Crónica incompleta dunha Homenaxe

Por Xosé Manuel Carballo Ferreiro

 

Remataba o xoves pasado, día 15 de outubro, a miña carta aberta a D. José Trapero Pardo, con motivo dos 20 anos do seu pasamento, convidándoo a asistir á homenaxe que o día 17, véspera das San Lucas, lle tributamos antigos alumnos ó Seminario de Mondoñedo como recoñecemento e gratitude ó labor cultural e formativo que ó longo duns 450 anos veu desenvolvendo naquela “cunquiña deleitosa”, como definiu Leiras Pulpeiro á tamén súa fermosa e agarimosa cidade episcopal.

Pedíalle a D. José Trapero que podendo ser non faltase, e non faltou. Non tivo que vir. Xa estaba; porque el, ademais de ser un dos ilustres alumnos do seminario, tamén foi un impulsor da cultura na vella cidade e así quixeron deixalo patente os seus habitantes nomeándoo xa hai ben anos Fillo Adoptivo. Burriño de min! Convidar a volver á súa ca sa a quen estivo nela antes ca min e nunca deixou de estalo.

Chamada xeral

Exalumnos de distintos cursos vimos xuntándonos con certa periodicidade no seminario, pero desta vez foi unha chamada xeral e extensiva a todos os que pasamos por alí e puidésemos asistir. É moi gratificante que a iniciativa partise de exseminaristas que foron deixando o seminario antes de rematar os estudos eclesiásticos, pero con apertura tamén ós que fomos ordenados sacerdotes e seguimos exercendo e ós que despois de exercer un tempo optaron pola secularización, pero non polo esquecemento.

Foi unha xornada preciosa por múltiples razóns e, aínda que non fose ese o principal motivo, volver a encontrarse compañeiros que algúns non se viran desde hai 50 anos ou máis e revivir experiencias da infancia e da xuventude axudounos a todos a retardar algo máis a vellez.

Recoñocemento ó Seminario

A principal razón foi ter unha xornada de recoñecemento a esta institución polo moito que nos deu, e de gratitude ós profesores e formadores vivos ou mortos que dedicaron moitas horas da súa vida a facer proveitosa espiritual e culturalmente, á par que máis levadoira, a vida de seminaristas.

Eu fun un dos que recibiu e, feo que o diga agora, tamén dos que deu algo entre os anos 1966 e 1973, nos que formei parte dun equipo fenomenal de formadores ateigados de ilusións de renovación conciliar na Igrexa e de cambio político e social en España.

Que nos deu o seminario?

Empezarei cunha anécdota: Unha vez pregunteille a un compañeiro:

-Que é o que máis recordas do seminario?

-Os coscorrós de D… -respondeu.

Eu retruqueille:

-Xa me parecía que non tés moi boa memoria. A min tamén me deu algún, pero o seminario deume moito máis ca os coscorrós de D…. Se só recordase os coscorrós, pouco me pagaría a pena pasar por el.

Houbo outro que me falou de castración mental dunha institución eminentemente clerical. A miña resposta neste caso foi:

-Caparíante a ti, que a min non me impidiron evolucionar e mesmo me proporcionaron as ferramentas pra poder facelo.

Pois, ben. Sen esquecer fallos de formadores, que tamén os houbo, -eu tamén os tiven-, nin outros fallos de carácter máis social das distintas épocas, a razón desta convocatoria e homenaxe está moi ben expresada na contraportada do libro: “Seminario de Mondoñedo, 1565-1913, Centro de formación e de promoción cultural”.

Libro da Homenaxe

Portada do libro da homenaje
Portada do libro da homenaje

Este libro, editado con motivo da homenaxe e sufragado pola Deputación Provincial de Lugo, é unha verdadeira xoia. Nel colaboran estudosos de moito prestixio, profesores de universidade, exseminaristas na súa maioría, pero tamén unha muller, Ana María Rodríguez Rivas, que imparte docencia na Universidade Rey Juan Carlos e que nos ofrece un estudo moi documentado da prensa mindoniense dos séculos XIX e XX coa que tamén o seminario e D. José Trapero tiveron moito que ver.

Dise na contraportada: “A historia do seminario mindoniense é, ollado desde o outeiro do noso tempo, un exemplo de centro educativo especializado e de faro que alumea o conxunto da diocese. A rexión cantábrica -de Ferrol a Ribadeo-, as terras de Miranda e as da Terra Chá non se entenderían sen este pólo cultural que, desde a catedral e o seminario, fixo de Mondoñedo un referente pra propios e estraños”.

Medalla de Ouro de Mondoñedo

A Corporación Municipal de Mondoñedo, presidida pola Alcaldesa, Dª. Elena Candia, decidiu por unanimidade das tres tendencias políticas con representación -PP, PSG e BNG-, outorgarlle a esta institución a medarlla de ouro do Concello, da que se fixo entrega no mesmo acto de homenaxe.

Destacouse ó longo do día a inmensa cantidade de exalumnos que acadaron cargos moi relevantes nos distintos eidos; pero entre os participantes tamén houbo labregos e, xunto cos que fixeron carreira pra írense da aldea, tamén estivemos algúns dos que a fixemos pra volver ou permanece nela. Posiblemente pra manter sumido ó mundo rural no escurantismo cavernícola, como dixo, xeneralizando, nunha ocasión, con motivo da presentación do programa cultural dun determinado partido político o fillo dun señor moi intelixente, que pouco máis herdou de seu pai có apelido. Nin sequera herdou unhas catiúscas pra entremarse no rural e facer un traballiño de campo. Meu pobre!

Xantar de confraternidade
Xantar de confraternidade

Noraboa ós promotores e especialmente á Comisión Organizadora formada por: Francisco Cal Pardo, Ramón Barro
Bello, Xermán Castro Tomé, Antonio López Díaz, Bieito Rubido e Ramón Villares Paz. Grazas sen límites a cantos nos facilitastes sentirnos ben nacidos por ser con vosoutros ben agradecidos. Que Deus volo pague.

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*