Sociólogo por Lovaina y alumno de nuestro Seminario en Latín y Filosofía, Jenaro López analiza en su artículo –publicado hace años en esta misma página web- dos realidades que conoce de primera mano: el origen, formación y devenir de los alumnos de nuestro Seminario y la impronta de su presencia en la sociedad gallega.
Por Jenaro Pérez López (1)
Os seminarios diocesanos foron fundados a partir dos decretos do Concilio de Trento celebrado no corazón de Europa entre os anos 1545 e 1563, baixo o predominio do imperio español e cunha grande presencia de teólogos españois. O Seminario Conciliar de Santa Catarina de Mondoñedo foi inaugurado en 1583, sendo o terceiro dos que se abriron en España poucos anos despois do remate do gran concilio de tridentino. O amplo edificio actual comezaron a construílo no ano 1770, e fóronlle engadindo sucesivas ampliacións; as máis importantes en 1888, subíndolle un piso o edificio existente naquel intre, a construción do Seminario Menor en 1930, a ampliación de novos pavillóns desde 1947 a 1957 e a inauguración da Capela Maior do Seminario en 1954. Finalmente, en torno a 1990 fíxose unha rehabilitación do Seminario Diocesano proxectando unha Residencia Sacerdotal, unha Hospedería e unha remodelación das habitacións dos alumnos do Seminario Menor.
Razón de ser dos seminarios
A finalidade central da fundación dos seminarios diocesanos foi a formación do chamado clero secular ou diocesano baixo a organización de cada bispado. Esa formación estaba antes do gran Concilio tridentino pouco organizada e posiblemente descoidada, e foron configurándose paso a paso tres grandes apartados do ensino eclesiástico: humanidades, filosofía e teoloxía.
Sen dúbida algunha que sería de gran interese e proveito unha síntese do traballo educativo, cultural e relixioso realizado polos seminarios galegos desde o século XVI e todo o seu percorrido durante anos e séculos ata acadar o actual. Aquí só achegarei unhas notas elementais sobre a segunda metade do século XX, reflexións que atinxen á memoria da sociedade galega actual, pois unha parte considerable das xeracións actuais pasaron por eses centros eclesiásticos. Polos seminarios diocesanos de Lugo, Mondoñedo, Ourense, Santiago, Tui e parte ourensana de Astorga pasaron moitos centos de alumnos galegos, tanto polos Seminarios Menores como polos Maiores. Moitos deses alumnos completaron os tres ciclos de formación e foron ordenados sacerdotes, mais unha maioría -quizais dous terzos- deixou os estudos eclesiásticos en diferentes cursos e momentos para incorporarse a outros ámbitos da sociedade, continuando outros estudos ou acolléndose ó traballo de modo máis inmediato. Toda esa mobilidade intelectual e laboral sen dúbida que deixou a súa pegada, en cantidade e calidade, na construción social da sociedade galega tanto nas últimas décadas como no presente prolongado no futuro próximo.
A orixe dos alumnos dos seminarios
Mais, ¿de onde proviña esa masa considerable de seminaristas que, despois de pasar uns anos no seminario, reintegráronse de novo a sociedade civil? Sen dúbida que procedían dos tres ámbitos sociais característicos de Galicia: das máis de 3.500 parroquias rurais dispersas, das vilas semiurbanas que carecían de centros educativos de ensino medio e dos sete núcleos urbanos considerados como cidades. O predominio do rural era unha evidencia fácilmente constatable. Que motivacións tiveron para ir o seminarios? No terreo persoal puideron ter múltiples motivos e impulsos, pero analizada a situación de forma colectiva, a oferta económica máis beneficiosa, a falta doutros centros alternativos para estudar, a tradición e prestixio da carreira eclesiástica ponderaron a toma de decisión de miles de familias campesiñas, de comerciantes e doutros grupos sociais.
Devir profesional dos seminaristas
¿A onde foron a parar tantos miles de ex-seminaristas? Carecemos de estudos sobre esta cuestión; máis dado que, ás veces Galicia, especialmente a rural, é coma unha aldea grande, pois sabemos facilmente onde foron asentarse un bo número de compañeiros do propio Seminario ou doutros centros eclesiásticos. Salvo no medio rural disperso, encontrámonos con excompañeiros en case todos os espazos e profesións; é dicir, os estudos no Seminario tamén foron un estímulo para emigrar do medio rural disperso por falta de encaixe profesional. O maior número de exseminaristas encontraron acomodo no ámbito do ensino chamado de letras, nas profesións liberais e nos diversos grupos de funcionarios públicos. Bastantes deles acadaron importantes cotas de poder local, rexional ou mesmo nacional.
Mondoñedo, centro de ensino estratéxico
Impórtanos de modo especial o caso do Seminario de Mondoñedo que foi o noso fogar durante os anos cruciais da nosa vida de formación e socialización como rapaces e mozos adultos. Este Seminario foi durante moito tempo o único centro educativo de ensino medio e case universitario que existiu no norte da provincia de Lugo e de A Coruña. Esa institución situada nunha zona marcadamente rural, sementada de parroquias dispersas e de pequenas vilas, con algunhas de maior tamaño, forneceu a ese amplo territorio non só de clero diocesano cultivado senón de todo un abano de grupos sociais ben formados, sostén do urdido colectivo, que deron lugar a numerosas personalidades salientábeis nos diversos eidos da cultura, da configuración profesional e da gobernanza da sociedade galega. A maioría das institucións do norte galaico recibiron a achega de persoas formadas en boa parte no Seminario Mindoniense.
Contribución social do noso Seminario
¿Foi realmente significativa, en cantidade e calidade, a contribución dese centro mindoniense a configuración social desa ampla zona do norte de Galicia? Sen dúbida algunha que si, aínda que esta sexa unha hipótese a demostrar con datos empíricos máis precisos. Para a década dos anos cincuenta podemos calcular polo baixo que cada curso tiña uns 60 alumnos e que chegaban a ordenarse unha media de 20 curas de cada curso; o que significa que en dez anos como mínimo uns 400 seminaristas deixaron o seminario para integrarse na sociedade civil. Nas décadas posteriores as cifras de alumnos foron minguando paulatinamente, aínda que polo seminario menor seguiron pasando bastantes máis rapaces. Os outros seminarios de Galicia seguiron unha pauta semellante no número de seminaristas e curas ordenados, mais tendo en conta que as cifras do Seminario de Santiago posiblemente triplicaban ás dos outros seminarios. En conclusión, a contribución dos seminarios a formación dos cidadáns galegos foi de gran importancia cuantitativa e cualitativa, sen esquecer que algúns outros centros educativos de tipo civil tamén fixeron considerables achegas ó conxunto da sociedade galega. Todo isto significa que a participación dos seminarios na construción social de Galicia, mesmo con luces e sombras, foi moi importante; e debe ser avaliada no seu xusto peso e valor.
A “construción social de Galicia”
Pero, ¿que debemos entender por «construcións social de Galicia»? Se partimos dunha idea mesmo elemental deste concepto, podemos dicir que os seminarios achegaron os alumnos unha socialización primaria e secundaria que serviu de base a súa formación posterior ata integrarse na vocación e profesión no mundo laboral. Esa formación intelectual, laboral e humanista incluía un modo de interpretar a sociedade, un modo de participar e de situarse nesa realidade social colectiva. Ademais das expectativas vocacionais ou laborais esa educación inclúe, explícita ou implicitamente, unha visión ideolóxica, ética, política, organizativa, relixiosa desa realidade social galega. É obvio que as tres categorías de ex-seminaristas -alumnos que cursaron estudos parciais, sacerdotes ordenados e curas secularizados- deixaron a súa pegada significativa na sociedade galega en proporción o seu número e valía. Neste sentido os seminarios contribuíron, cuantitativa e cualitativamente, a construción social de Galicia nunha medida considerable, aínda que esta afirmación debe ser medida e avaliada con datos máis precisos.
A especialidade docente do Seminario
A calidade da contribución cultural deses centros eclesiásticos podemos apreciala ollando o elenco de materias e profesorado dos tres ciclos de ensino: Latín e Humanidades, Filosofía, Teoloxía. O epicentro do primeiro ciclo eran as linguas clásicas, o grego e sobre todo o latín, e as modernas como o castelán, o francés e o inglés; tamén tiñan o seu lugar as ciencias da cultura universal: as matemáticas, a física, a química, a historia, a literatura, a música, etcétera. Todo encamiñado a poñer as bases dunha formación humanista e relixiosa sólida. Se tiveramos que buscar algún punto débil, sinalaría o seu carácter algo iniciático elemental e a ausencia dalgunhas materias das ciencias sociais máis avanzadas.
O segundo ciclo, a filosofía, era sumamente interesante porque nel tratábase de conxugar materias e coñecementos do ensino medio e universitario: a historia universal e sistemas da filosofía, a historia do arte e da cultura, historia da Igrexa, as psicoloxías, a socioloxía, a lingua hebrea, a introdución a Biblia, etcétera. O núcleo central era evidentemente a filosofía, que, vista desde a perspectiva actual, estaba demasiado ancorada na metodoloxía e na temática escolástica.
O terceiro ciclo de estudos, a Teoloxía, era un tempo de formación especificamente sacerdotal que tiña á teoloxía, á patrística, á historia da Igrexa, á espiritualidade sacerdotal e ós estudos bíblicos como núcleos esenciais. Tamén aquí cabe dicir que o peso da escolástica tradicional condicionaba o desenvolvemento dunha Teoloxía aberta as correntes e retos da modernidade.
O profesorado
Referente ó profesorado podemos dicir que a diocese de Mondoñedo fixo un gran esforzo en preparar persoas ben capacitadas en diversas disciplinas, e con resultados salientables en varios campos da docencia. Só cabe preguntarse se os responsables da organización diocesana souberon aproveitar adecuadamente ese potencial de recursos humanos en beneficio dos alumnos, do futuro da institución e da sociedade galega en xeral. Temos numerosos exemplos de éxitos indubidables, mais aquí só farei referencia a un feito paradoxal: no seminario non se estudaba a lingua galega ata a década de 1980, senón que máis ben deuse un certo esquecemento. Pero como na vida non hai mal que por ben non veña, os alumnos do medio rural aprendemos o castelán que, sen esquecer as nosas raíces, abriunos outros novos horizontes. E aínda máis, a combinación dunha sólida formación nas culturas clásicas, hebrea, grega e latina, en contacto directo coa potente cultura popular rural, produciu o milagre dunha literatura galega de calidade cultivada por numerosas personalidades que pasaron polo Seminario de Mondoñedo.
A sociedade rural e os seminarios: un cambio en paralelo
A sociedade galega, especialmente a rural, e a igrexa galega acumularon nos últimos cincuenta anos unha cantidade enorme de cambios, que aínda están a medio andar camiño. Este proceso obrigou, entre outros moitos movementos, a repensar e a reinventar a función ou funcións dos seminarios ó servizo da institución e da sociedade na que están insertos. Ante uns retos formidables, algúns pecharon como centros docentes, entre eles o de Mondoñedo. Algo semellante lle está ocorrendo a sociedade rural dispersa, que está avanzando cara a nunha agonía demográfica. Estamos ante unha situación interina ou definitiva? Para poder contestar a esta pregunta teríamos que fitar e analizar polo miúdo a situación da sociedade e da igrexa galega, tarefa que neste intre non resulta fácil; mais, facendo un acto de posibilismo racional, entendo que a sociedade galega terá no futuro novas necesidades culturais e espirituais ás que unha igrexa redimensionada saberá dar resposta axeitada. E aí os seminarios, co ese ou outro nome, poden acoller unha serie de novas iniciativas, educativas ou de outra índole, ó servizo da institución eclesiástica e da sociedade galega en xeral.
De momento sírvanos dicir que na construción social de ese futuro inmediato de Galicia e da Igrexa galega, seguen pesando moito as xeracións que pasaron polos seminarios. De aí nace a súa oportunidade histórica e a súa responsabilidade individual e colectiva como crentes e como cidadáns de Galicia e da sociedade global.
(1)Jenaro Pérez López. Buriz (Guitiriz), 1942. Seminario de Mondoñedo; 1964. Pasó luego al Instituto Teológico Hispanoamericano de Madrid. Estudió Sociología en Lovaina. Tras ejercer durante algunos años el ministerio sacerdotal, trabajó hasta su jubilación en el sector de administradores de fincas urbanas.
Dejar una contestacion