O legado solidario de Dino Pacio

Clase de facultad de ciencias de A Coruña en 2011

Por Manuel Rivas García

 

Hai uns días apagouse a luz de quen foi un potente faro que iluminou e orientou a vida de moitas persoas: dende os alumnos do Seminario de Mondoñedo ata os milleiros de emigrantes hispanos en USA. Estou a referirme ao Profesor Dr. Dino Pacio Lindín que faleceu arroupado polo calor e amor da súa familia, a de Nova Iorq ( a súa esposa Cielo, as súas fillas Silvia e Raiola e o pequeno neto- Lugo-, capaz de arrincarlle un sorriso nos postreiros tempos da súa enfermidade) e a que ten tamén en Galiza.

Don Dino na escola de Cadavedo (Pastoriza) conde cursou as primeiras letras

Lembro que comentando Dino en Mondoñedo algunha lectura dalgún autor francés contemporáneo nos dicía que o difícil non é morrer senón vivir. Certo. Así o pensaba tamén Camilo José Cela cando dicía que a morte é unha vulgaridade xa que todos morremos. O problema é a vida que imos debullando día tras día. Cada acto vainos definindo, aínda que uns máis ca outros. Ca morte chega o acto definitivo, xa quedamos definidos. A partir dela xa falamos en pasado.

Dino Pacio foi orientando a súa vida nunha línea de constante solidariedade que  se notaba en Mondoñedo e chegou ao culme  na xigantesca obra que levou a cabo en Nova Iorq en favor dos desfavorecidos hispanos que chocaban co muro da linguaxe estraña -o inglés- que lles impedía integrarse na sociedade americana e poder acceder a un posto de traballo digno.

Nacido na Zona da Corda, sendo un neno xa descubriu as dificultades e a necesidade do esforzo para conseguir os bens básicos.  Nun artigo dunhas sete páxinas – Ximil comunal- fala de que a propiedade privada na súa zona é reducida e o que abonda é a propiedade comunal, unha extensión montesía duns dez quilómetros cadrados onde se cultivan, lonxe das casas, nabos e nabizas. Iso supoñía un esforzo engadido para os labregos que tiñan que cultivar unha terra costenta e pouco doada para arar. El mesmo afirma que “ a longa historia de Ximil é a historia dos seus montes comunais, da súa louseira, dos seus muiños. É unha historia de loita e de sufrimentos, traballando lonxe e costa arriba”. É posible que isto puidese ter que ver co seu carácter loitador. Teño oído que a madeira máis dura de carballo é a que nace e medra na parte alta da carballeira que se alimenta dunha terra con pouca humidade e escasos nutrientes. Tarda máis en medrar, pero a súa madeira é máis dura e resistente. Os pobos que viven en zonas deprimidas, onde hai que aguzar o enxeño para sobrevivir son máis loitadores e saben enfrontarse mellor ás dificultades que aqueles aos que a vida lles regalou comodidade. Quizais iso explique o carácter rexo e batallador dos xemilegos e do noso xemilego en particular.

Esa solidariedade á que inicialmente me referín nótase ás claras na súa relativamente curta estadía en Mondoñedo. Supoño que os meus colegas recordarán que no curso de terceiro de Filosofía (1965-66) preparamos as materias propias de Preuniversitario aínda que ao final optamos por examinarnos de Reválida de sexto no Instituto de Lugo. Inicialmente parecía que se ía a solucionar a parte económica da convalidación, pero ao final era necesario pagar unhas cinco mil Pesetas – moitos cartos para tantas minguadas economías-. En definitiva, Dino, lonxe de arredarse, buscou debaixo das pedras diñeiro para que ninguén quedase sen ir ás probas por falta de cartos. Nunca agradeceremos dabondo a xenerosidade de varios profesores do Seminario que doaron  cantidades moi importantes de cartos para axudarnos naquel trance. E Dino tamén.

Caricatura do profesor por Siro López

Tampouco faltou esa solidariedade con rapaces e rapazas das zonas da Galgao, Quende e a comarca de Abadín. El buscou pisos de aluguer e logrou axudas económicas de familias, sobre todo de Mondoñedo, con que poder sufragar os gastos deses estudantes . Algúns remataron os seus estudos superiores en Facultades universitarias.

No verán de 1966 prodúcese unha especie de “corte vital” e marcha cara USA co fin de seguir a súa formación na Universidade de Harvard en Socioloxía, que certamente lle apaixonaba.  Alí foi alumno de Robert Merton e Talcott Parsons, entre outros.

Aínda volvería a dar unha volta por España en 1968 para presentar na Universidade Complutense de Madrid, na Facultade de Filosofía e Letras a súa Tese de Doutoramento que levaba por título:” El nuevo lenguaje de la poesía rock”.  Ao acto acudiron amigos, exalumnos e coñecidos que aplaudiron as novas ideas que alí se expuxeron e que estaban presentes na letra de cantantes como Bob Dylan, Paul Simon ou Jin  Morrison, entre outros.

 

Co título de Doutor entra como profesor en varias universidades americanas: Rochester, Fordham, CUNY e SUNY. Pero Dino non se acomodou na Universidade; como el dicía, non se aburguesou. Topouse co problema dos hispanos incapaces de obter un traballo digno porque non dispoñían da chave mestra que lles permitira abrir as porta do emprego: o idioma inglés. Enténdeo de inmediato e implícase no problema, solidarízase con eles. Primeiro monta as “Escola dos apartamentos” onde mediante unha especie de permuta ( o estudante americano convive no apartamento hispano a cambio de ensinarlles inglés) e co lema “todos ensinan, todos aprenden” ou co de “ a letra con música entra”, logra que centos de hispanos accedan a postos de traballo ben remunerados, unha vez que aprenderon o idioma. Utiliza a letra de cancións que reflicten os problemas daquela sociedade e que axudan moito a avanzar no idioma.

Portada do libro-homenaxe dos seus discípulos, coordinado por Manuel Rivas

En 1980 funda Solidaridad Humana que xa é un grupo moi amplo de alumnos e profesores. Sinala o Profesor da UDC Xosé Manuel Malheiro que agora impártense “ clases dende os niveis básicos ata os universitarios, onde participan arredor de 2.000 persoas, nomeadamente inmigrantes procedentes de doce países, de entre vinte e trinta anos. Contaba con 23 profesores a tempo completo e 50 a tempo parcial. A porcentaxe dos participantes : 55% mulleres, 45 % homes; 99% hispanos; 90% ingresos baixos; dunha media de idade de entre 25-40 anos. Desde os seus inicios atendera a máis de 10.000 persoas, logrando taxas de retención de ata o 70%, revertendo o alto índice de abandono ata ese momento. Ademais, grazas ao apoio que prestou a universidade do Estado de NY a partir de 1977, foi posible impartir estudos para graos de catro cursos, e así preparar a centos de mestres bilingües de procedencia emigrante con destino a escolas públicas de NY”  (Nos Diario, 12-01-25). Como pode verse, as cifras que arroxa esta cita dan idea da magnitude do proxecto de Solidaridad Humana que dende logo tivo que supoñer un importante revulsivo no corazón de NY con respecto ao mundo hispano. No é de estrañar que tanto a Fundación , como Dino Pacio fosen merecedores e recibisen de feito importantes premios, como o Premio Dissemination para Solidaridad Humana, ou o Premio Nacional de Servizo á Comunidade concedido personalmente a Dino Pacio polo seu traballo ca educación de adultos. Ademais de Profesor universitario tamén desempeñou varios cargos de honra e responsabilidade.

Sen embargo Dino non foi profeta na súa terra. A estas alturas non ten ningún recoñecemento oficial nin no propio Concello nin na capital de provincia. Pero o seu recordo non morrerá na memoria de todos aqueles que tivemos a sorte de tratar con el, como discípulos e amigos.

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*