Encontro en Meira, por David Corral

E con este van  aló máis de corenta encontros  desde que a promoción do 52 – 64 botaran andar estas xuntanzas anuais, de primeiras só os do curso, pero axiña se foi abrindo dando acollida a outros compañeiros constituíndo un grupo completamente aberto mantendo a convocatoria fixa do segundo venres do mes de xullo. Grupo itinerante que nos dá a oportunidade de coñecer novos sitios e visitar os xa coñecidos.. Os últimos foron san Cosme de Barreiros,  Ribadeo, Ferrol, Cedeira e Viveiro.

 

Reencontro

Este ano o noso lugar de encontro foi Meira baixo a encomenda depositada en Vidal Ares como organizador e anfitrión. Ás doce da mañá foron aparecendo pequenos grupos na prazo do Concello fronte á igrexa do Mosteiro, hoxe igrexa parroquial da vila. Saúdos, conversa amigable e distendida ata a hora da celebración da Eucaristía presidida por Rafael Lombardero.

 

O mosteiro cisterciense

A continuación unha moza, titular de cultura do Concello e guía especial do Mosteiro fíxonos revivir a vida monacal cisterciense a través da explicación pormenorizada do que foi o mosteiro desde os seus comezos, estrutura do templo con tódolos elementos, estancias e funcións exercidas por monxes e leigos e a influencia do cenobio na formación posterior de Vila. Do interior do templo destacar os retablos, os sepulcros de Frei Atanasio de Zepeda, que realizou moitos traballos neste e outros mosteiros; sepulcro da nobre Señora Dª. María de Bolaño e o sepulcro de Pedro Miranda decapitado en Mondoñedo xunto co Mariscal Pardo de Cela.

Mención especial para a estancia onde estaba o relicario  coa representación en pintura de santos e monxes destacados da orden dispostos arredor nas paredes dirixindo a mirada ao relicario. A ninguén lle pasa desapercibida a artesanía das ferraxes na porta principal, pero o que non se descubre con facilidade e artimaña dos ferreiros para camuflar nas  mesmas ferraxes algúns animais que a orde do Císter non permitía.

 

Século XIX, a decadencia

A maior parte das terras do Mosteiro estaban en territorio da diocese mindoniense, Terra de Miranda, Trabada, Ribadeo e outras. A decadencia do Mosteiro comezou coa invasión francesa asentándose nel os soldados franceses que fixeron unha desfeita nas dependencias utilizando madeiras para facer lume e roupas para enfermería e outros usos; máis tarde a desamortización de Mendizábal 1839 -1844 deixou o mosteiro sen monxes, vendéronse as terras e desfíxose a maior parte das dependencias utilizándose a pedra para a construción de moitas vivendas da incipiente vila. Só quedou en pé a igrexa, pequena parte do claustro e o edificio do actual concello.

 

2018: homenaxe a Pérez Díaz

Despois mesa, comida e conversa amigable, distendida e prolongada. E ao final o anfitrión Vidal Ares sorprendeunos con un agasallo, un pratiño decorativo coa imaxe da Igrexa de Meira. Noraboa ao organizador. Quedou fixado o próximo encontro que será en Mondoñedo para renderlle un homenaxe ao compañeiro Pérez Díaz baixo a coordinación de Ignacio.

“A muiñeira na costa de Meira / de día moe e de noite peneira”  (popular)

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*