António López Diaz (Barreiros)

Antonio López Díaz San Julián de Cabarcos, Barreiros (Lugo),  1964 Seminarista: 1973-1980.

Antonio López Díaz
San Julián de Cabarcos, Barreiros (Lugo), 1964
Seminarista: 1973-1980.

A miña experiencia no Seminario

O feito de demorarme máis do debido na redacción destas liñas sobre a miña experiencia no Seminario de Mondoñedo permitiume ter a ocasión de ler os testemuños dos que foron máis cumpridores, e dáse a circunstancia de que tamén un pouco maiores ca min. E non podo menos que confesar unha sensación de sorpresa. Canto cambiara o Seminario nos pouco máis de 15 anos que van dende mediados dos 50 ata o 1973!

Xa Lourenzá pasara á historia e directamente accediamos a Mondoñedo, que acubillaba dende 5º de EXB ata o Bacharelato, aínda que neste caso os estudos xa se facían no Instituto. As sotanas só as coñeciamos polas fotos penduradas nas paredes do corredor do claustro (aínda seguen alí, cambiadas de sitio). Nin os curas levaban xa sotana, coa única excepción de D. José María Fernández.

Aires do Vaticano II

Un grupo de curas novos, Juan Rodríguez Calvo, Luis Ledo Álvarez e Félix Villares Mouteira, con Darío Balea Méndez de Reitor e Manuel Grandal Gómez de Administrador, traían os novos aires do Concilio Vaticano II, sempre baixo o báculo progresista e galeguista de Monseñor Araújo Iglesias. Estes novos aires percibíanse tamén nas formas. Cantas veces cantamos na misa o Canto a la libertad de Labordeta ou unha versión sui generis e adaptada de Belfast… e aínda non morrera o ditador.

O deporte formaba parte da vida cotiá no Seminario, cunha especial predilección polo atletismo, na que moito se lle debe a Félix Villares. Aínda para aqueles que, coma min, entendiamos que o correr era de covardes, cada ano as olimpiadas de Santa Catalina eran toda unha festa de varios días de sa competición.

Amor á nosa lingua

Chama a atención tamén o cariño que se mostraba polo galego. Mirando cara atrás resulta case incrible pensar que editabamos en multicopista unha revista en galego, que se oficiaba misa en galego e que, aínda que non o estudiabamos, falabámolo con toda normalidade. E eran moitos os días en que a música galega do momento (Fuxan os Ventos era un clásico) nos espertaba pola mañá.

Clases mixtas no Instituto

A cuestión da vocación merece tamén algún comentario. Xa non se ía estudar para cura, senón simplemente a estudar. Iso si, ao mesmo tempo buscábanse as vocacións que puidesen xurdir, que, por certo, non foron moitas naquela época. Para isto non axudaba gran cousa o feito de que non se impartise o bacharelato no mesmo Seminario, senón que tivésemos que cursar os estudos de BUP no Instituto, aínda que residindo, iso si, no Seminario. A novidade das aulas mixtas descubrían outras chamadas e aclaraban moitas ideas.

Reformas da EXB

Deixo para o final os estudos. Con boa vontade e con capacidades diversas trataban os profesores de adaptarse ás reformas introducidas pola Ley General de Educación de 1970. Mais aló dos coñecementos era importante o rigor, e os hábitos de estudio, así como a responsabilidade persoal, que formaban parte dun proceso educativo ao que tamén, pouco a pouco, chegaban novos aires coa incorporación de profesores que non eran cregos.

Débeda de gratitude co Seminario

Neste ambiente pasei os sete anos que van de 1973 ata 1980. Empezaron de mala maneira, tendo que iniciar o curso cun brazo roto, o que me carrexou un insuficiente, o único que colleitei na miña traxectoria, en traballos manuais. E remataron cunha carta ao meu titor na que, por coherencia, e tras ter descartada a miña vocación, decidía abandonar o Seminario cando ía cursar os estudos de COU. Unha boa experiencia que, sen dúbida, tería un gran peso no meu futuro, e pola que gardo unha débeda de gratitude co Seminario.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *