David Corral Diaz

David Corral Díaz naceu en plena guerra, pero el considérase home de paz; naceu en día trece  e non por iso é supersticioso, máis ben privou nel un espírito relixioso no seo dunha familia de catro irmáns onde se rezaba o rosario tódalas noites e a veciñanza da igrexa parroquial favorecía a asistencia á misa e outros actos de culto: mes das flores con recitado de versos, mes do rosario, primeiros venres… Vivindo a cincuenta metros da igrexa, desde o corredor da casa tirando por un aramio tocaban as campás da igrexa a mediodía para dar a hora aos que andaban no campo e á noite o toque de ánimas. Daquela as campás e o coche de liña marcaban as horas e a distribución do tempo.

Aprendéronlle a ler, escribir e contar na escola da parroquia, escola  mixta de ata trinta nenos e nenas de tódalas idades. Aos trece anos  aceptou ir ao seminario. A proposta, os consellos e insinuacións viñan de moi atrás; o párroco era de Trobo e amigo de seu pai que pasaba  moitas horas cabo del no taller de carpinteiro.´pero quizais foi definitivo o falecemento repentino de súa nai ,Florentina,  o día que el cumpría trece anos, por tanto un día trece. Xa comezara o curso no seminario e recomendáronlle que estudara na casa e que ao ano seguinte podía incorporarse ao segundo curso. Uns meses con seu tío cura estudando latín pola gramática de Araújo, mentres non lle chegou a de Goñi desde Mondoñedo. Con catorce anos xa cumpridos incorporouse  ao segundo curso en Lourenzá, ata Nadal, porque a piques de volver  desas vacacións enfermou, foi operado en marzo e regresou ao seminario tres semanas antes de acabar o curso. Non puido ser, tivo que empezar segundo de novo.

Mantén moi bos recordos dos anos de seminario contabilizando menos fallos encontra que acertos a favor en obediencia, disciplina e responsabilidade. Por economía de espazo deixa para outra ocasión a valoración pormenorizada de profesorado, plan de estudos, internado etc., adiantando que nos últimos anos produciuse un cambio importante de renovación coa chegada de profesorado novo que abriron ventás que encheron de luz as aulas e  os claustros e fóra apareceron novos horizontes. Estaba en marcha tamén o Concilio Vaticano II. Foi ordenado en 1964 e despois de pasar un ano de Convictorio na Domus en Ferrol chegou o primeiro destino. “ No sé a donde os mandaré pero haré como quien siembra un puñado de trigo”. dixera D. Xacinto; e mira ti onde foi caer David na sementeira que fixo o bispo: As Oiras, Figueiras e Pereiro nos bordes do Valadouro, e logo en Ferrol: dous anos en Esteiro, seis en san Xiao e dous en Dolores. Esa foi a súa dedicación pastoral ao servizo da diocese. Despois dun espazo intermedio e rematado os estudos de maxisterio  casou e exerceu de mestre ata xubilación. Durante este tempo formou parte  de Avantar, grupo de renovación  pedagóxica integrado por mestres e mestras comprometidos  en dar categoría á nosa lingua despois de ser admitida no ensino  para o que ademais de outros materiais elaboraron os primeiros libros de Lingua Galega para o ensino na EXB, O noso Galego ao que seguiu unha segunda edición renovada chamada Canles..

Despois da xubilación  interesado na dignificación da vida rural e en fomentar a autoestima dos seus habitantes dedicouse  a escribir unha pequena historia das parroquias do seu redor e así en edicións privadas naceron. “Trobo, terra e Xente”. “Sindicatos Agrícolas católicos”, “Freguesía e Couto de Gaibor”, “Freguesía de Xoibán”, e cocéndose no forno Couto e freguesias de Felmil e Damil.