Don Enrique Cal Pardo na lembranza

Por Antón X. Meilán García (1)

Don Enrique
Don Enrique

Don Enrique naceu na casa do Carballo de Galdo, que foi de Pardo de Cela e na que as súas fillas, Constanza e Beatriz, se fixeron mozas. De Galdo, veu para o Seminario de Mondoñedo, onde comenzou a súa formación ecresiástica. De Mondoñedo, foise para Comillas a onde ían os mellores estudantes dos seminarios. Volve para Mondoñedo coma profesor do Seminario, do que chega a ser Reitor e cóengo da Catedral. E dada a súa valía, pasa tamén a ensinar teoloxía no Instituto Teolóxico Compostelano de Santiago, mais non satisfeito coa súa formación, marcha a Madrid a facer a tese de doutoramento. Don Enrique foi doctor, que é o grado máis alto que pode alcanzar un docente ou un investigador no ámbito universitario español. Foi un doctor dos que se di cando non se sabe unha cousa: «doctores ten a santa madre egrexia». El, pertenceu a este grupo. Mais non pararon aquí as súas inquedanzas intelectuais, nomeado arquiveiro, por oposición, da catedral mindoniense na década dos 50, empeza a poñer en orde o arquivo catedralicio e sente interese polos pergaminos e documentos que ía clasificando. Os seus coñecementos de latín servíanlle para ler algo, mais a letra do medioevo, tanto a gótica e moito máis a procesal, dan moito que interpretar, por iso non dubidou en ir a Congresos de Paleografía e, sobre todo, como me dixo algunha vez, en dedicarlles días e días, horas e horas á súa leitura, de tal maneira que os mindonienses sabíamos a hora do día vendo pasar a don Enrique para a Catedral: pola mañá, sobre as nove menos cuarto e recollíase sobre as dúas, e pola tarde, sobre as catro e marchaba pasadas as oito do serán. Cando as circunstancias vitais llo exixían, non dubidaba en dar un paso máis na súa formación. Sempre estaba metido no arquivo lendo documentos ou traballando nos seus artigos ou libros, que entre uns e outros, case chegan á centea. Fixo amigos nos departamentos de Paleografía e Historia en distintas universidades e Institucións Académicas, e hoxe é recoñecido como tal nestes ámbitos universitarios. Os seus traballos sobre o medioevo galego, relacionados con Viveiro e Mondoñedo, están nas bibliotecas universitarias e contribuíu coas súas publicacións a que esa parte da Historia, da baixa e alta Edad Media, deste rincón da Mariña lucense se coñecese un pouco máis. Aquí, no arquivo da Catedral, coma un monxe medieval no seu Scriptorium, pasou a mitade da súa vida: silencioso, humilde, prudente, amábel con todos, sen ambicións de postos (que puido aspirar a eles), para ben da historia do Bispado mindoniense e da Galicia do medioevo. Foi nomeado, Vicario, Deán, obispo emérito polo papa, e a Xunta de Galiza, no 1997, concedeulle a medalla de bronce pola súa contribución á Historia do noso Reino. Quixo ser enterrado no claustro da catedral, ese claustro sen arte nin capiteis tallados pero que de sinxelo, namora, onde todo se volve paz e silenzo, onde nin os paxaros cantan, só se sente o rumor silente da pedra; quixo ser enterrado aquí, ao pé das escaleiras que levan ao Arquivo, que tantas veces pisou, para que os que imos de cando en vez a consultar algún documento, nos lembremos dun home que cos seus traballos lle fixo florecer e medrar ao Bispado mindoniense e a esta terra do nordés peninsular, dos 10.000 ríos, serras, montes e vales, que se chama Gallaecia.

(1) Antón Meilán. Mondoñedo, 1949. Cursó Latín y Filosofía en el Seminario de Mondoñedo. Doctor en Filología Románica, catedrático y Profesor Emérito Honorario de la Universidad de Oviedo. Autor de numeras obras y artículos de su especialidad desde 1980.

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*