Querido don Uxío

Por Ángel Felpeto Enríquez

(Don Eugenio García Amor falleció el pasado día 3 de mayo de 2025)

Sabia que os últimos meses o seu  estado de saúde non era bo. Dixéronme que estaba en Vilalba de novo, na residencia,  porque alguén  pensou que alí poderían prestarlle mellores coidados. Que menos para quen deu todo polos demáis. E esta mañá moi cedo me chegou a noticia do seu falecemento.

Pídenme  que escriba algo porque na nosa páxina de homenaxe ao Seminario, onde moitas veces por unhas ou outras razóns mencionámoslle e quixemos  agradecerlle o seu traballo  connosco  aqueles anos e tamén  nas distintas responsabilidades que os señores bispos foron encomendando, non pode faltar hoxe unha palabra máis de gratitude e cariño. Non será a ultima porque de vostede teremos un recordo permanente.

Nos nosos grupos de whatsApp e en toda a prensa galega hoxe é noticia. Seguro que non lle gusta porque nunca quixo ser protagonista de nada senón bastón onde se apoiase todo o mundo pero especialmente os que mais o necesitaban. Se tivese que resumir en dúas palabras todo o que oín e lin  sobre vostede ao longo do día, utilizaría aquelas que se atribúen a San Pedro sobre Jesús: «Pasou polo mundo facendo o ben»

Está dito todo e por todos. Por iso pensei  volver  dez anos atrás e fago publica unha carta persoal que lle escribín con motivo da homenaxe que lle rendeu o Instituto de Estudos Chairegos en decembro de 2015.

Carta de 2015

Espero que estas palabras  resuman o sentir de todos os que desde esta páxina de homenaxe o seminario temos tantas cousas que agradecerlle:

“Din que vale máis unha imaxe ca mil palabras. E eu hoxe teño dúas moi presentes: o meu libro de lingua e literatura castelá e esa fotografía das vodas de prata de D. Xusto, o noso Reitor, con vostede ao seu carón. O sorriso é o mesmo, só perdeu pelo, xa tiña pouco.

Cada un conserva unha imaxe das persoas que tiveron influencia na súa vida ou que lle serviron de referencia. Para min esa fotografía dío todo. Don Uxío, sempre en segundo plano, mais sempre arrimando o ombro tanto coma o primeiro. Don Xusto para nós era autoridade, a que debe ter o Reitor, un pouco na distancia aínda que próximo cando o necesitabas, mais ao seu lado sempre don Uxío, o home humilde, co sorriso nos labios, que non ten tempo para nada e sóbralle tempo para todo e que é o bastón onde se apoia quen ten a máxima responsabilidade.

Vostede achegábanos a Juan Ramón Jiménez ou a Dante e Boccaccio coa mesma sinxeleza e o mesmo sorriso ca cando nos saudaba no corredor, sempre á présa, mais sempre cunha mirada de afecto. Da música, que dicir, aínda que para min, malia aos seus aprobados, segue sendo materia pendente.

Mais creo que vostede se sentía reflectido naquela “Que descansada vida la del que huye del mundanal ruído” de Frei Luís de León.

Aínda vexo dando un paseo polo claustro alto na soidade da noite, despois de cear, a dúas almas xemelgas, como diría a miña nai costureira, “cortados polo mesmo patrón”: a don Uxío e a don Jaime. Hai moi poucos días un grupo de compañeiros daquela promoción que saímos de Mondoñedo no ano 1967, lembrábamos con afecto e gratitude cara a vostedes e cara a todos os nosos profesores e formadores, esas imaxes que non se borran. Ademais lembrabámolas o día 17 de outubro pasado, cincuenta e seis anos despois, ás oito da mañá, na figura de don Enrique Cal Pardo, aos seus 93 anos, facendo ese mesmo itinerario rezando o rosario e pisando as mesmas laxas de granito, pasando por diante dos despachos-cuarto de don Xusto e de don Uxío.

Hoxe, cando recibo a invitación para a xusta homenaxe que lle renderá o IESCHA o vindeiro venres, sinto a necesidade de expresarlle, como o fixen interiormente tantas veces ao longo da miña vida docente, a miña gratitude. Lembrei moitas veces estando diante dun grupo de alumnos, que algunhas persoas ensináronme máis ca moitos libros. E eu aprendín, ademais de lingua, literatura e música, sobre todo aqueles versos que tanto liamos na clase e recitábamos de memoria:

“¿Que presta a mi contento

si soy del vano dedo señalado;

si en busca de este viento,

ando desalentado

con ansias vivas, con mortal cuidado?”

Grazas don Uxío pola súa dedicación, fortaleza e humildade, que a min e a todos os que tivemos a sorte de coñecelo e de aprender diariamente do seu sorriso e do seu exemplo, serviunos de referente na nosa vida persoal e profesional.

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*