Polos camiños de Tespis (y IV)

Diseño alumnado infantil

Por Antón Lamapereira 

 

Foi durante o curso 2006-2007 que solicitei a miña xubilación aos 60 anos. Unha das maiores satisfaccións desta etapa para min foi a sensación de ter tempo para levar adiante diferentes proxectos. E claro está entre eles   seguía a ser o teatro. E máis en concreto o teatro e a educación. Como tiña a miña filla máis pequena cursando a ESO, ademais de entrar a formar parte do Consello Escolar en representación da ANPA no IES de Rodeira, xunto con outro pai organizamos un grupo de teatro asociado a ANPA no que entraron a formar parte varias nais e pais da Asociación.

 

Gallaegaria. IES Rodeira. VI Mostra 2002.

 

E convencido das posibilidades educativas do teatro tentei de animar, coa colaboración das vicerectorías e das Anpas dos IES de As Barxas e da Paralaia de Moaña, a creación de dous grupos de teatro que tamén poidesen participar na Mostra de Teatro de Ensino do Morrazo. E así aconteceu ao comezo do curso 2007-2008.

No IES as Barxas o grupo foi dirixido por Vanesa Sotelo, xornalista, directora de teatro formada na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADG) e dramaturga e no IES Paralaia fun eu mesmo quen o dirixíu.

Compre subliñar aquí o feito de que sexa unha persoa graduada na ESADG quen dirixa un grupo de teatro no ensino secundario, algo que acontece en Catalunya desde hai moitos anos. Claro que nesta Comunidade Autónoma existe desde hai máis de cen anos o Institut del Teatre en Barcelona  dedicado aos estudos superiores no campo das Artes Escénicas mentres que en Galicia a ESADG foi creada en 2005. Un dato que sen dúbida merece un comentario  máis amplo fóra deste artigo.

No IES a Paralaia construído en 1980, segundo as informacións recollidas  a presenza da actividade teatral comezou durante o ano lectivo 1989-1990 coincidindo co Día das Letras Galegas de 1990 dedicado ao poeta Luís Pimentel. Esta iniciativa non tivo continuidade e foi anos despois, durante o curso 2007-2008, cando quen subscribe presentou o proxecto de organizar un grupo de teatro. Á convocatoria responderon dez alumnas matriculadas en diferentes cursos da ESO e Bacharelato.

Só rapazas. Por que? Que os rapaces, habitualmente asistan menos ás actividades de teatro e danza terá que ver con que son máis vegoñentos nesta etapa da adolescencia? Ou é debido a que aínda existe o prexuizo de que son actividades “femininas”? Nestas cuestións de xénero avanzouse…mais queda aínda camiño por andar.

Neste primeiro ano os textos que propuxen para montar foron Belicosario de Manuel Lourenzo e Historias móbiles de creación do grupo. Dúas historias curtas, contemporáneas, moi diferentes que ofrecían a posibilidade de repartir papeis para todas as integrantes do grupo e que ademais podían presentarse conxuntamente nunha mesma sesión.

Vou comentar máis polo miudo a peza que realizamos no curso seguinte titulada:  A avoa Sol e as Trece Rosas.

 

VI MOTESMO 2002.

 

A elección do texto non só posibilitaba un axeitado reparto de papeis senon que ademais era dar a coñecer ao autor Maxi de Diego, profesor de secundaria que escribe textos para a mocidade e sobre todo porque a temática sobre a guerra civil española era unha boa maneira de achegar a memoria histórica recente ao imaxinario destas rapazas.

Alba, unha das personaxes da obra, estudante de secundaria debe escribir unha obra de teatro seguindo as confidencias que lle fai a súa avoa Sol denantes de morrer. O seu texto, destinado a ser representado polas súas compañeiras de instituto contribúe a manter viva a memorias das Trece Rosas. Elas son trece mozas republicanas fusiladas ao rematar a Guerra Civil Española, sen xuizo nin defensa. A súa lembranza simboliza a inxustiza que impera en todas as dictaduras e guerras.

 

Aboa Sol 1

 

A obra foi estreada o 28 de abril de 2009 no Salón de Actos do IES María Soliño dentro da XIII Mostra de Teatro de Ensino Secundario, volveu representarse no Auditorio Municipal de Cangas e participou cunha breve escena no “Revoltallo de Pedra”, un espazo dedicado ao teatro, danza e música non profesional dentro da programación Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.

 

Abu Sol 2

 

Sempre que tivemos ocasión realizamos algún curso de expresión corporal e tamén algunha “viaxe teatral” a Coruña, Barcelona ou Madrid onde visitamos as Escolas Superiores de Teatro, nos entrevistamos con dramaturgos ou asistimos a espectáculos.

(Imaxe.Curso de expresión corporal 22)

 

Quero rematar este artigo manifestando algunhas das opinións do alumnado sobre a súa participación no grupo de teatro ao longo destes anos: escriben que o pasaron ben e se divertiron, que o teatro axudou a superar a súa timidez, que foi unha ocasión para o encontro e a confianza con outras compañeiras e compañeiros, que aprenderon a expresar os seus sentimentos e comprender os alleos…

Elas e eles son hoxe persoas adultas.

Antón Lamapereira.

Tirán 31 decembro de 2024.

 

Entregas anteriores:

MEMORIAS TEATRAIS DE A. LAMAPEREIRA

Polos camiños de Tespis (II)

 

Polos camiños de Tespis (III)

 

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*