Antonio María Villar Cheda

O día da Inmaculada de 1937, viu a luz en Cedeira, un neno a quen por nacer ese día, lle agregaron María ó nome de Antonio. Tralo acostumado exercicio de «monaguillado» da súa Cedeira natal, ingresou no Seminario de Lorenzana no curso 49-50, no de Mondoñedo ó seguinte curso, ata o 56-57, en que rematados os estudos filosóficos, pasou á Universidade Pontificia de Comillas para completar a súa formación sacerdotal cos estudios teolóxicos, coronados coa licenciatura en teoloxía o curso 60-61.

Formador de ilustres alumnos.-Profesor e formador, prefecto de disciplina se dicia entón, no Seminario de Lorenzana, do 61 ó 65 viu pasar polo Seminario alumnos, que ó seu debido tempo, destacarían, e moito, nas diversas profesións ás que os levou a vida. Sirvan como botóns de mostra entre outros, o actual Deán da Catedral de Santiago, o Organista da de Mondoñedo, o exmagistrado da audiencia da Coruña Juan Luis Pía (R.I.P.), o sempre indispensable en todo acto cultural que se precie na nosa Galicia Ramón Villares, «et plures alii quos numerare longum otiosumque esset».

 

Etapa sacerdotal.-Na escola de Maxisterio da Igrexa de Faxardo (Ferrol), impartiu docencia de prácticamente tódalas materias de Letras durante os oito anos seguintes, compaxinándoa coa capelanía do Centro e coa colaboración nas parroquias de San Xoán de Filgueira e Santa María de Caranza.

 

Recordo de Eibar,.Secularizado no 73, e canónicamente casado (co que completaba a recepción dos sete sacramentos) no 74, ingresa no Claustro da Universidade Laboral de Eibar no 75, coincidindo alí con Ángel Felpeto, de quen todo o bon que se diga é pouco, e con Eugenio Núñez Rios. ¿Que se pode dicir de Eugenio? Compañeiro e amigo en Mondoñedo, en Comillas e agora en Eibar.

 

Reencontro en Ourense.-Como queira que, «na casa dise que si ó señor, pero faise o que quere a señora», no 78 trasládome á Laboral de Ourense, na que «Oh, casualidade!» atópome con dous exalumnos de Lorenzana, Pepe Carballeira e Primitivo Iglesias. O primeiro, Director ata a súa xubilación e o segundo, Alcalde da Pastoriza «in saecula saeculorum», e ambos, eminentes lexicógrafos.

 

“Xubilosamente xubilado”.-Tras vintecatro anos de docencia neste Centro (curiosamente a mesma cantidade que os anos de formación e de exercicio sacerdotal xuntos), chega a idade na que recibes a paga por deixar que outros ocupen o teu lugar e tempo de traballo. E así, XUBILOSAMENTE XUBILADO o 8 de decembro de 2002 e infelizmente viuvo desde o día de San Pedro de 2003, a pesares de sentirme «peixe de mar», sigo desfrutando das ribeiras do Miño na «ATENAS de Galicia», colaborando en diversas parroquias da contorna en actividades pastorais, de catequese, liturxia e música sacra, na medida que me deixan os meus 82 tacos e, dada a miña formación e convición xurídica, ata donde mo permiten as normas da Institución.