EN TORNO Á XUNTANZA XERAL DE OUTOBRO

 

Germán Castro Tomé

Desde todo punto de vista apoio a idea de celebrar un novo encontro en Mondoñedo ao redor das San Lucas. Non se trata tanto, ao meu xuizo, de repetir aquela fermosa xornada de homenaxe ao Seminario, porque, atrévome a dicir, foi unha páxina irrepetible nas distintas dimensións, como de fomentar o lado humano, emocional e mesmo sentimental dunha actividade que vaia máis alá do mapa minifundista de citas que se fan por cursos, sen que estas, obviamente, deixen de ter o seu vigor e valor.

Particularmente, daquel acontecemento, envolto en certa atmósfera de solemnidade, quedoume a impresión de que todos ficamos sorprendidos da resposta multitudinaria que tivo a convocatoria. Seguramente que a confluencia de promocións de distintas idades deulle categoría e contido. Non eramos os de sempre, os que nos vemos todos os anos, cada grupo polo seu lado, eramos moitos máis que nin siquera nos coñecíamos, pero aos que nos unía unha experiencia común, a pegada que deixou en nós o paso polo Seminario, por aquel centro de formación e promoción cultural como se deu en chamar con motivo dos citados «fastos».

Polo tanto, creo que paga a pena experimentar e ver de recrear as sensacións e reaccións de camaradería e fraternidade que sempre reporta unha convocatoria destas características. Paréceme ben buscar unha «excusa» formal, como pode ser unha visita guiada a biblioteca, depositaria dun dos fondos bibliográficos patrimoniais máis importantes de Galicia: 30.000 volumes, 22 incunables, colección de biblias….

Polo demais, compartir un almorzo sempre resulta motivador como trampolín para comunicarmonos e valeirar a memoria dun tempo pretérito que semella que asoma con forza agora que moitos dos antigos alumnos acadamos a madurez e gustamos de recuperar a nosa adolescencia curtida a través de innumerables vicisitudes nas aulas do Seminario de Santa Catalina de Mondoñedo.

 

 

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*