Importancia do teatro no Seminario e fóra del

Por Xosé Manuel Carballo

 

Non me parei a preguntar antes de mandar esta pequena reflexión se noutros seminarios se dedicaba tempo ó teatro como se dedicou no de Mondoñedo, polo menos desde que eu recordo. A min marcoume aquela representación da zarzuela “El Sacristán de la Aldea” que puidemos disfrutar o curso 1956-57. Só lembro a tres dos actores: Anxo Ferreiro Currás, Antonio Domínguez Martínez e José Velo Nieto. Era sublime escoitarlles cantar: “Mientras que vós/ por Satanás/no sabeis repicar/ al compás, al compás·” Pra min aquele foi tan impactante que, do mesmo xeito que cando vimos no Seminario de Vilanova o primeiro ilusionista me propuxen aprender algo así, tamén pensei canto me gustaría poder facer teatro algún día. Grazas a Deus e ós formadores puiden. Os aplausos da representación de “El Cuatrigémino” no que fixen o papel de “Casquito”, sobrenome que aínda hoxe me atribúen algún compañeiros con satisfacción pola miña parte, reforzaron esa incipiente vocación de teatreito entendido como amante do teatro, non como procurador en Cortes.

Teatro no Seminario

Debería ser obligatorio

Non tardei en darme conta de que o teatro nun centro de ensino non é un simple pasatempo, senón que debería ser asignatura obrigatoria, por iso cando me tocou a función de ensinante tanto no Seminario coma no Colexio de Castro de Rei, preocupeime de que, a ser posible, pasasen todos os alumnos unha vez polo escenario cada curso e especialmente aqueles que non destacaban moito noutras cousas.

Os resultados coñecíaos por min mesmo. Con dezanove anos fixera a primeira actuación en público como ilusionista no Teleclub de Bretoña. A partir desas actuacións, estudando menos sacaba mellores notas. Quizabes, non porque soubese máis, senón porque, tanto de palabra como por escrito, dicía mellor o que sabía, grazas á confina en min mesmo -autoestima- que me daban as táboas.

Pero ademais diso, facer teatro ensina a ler mellor, xa que forza a utilizar correctamente os signos ortográficos: acentos, interrgacións, admiracións. puntos suspensivos…, de paso que

adestra pra reforzar a palabra coa linguaxe corporal.

Teatro, escola de convivencia

Hai máis. Os ensaios e a representación dunha peza teatral son escola de convivencia e. se me apertan moito, ata de democracia, porque cada un tén que asumir que é importante e necesario no grupo, pero sen o grupo, non é ninguén. Ten que aprender a falar só cando lle corresponde e a saber escoitar pra responder con acerto.

Indo un pouquiño máis adiante, tamén nos leva a descubrir que no teatro, coma na vida, hai papeis que se prestan máis pra destacar ca outros, pero tamén os outros son necesarios, polo que cada un debe esforzarse en facer ben o que lle corresponda pra que resulte unha conxunción harmónica.

E xa postos tamén é ben importante axudarlles ós que reciben os aplausos a non esquecer que eles están no escaparate, pero no taller quedan os que escribiron a obra, pintaron os decorados, … Eu acostumo a poñer o exemplo de que podo lucir uns pantalóns ben planchados grazas a que mos planchou miña irmá que queda na casa. Sen o esforzo dos que traballan agochados no taller non se pode poñer nada no escaparate. O traballo calado e anódino de moitos é o que verdadeiramente sostén o mundo, como o traballo da Comisión e as horas sombrías dedicadas fai posible esta Homenaxe.

O teatro, na misión evenxelizadora

Pra que un grupo de teatro poida representar ben e pra que desexen xuntarse prós ensaios os seus compoñentes é fundamental que antes ca o teatro os una amizade.

Por iso é polo que este cura dedicou tempo ó teatro insertando esa actividade na misión evanxelizadora. Descubriuno ben un veciño de Lugo, cristián comprometido, cando ó remate da representación de “Recobrou o sorriso Eleuterio” prá Asociación de Belenistas e o público en xeral, me dixo: “Que pillo es, cura, se o que dixestes na obra o dixeses ti nun prédica, poucos che ían atender, pero así, atendémosvos todos e aplaudimos a homilía.” Pero sen prédicas, crear vínculos de amizade é facer comunidade e facer comunidade é evanxélico.

Capítulo de agradementos

Por todo iso nunca a abriga lles pago ós que, perdendo horas de descanso ou de recreo, profesores e compañeiros, fixeron posibles as representacións no seminario como ocupación do tempo de ocio e como moito máis ca iso.

Como ben apunta no seu libro “Historia do teatro afeccionado na Mariña Lucense”

o gran amigo, mestre no teatro e na vida, tamén de Mondoñedo, Francisco Piñeiro, da man de algúns curas chegou o teatro a moitas aldeas e vilas pequenas. Só citarei tres destes curas, pero houbo e hai máis: Gil Agras Hermida, en Bretoña; José Buíde, en San Adriano de Lourenzá, e Vitoriano López Felpeto, en Villaronte.

Graciñas, Fernando Porta, e en ti a todos os que en tempos xa un pouco lonxanos nos subístedes a un escenario, e graciñas tamén a ti, Félix Villares, e en ti a todos ós que o fixestes o mesmo cos alumnos en tempos máis próximos.

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*