Por Ángel Felpeto Enríquez (*)
Dicía a noticia de prensa o pasado 2 de xaneiro:
Vilalba recorda a García Cendán, un home “bo, xeneroso e tolerante”. O Iescha inaugurou unha inscrición nunha lousa da Praza de Santa María polo décimo cabodano do seu pasamento. A entidade editará algún dous traballos do recoñecido sociólogo.
O texto da inscrición diante da casa que durante anos, na planta baixa, foi salón de salón de perrucaría e peiteado dos seus país, Severino e Maruxa, reza: «Esta ágora secular testemuña parte da existencia vital e cultural do ilustre vilalbés Bernardo García Cendán, recoñecido sociólogo, filósofo e humanista».
Primeiros contactos con Bernardo
Coñecémonos no seminario porque, aínda que a casa da familia da miña nai na rúa Porta de Cima distaba poucos metros da praza, nunca cortei o pelo alí. Os días de feira que ía coa miña nai para comprar cebolas ou pementos aos postos da praza, rexentados precisamente por agricultores mindonienses, ao pasar recordo moi ben ao señor Severino cortando o pelo ou afeitando aos seus clientes habituais. Non así á súa nai, quizais porque o facía nun local interior. E a Bernardo algunha vez á porta vendo pasar “á xente da aldea”, como se dicía daquela, ou escoitando algún cantar de cego interpretado polo correspondente intérprete, que se situaba no cruzamento de estradas e a media mañá percorría as distintas rúas e prazas.
Xa no seminario lembro que Bernardo organizou una excursión en bicicleta de Mondoñedo a Vilalba e tamén foi o promotor e anfitrión de polo menos un retiro en vacacións de nadal para todos os seminaristas da Terra Chá. Conservo a fotografía que creo que xa publicamos nalgunha ocasión nesta páxina.
Serenísima Orde dos Serenos
Cadaquén tomamos o noso camiño e cando de verdade coñecín a Bernardo foi moitos anos despois pola amizade que o unía ao meu irmán Chema. Moitas tardes e noites ía con el á casa dos meus pais a San Xoán de Alba.
Ambos dicían pertencer á Serenísima Orde dos Serenos de Vilalba, que non era outra cousa ca un grupo de paseantes á luz da lúa e dos farois da vila. Gozaba conversando con todos, pero especialmente co meu irmán César. A el dedicoulle con especial agarimo una das súas “Cartas a Antón”, a número 36, que resumen ben estas dúas liñas:
César, como sabes amigo Antón, ten a síndrome de Down, e como tamén sabes, o que a vida lle quitou de crecemento, devólvello en afectividade.
Homenaxe do I, E, Chairegos
E disto quería falarvos, porque quizais a través delas é como se pode coñecer a Bernardo, indo un pouco máis aló dunha noticia de prensa e do que reflicte o texto da placa coa que quixo homenaxealo o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) querendo representar o sentir de moitos vilalbeses.
Resúmeo moi ben quen prologou o libro publicado polo Instituto de Estudos Chairegos, número 23 da colección Biblioteca Chairega, que recolle a maioría destas cartas. Entre 2002 e 2011, cada semana Bernardo lía na radio ou publicaba na prensa unha carta dirixida a “Antón do Chamoselo”, personaxe ficticio a través do cal poderiamos dicir que vai mostrando a súa opinión sobre o que acontece en Vilalba, sobre a vida cidadá, sobre o acaecer político e cultural no contexto do que ocorre no mundo nese primeiro terzo do século XXI.
“Cartas a Antón”
Agustín Fernández Paz —seguro que lembrades ao seu irmán Luís, que faleceu repentinamente na súa habitación no seminario e que nos deixou a todos co corazón encolleito—, é o autor do prólogo do libro “Cartas a Antón”.
Agustín diríxese tamén a Bernardo no prólogo:
Se che parece ben voume centrar nos temas que constitúen o espiñazo do conxunto: os que aparecen reiterados unha e outra vez, un síntoma claro da fondura con que te preocupaban:
– A paixón por Vilalba e as súas xentes.
– A denuncia do que está mal feito.
– A preocupación pola vida democrática do concello.
– O amor ás persoas e o amor á vida.
Bernardo, sin censura
Probablemente a maioría descoñeciades a existencia desta publicación de 575 páxinas, 212 cartas que vos convido a ler e que non vos deixarán indiferentes.
Bernardo non se autocensura, eu diría que en ningunha ocasión, e non lle importa mostrar a súa opinión moi crítica ante o nomeamento de Francisco Vázquez, alcalde da Coruña, como embaixador ante o Vaticano e expresar con meridiana claridade que ninguén o vai a botar de menos en Galicia, incluído o seu propio partido.
Ou entrar, no seu propio pobo, nun terreo máis comprometido para denunciar a compra por unha entidade bancaria da casa de Fraga Iribarne. E mesmo mostrar unha opinión crítica coa feira do capón e a certificación de calidade do devandito produto.
Ou soltar un bo pau ao concello por non acender a calefacción nun acto cultural, concretamente un concerto da orquestra sinfónica de Ucraína. Como músico entendido na materia, soubo percibir tamén que non era o máis representativo dun país, hoxe desgraciadamente moi de actualidade. De todos é sabido que moitas destas orquestras que levan o nome de países do leste están formadas na súa maioría por músicos de calquera país menos do que dá nome á orquestra.
Aos “madrimindoniesnses” prometo prestarvos a publicación para que vaia circulando pola vila e corte e arredores; e os que estades preto de Vilalba seguro que podedes adquirila sen problema contactando co IESCHA. Coñeceredes mellor a un dos nosos.
Dejar una contestacion