Ramón Villares Paz

Ramón Villares Paz (Xermade, Lugo, 1951) Seminarista: 1961-
Ramón Villares Paz
(Xermade, Lugo, 1951)
Seminarista: 1961-

Experiencias e leccións do Seminario

Ir a estudar ao seminario, neste caso ao de Mondoñedo, foi unha decisión que eu non puiden tomar pero que nunca lle reprochei a quen así o decidir. A miña preparación previa era razonable desde o punto de vista escolar, pero pouco consistente en materia eclesial e relixiosa. A miña mestra na escola unitaria de Cazás era unha pedagoga eficaz, que acreditaba na educación como ferramenta de mobilidade social e como práctica intelectual, pero o cura da parroquia, xa moi idoso, non era especialmente seductor. Foi a ansia de continuar estudos e o apoio familiar os factores que máis pesaron nunha decisión que, vista desde o dia de hoxe, me parece máis audaz do que se podía supoñer naquel tempo. Agora ben, porqué ir ao seminario? Básicamente, porque as alternativas eran pouco viables ou pouco axeitadas. En toda a provincia de Lugo só había un centro oficial de ensino secundario, sito na capital da provincia, e outras opcións supoñían ir a colexios relixiosos, como o dos xesuitas en Vigo, ao que fóra algún familiar pero con resultados non alentadores.

A chegada ao seminario, sen embargo, non foi a millor das experiencias. Primeiro tivo lugar un curto pero intenso periodo de formación ou adaptación á vida en comunidade, durante o mes de xullo de 1961, que tiña algo de traumático no sentido de cortar de forma abrupta unha infancia vivida na familia e na aldea, por unha convivencia con máis de sesenta rapaces da mesma idade, conducidos cada día por unha disciplina de trazos case militares por parte duns profesores que consideraban que o seu obxectivo principal era aculturar e homoxeneizar aquela grea de nenos e comezar unha nova fase vital, de estudo pero tamén de intensa práctica relixiosa, de recollimento e mesmo de piedade que chocaba coa liberdade algo panteísta do mundo rural do que moitos viñamos. Experiencia dura, pero superada por case todo o mundo e que continuaría, con algún matiz, durante os dous primeiros anos de seminario pasados en Vilanova de Lourenzá. As lembranzas laurentinas son, para min, inseparables da beleza daquel val que vai desde Santo Tomé ata Miramar, da solidez constructiva daquel antigo convento, das recias comidas con que éramos mantidos e das olladas escrutantes do proreitor Puente, que aprezaba máis a disciplina que a sapiencia.

O paso de Lourenzá a Mondoñedo era sentido como unha promoción. Na práctica era ir á casa grande, coñecer seminaristas que cursaban filosofia e mesmo teoloxía, estar na sé episcopal, á beira da catedral e do bispado, pero tamén estar nunha cidade que daquela era unha activa capital comarcal, cun boreo diario que traspasaba os muros do seminario. En suma, ir a Mondoñedo supoñía facernos algo máis grandes. As expectativas non foron defraudadas e alí pasei catro anos inesquecíbeis que, todo hai que decilo, foron tempos de profunda mutación por obra do concilio Vaticano II, que tivo efectos inmediatos na vida cotiá dos que daquela éramos seminaristas. Unha simple ollada a fotografías daquela épcoa abonda para confirmalo: no primeiro ano mindoniense, 1963-1964, aparecemos fardados con roupa talar mesmo nas excursións campestres ás que xa viñamos afeitos de Vilanova. Dous anos máis tarde, a nosa indumentaria era propiamente civil. Mudaran as apariencias porque mudaran tamén as nosas prácticas educativas e relixiosas.

Non é cousa de extenderme en relembros daqueles anos. Se tivera que resumir en poucas palabras esta experiencia do seminario, penso que non poido esquecer tres grandes aprendizaxes que tiven na institución. A primeira e talvez máis importante foi a propia convivencia en comunidade, con persoas da mesma idade e formación, que constitui un dos grandes resultados de toda institución educativa. Certamente, a literatura está chea de relatos, non sempre amábeis, destas experiencias de internados. Para moitos foron periodos vitais de “tribulacións do xoven Törless”, como diria o Robert Musil. Para min foi, en cambio, un tempo de estudo, de formación intelectual e vital e de maduración de carácter. Esto lévame á segunda aprendizaxe. Grazas á “ratio studiorum” que debiamos seguir, a formación reglada era un resultado case natural do paso do tempo. Non importan tanto os contidos e saberes adquiridos, que non foron excepcionais, senón o método de traballo, sistemático e mesmo pertinaz. Alí aprendín o sentido que ten a dito latino de que “nulla dies sine linea” que, para o noso caso, sería máis ben “sine legere”. Malia que non tiñamos unha biblioteca especial, o cultivo da “galaxia Gutenberg” era o nervio daquela “ratio studiorum”.

E, finalmente, no seminario fomos obrigados a nos confrontar co problema esencial da transcendencia e coa vocación sacerdotal. Infelizmente, este dabate foi moitas veces deixado en penumbra, mesmo por parte dos nosos propios profesores e orientadores espirituais. Pero ser seminarista, alén de estudo, era estar no camiño de se converter algún dia en ministro da Igrexa. Este obxectivo non chegou, na inmensa maioría daqueles sesenta rapaces que ingresamos en Vilanova, a constituir un fin esencial da nosa vida. Polo camiño ficou a posibel vocación, pero remaneceu unha certa sensibilidade por aspectos relacionados coa relixiosidade e coa transcendencia. Este conflicto derivou nalgúns casos no perigo de abrazar un anticlericalismo banal do que, felizmente, eu me sentín plenamente liberado desde o tempo en que abondonei os muros do seminario. Talvez esto me permite ver con ollos máis comprensivos o que alí deixei e que agora, case cincuenta anos máis tarde, quero parcialmente restituir con esta homenaxe ao seminario mindoniense.

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*