Duascentas persoas, amigas e amigos de Xosé Manuel Carballo Ferreiro, manifestamos nun libro recentemente saído da imprenta que un dos trazos esenciais do seu perfil semella ser coma a CERNA DE CARBALLO: forte, dura, firme, constante, convincente, resistente ás intemperies. Todas elas cualidades axeitadas para tempos de inquedanzas. A personalidade de Xosé Manuel é polifacética; e por iso eses 200 amigos o ven desde experiencias e relacións diversas: como cura, como profesor, como escritor, como director de teatro, como humorista e mago, como persoa humanista e bo animador.
Desde a perspectiva de cura son moitos os compañeiros sacerdotes, ex-seminaristas, veciños e fregueses que expresan a súa admiración e identidade coa persoa e traballo do amigo e párroco de San Martiño de Goberno e doutras parroquias do concello de Castro de Rei. Xosé Manuel escolleu ser un cura do rural e para o rural galego nun tempo de incertos cambios, desenvolvendo unha prolongada e paciente labor social sempre impregnada dun profundo espírito relixioso. Aí está esa sementeira que non poderá ser esquecida nun desenvolvemento e nunha evanxelización do mundo rural galego.
Do seu paso como profesor polas aulas do ensino primario e medio queda acreditado o bo traballo e pedagoxía segundo o testemuño de numerosos compañeiros, profesores e alumnos. Nun intre social en que a clase de relixión no ensino público pasou e segue pasando por incomprensións incomprensibles, manter un alto nivel pedagóxico, unha empatía e unha rede de sincera amizade humanista non é tarefa fácil. Hai que ter certa de Carballo.
Outro grupo de amigas / amigos de Xosé Manuel fan referencia a narrativa de Carballo, especialmente a lectura da novela de “Don Otto de viaxe pola Chaira” que lles fixo revivir a simpatía e amizade co autor. Hai tan só uns meses que tiven que facer unha breve recensión dos libros “Parábolas chairegas”, “Don Otto de viaxe pola Chaira” e as obras de teatro “Menciñeiro á forza”, “Dous vellos e unha soidade”, “Vaise pechar outra casa máis”, “Bo Nadal”, “Recobrou o sorriso o Eleuterio”. Despois dunha pausada lectura cheguei á conclusión de que, para comprender os profundos cambios da sociedade rural galega, especialmente da Terra Chá, é imprescindible ler os textos de Carballo. Unhas sinxelas tramas dramatizadas, feitas a rentes do chan, explican máis que moitas disertacións. Con estas obras curtas e co sempre bo humor de Xosé Manuel, sementa conviccións, convence como persoa e como animador social.
Os eidos onde Xosé Manuel Carballo se transforma nun personaxe mediático, moi coñecido na provincia de Lugo, no resto de Galicia e noutros lares, son a direción do grupo de teatro “Os Baluros” e as súas actuacións como mago con moita atracción e longo percorrido. Un bo número de amigas/amigos así o testemuñan con entusiasmo, desde profesionais dos medios de comunicación ata as máis variadas profesións.
Detrás de amplo abanico de amizades sinceras, o secreto está en encontrarse cunha persoa sinxela, humanista e cunhas excelentes cualidades de bo animador. Grazas, moitas grazas, Xosé Manuel, e moito ánimo. Seguro que os contratempos que poidan axexarnos nesta terceira idade non serán capaces de dobregar esa CERNA DE CARBALLO.
Xenaro Pérez López.

Querido curiña Manolo:
O ver o libro, sinto que falta o autor número 201: a xente do teu curso, aqueles “pipiolos de Lourenzá 1954”. Moitos admiran o teu traballo pegado á vida da xente; outros, a túa deriva intelectual; os máis, o calado que se aprecia na tua condición de pastor. Pero en algo non hay a menor duda: todos te queren. Garderei sempre os mensaxes electrónicos -¡87 liñas, nada menos!- que me enviache os días dous e tres de setembro pasado, nos que amorosamente te adherías ó Homenaxe que imos rendir en octubre próximo ó Seminario en Mondoñedo. Aquelas liñas -xa cho teño dito- son como una oración, a mesma que hoxe pido ós nosos amigos para ti, a voltas coa túa insistente enfermidade. Como algo gardas de mago, haste de poñer en forma para a “xuntanxa” de agosto. Seguro. Con todo o meu vello cariño, unha forte aperta.
Amigo de vello e compañeiro de sempre, Ramón Barro. Se esquecese os compañeiros de curso, que tanto me detes e me dades, sería un desleigado, un dexenerado. Non estades co núero 201, pero estades na páxina 71 moi ben representado por Germán Castro Tomé. Na xuntanza de agosto á que o ano pasado non puideches asitir, e ben que o sentimos, Germán leu a súa colaboració,en representación, e obtivo o beneplácito dos demais. Ata agora é normal que non tiveses tempo a lelo nin falta que che fai, porqque ti coñéçeseme de vello e nese libro dise como NON son e debería ser. Ben sabes, porque me coñeces, que esto non é unha reprimenda, pero se non vos convidásemos sería que me está secando o corazón. Como non me seca, que se siba, unhas poucas apertas agora, que vou facer máis.