Polos camiños de Tespis (III)

Sala Auditorio Municipal de Cangas.

O Auditorio Municipal de Cangas foi inaugurado o 18 de outubro de 2001. A consecución do Auditorio foi todo un logro na vila onde os colectivos culturais, veciñais e sociais andaban errantes polas escolas, vestíbulos de pavillóns, edificios ruinosos e carpas de circo. En maio de 1998 deciden saír a rúa convocados pola Asociación Xiria.”Estamos na rúa. Auditorio para Cangas xa” foi o lema para unha protesta na que Cangas estivo ocupada durante dous días, pola maña tarde e noite por pasarúas e actuacións nunha fermosísima festa colectiva e reivindicativa. O Auditorio Municipal, agora denominado Xosé Manual Pazos Varela, converteuse no elemento dinamizador e escenario por excelencia da actividade cultural do concello e da comarca por onde pasan ao ano unha media de 80.000 persoas.

Ademais destas representacións fixemos algunha máis, que eu lembre, no Colexio de San Roque, no Centro Social do Mar de Bueu e na Aula de Usos Múltiples do IES de Rodeira dentro das VII Xornadas de Lingua Galega organizadas pola Escola de Adultos e a Asociación Cultural “A Cepa” de Cangas.

Velaquí a importancia de que o grupo de teatro do instituto participe da actividade cultural da vila na que está inserto.

A nosa resposta á Guerra de Irak foi na rúa. Na  manifestación participaron alumnas e alumnos de teatro mais tamén integrantes da clase de Ética.

“Non a guerra! Loitamos por un mundo de paz” eran algunhas das frases que aparecían nas improvisadas pancartas de cartón que iamos mostrando polas rúas de Cangas.

Mani pola Paz. Nadal 2003.

 

Que mellor lección ética que a solicitude e esixencia  da Paz!

Sen vergonzas de Felipe Loza e Garbiñe Losada, traducida ao galego por Heitor Mera Herbello, foi a montaxe que realizamos durante o curso 2004-2005.

Os sentimentos, os afectos e a sexualidade das mozas e mozos son temas que non forman parte dos programas escolares e quixemos abordalos desde o teatro. A obra falanos das preguntas, as dúbidas, os medos, os tabús ou os mitos da sexualidade desde a perspectiva dun xoves que o poñen en escena con inxenuidade e, ao mesmo tempo, co interese que pode suscitar ese universo tan amplo que supoñen as relacións humans e máis en concreto a relación íntima.

Falan do sexo sen medo, sen darlle voltas innecesarias e sobre todo SEN VERGONZAS, dicindo as cousas tal e como son e como elas e eles o viven.  

E o fan, desde o escenario, para todo tipo de públicos: xoves e adultos.

Nesta peza participaron sete intérpretes, catro rapazas e tres rapaces e dous rapaces como técnicos de luces e son. De diferentes cursos de ESO, Bacharelato e Formación Profesional. O cartel foi obra dun  profesor de Deseño.

Sen vergonzas foi representada durante a VII edición da MOTESMO celebrada en Cangas e tamén no Centro Social do Mar de Bueu e no salón de actos do  Club Naútico de Bouzas en Vigo.

Realizamos xestións para participar nunha campaña da Cruz Roja de Pontevedra dirixida a xoves da provincia  sobre a sexualidade e medios anticonceptivos, mais ao cabo non foi posible.

Troupe de Sen vergonzas agardando polo bus

 

O lixo, meu tesouro,  montaxe realizada durante o curso 98-99 no IES María Soliño, resultou ser unha experiencia singular por diferentes motivos. En primeiro lugar porque o Teatro entrou a formar parte do curriculum escolar como Enseñanza Artística Técnico Profesional (EATP) pois a Consellería de Educación da Xunta de Galicia acedeu á solicitude deste centro  para que o teatro fose considerada como asignatura optativa. A aprendizaxe teatral, pois, estaba ligada ao desenvolvemento expresivo das alumnas e alumnos.

 

O lixo meu tesouro. Actuación

 

En segundo lugar porque esta obra formou parte do  Programa de Motivación Social e Sensibilización Cidadá do Plan de Xestión de Residuos da Mancomunidade do Morrazo xestionado pola empresa Lagares Ingeniería.

O texto foi unha adaptación para o teatro de tres contos “O lixo meu tesouro” “A tola historia duns contenedores”e “A mensaxe que chegou do mar” fermosamete realizados en banda deseñada polas alumnas e alumnos de catro e cinco anos do C.P. A Rúa de Cangas que tamén participou no Programa de Motivación Social.

O patrocinio da empresa Lagares supuxo que poidesemos contar coa creación escenográfica elaborada con materiais reciclados de dúas artistas plásticas e a iluminación foi xenerosidade de Teatro Aurín grupo de teatro amador de Moaña dirixido por Pedro Pablo Riobó.

Realizamos en decembro 1998 tres actuacións nos concellos que forman a Mancomunidade do Morrazo: en Cangas no IES María Soliño; en Bueu na Casa de Cultura e en Moaña na Casa de Cultura de Quintela.

E non puido faltar a representación no Colexio A rúa de Cangas onde as nenas e nenos que crearan e deseñaran  os contos poideron contemplar como collían vida sobre  escenario os personaxes dos seus contos, das súas historias.

 

Biografía Antón Lamapereira

https://www.homenaxeseminariomondonedo.com/anton-lamapereira-lopez/

 

Entregas anteriores:

Polos camiños de Tespis (II)

MEMORIAS TEATRAIS DE A. LAMAPEREIRA

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*