.-Enfrontamento-300x259.jpg)
O texto narrativo que inspirou esta montaxe foi recollido nos capítulos: Apoteose do churrasco. Manifesto Kamikaze e Apoteose do churrasco. Galicia esa merda, da novela Polaroid de Suso de Toro. Velaquí un exemplo:
“Gallegos, vermes mutantes que habitades e vos mantedes deste país que é un morto que fede, unha prea que atufa. Galicia esa remora que odia o novo, os cambios, a vida, que se emborcalla na rutina, na ignorancia, na desconfianza. Galicia…
A súa posta en escena, en diferentes espazos que convidaban aos espectadores a moverse dun lugar a outro, tivo moito de experimental pois predominaba o xesto e a danza, sobre o texto.
![](https://www.homenaxeseminariomondonedo.com/wp-content/uploads/2025/01/7-Apoteose-do-churrasco.-Retrete-196x300.jpg)
Aquí quero facer constar a importancia que tivo na miña concepción escénica, ter visto e admirado o espléndido traballo xestual, danzístico e rítmico da Compañia Matarile dirixido por Ana Vallés. Sen esquecer, claro está, a importancia que supuxo, dentro do teatro galego, a creación da sala Teatro Galán de Compostela. Un espazo polo que pasaron diferentes compañías de danza contemporánea españolas e doutros países europeos. A danza con Matarile entrou a formar parte do teatro galego.
Obrigado era, para calquera persoa interesada polo teatro, asistir á programación da Sala Galán.
Cando estou a redactar esta colaboración recibo a noticia de que Ana Vallés recibe a Medalla de Oro ao Mérito de Belas Artes 2024. Parabéns, Ana!
Apoteose do churrasco estreose no Instituto e logo o representamos tamén na Casa de Cultura de Cangas, no IES Alexandre Bóveda, no IES Santo Tomé de Freixeiro de Vigo e no IES de Gondomar.
Durante o curso 2002-2003 acaeceron dous feitos importantes que tiveron moito eco na sociedade: a traxedia ecolóxica do Prestige e a Guerra de Irak apoiada polo goberno de Aznar. O resón destes feitos chegou, rompendo as paredes das aulas, ao grupo de teatro do IES de Rodeira de Cangas que o visualizou desde o escenario e desde a rúa.
![](https://www.homenaxeseminariomondonedo.com/wp-content/uploads/2025/01/8-Paraugas-Nunca-Mais-300x263.jpg)
O espectáculo levou por título Crónicas da Peste, peza escrita polo mestre, dramaturgo e político Xosé Manuel Pazos, falecido hai pouco tempo. Un xeneroso compañeiro e amigo sempre disposto a colaborar neste tipo de iniciativas. Foi el quen xa escribira para o grupo: Gallaegaria durante o curso 2001-2002.
![](https://www.homenaxeseminariomondonedo.com/wp-content/uploads/2025/01/10-Gallaegaria.-IES-Rodeira.-VI-Mostra-2002-300x209.jpg)
O programa de man, que reproducía en portada unha das esculturas de Francisco Leiro dedicada á traxedia do Prestige, presentaba a sinopse da obra: a historia principia, como non podía ser doutro xeito, cunha cantiga de maldicer.
Fábula, testemuñas reais e farsa vanse sucedendo para que intérpretes e publico, cunha sorrisa amarga nos beizos, nos esquezamos o que aconteceu. Nunca Máis a Burla Negra!
![](https://www.homenaxeseminariomondonedo.com/wp-content/uploads/2025/01/11-Programa-Cronicas-da-Peste-224x300.jpg)
O reparto, moi amplo, estaba formado por 21 mozas e mozos de diferentes cursos de Bacharelato, da ESO e do Ciclo de Electrónica.
Durante o proceso de ensaios e montaxe da obra contamos coa colaboración de varios Departamentos: de Educación Fisica que preparou as coreografías; de Música, as cancións; de Deseño para o espazo escénico; de Informática para a edición de imaxes e maquetación do cartel e programa de man; de Tecnoloxía para luz e son…
A actividade Teatro, polo que éste implica, é unha moi boa ocasión para trenzar apoios creativos das compañeiras e compañeiros doutros saberes e habilidades. Ao longa da miña experiencia en todo momento fixen o esforzo por solicitar esta colaboración que, salvo nunha ocasión, sempre foi xenerosamente correspondida.
O teatro pide público. E como xa comentei tamén o teatro escolar é merecente de sair das aulas na procura dos públicos. Para o alumnado está organizada cada ano, desde a súa creación en abril de 1997, a Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo (MOTESMO)na que participan os grupos de teatro dos centros de ensino de Cangas, Moaña, Bueu e Marín.
![](https://www.homenaxeseminariomondonedo.com/wp-content/uploads/2025/01/12-bis-Reverso-programa-MOTESMO-13-2009-300x211.jpg)
Crónicas da peste a representamos en abril de 2003 no Auditorio Municipal dentro da programación da VI edición da MOTESMO e voltariamos de novo ao Auditorio, xa para o público en xeral, en xuño dese mesmo ano.
Representar no Auditorio para un grupo de teatro escolar é unha experiencia inesquecible: a amplitude do escenario, os focos, os camerinos o grande patio de butacas… E no caso de Cangas máis aínda pois o seu Auditorio agocha unha historia reivindicativa popular para a súa construción.
Dejar una contestacion