Por David Corral
48 anos. Só 48 anos de vida do compañeiro Ponciano. O día catro de abril de 1987 falecía na reitoral de Oirán acompañado polos seus pais. Funeral en Samartiño de Mondoñedo onde nacera e acompañado polos compañeiros de curso que portaron o seu cadaleito ata o cemiterio para darlle sepultura. Ponciano nacera nesta parroquia de Samartiño no ano 1939 e aos trece anos, 1952, ingresou en Lorenzana xunto co seu conveciño Orlando.
Era fillo único, persoa moi singular que non pasaba desapercibido entre os compañeiros por algún que outro despiste, comentarios divertidos e bromas exercidas sobre implicación en acontecementos puntuais. Foi ordenado sacerdote na Capela Maior do Seminario de Mondoñedo con oito dos seus compañeiros de curso o seis de xuño de 1964. Despois de un ano de convitorio na Domus en Ferrol, o seu primeiro destino foi de coadxutor en Mondoñedo, na parroquia de Santiago con D. Felipe Bangueses. Non se atopaba a gusto e ao cabo do ano pedíu cambiar a unha parroquia rural. Non foi unha, que foron tres: Oiras, Figueiras e Pereiro onde estivo poucos anos pasando a continuación a Oirán onde rematou os seus días de vida. O ano seguinte do seu falecemento celebramos a reunión anual de compañeiros en Samartiño en recordo–homenaxe ao compañeiro.
Nos últimos anos de estudante xa guiaba unha moto, cambiando máis tarde o guiador polo volante; en ambos casos algún despiste e o pouco coidado da súa saúde levouno a sufrir algún accidente non grave.
Ponciano, seguimos recordándote, botamos en falta a túa presenza, os teus comentarios, as túas reaccións nerviosas…, pero gardamos recordo do teu gran corazón.
Dejar una contestacion