Socioloxía e Acción Social no Seminario de Mondoñedo

Por Xenaro Pérez López

No libro Sindicatos Ágrícolas Católicos 1918 – 1942. Sindicato Agrícola de Gaibor, David Corral danos algúns datos sobre os primeiros pasos da Socioloxía no Seminario de Mondoñedo. Infórmanos de que baixo o maxisterio do Bispo D. Juan José Solís y Fernández, na década de 1920, creouse a cátedra de Socioloxía co a obriga ó profesor titular de dar ademais durante o curso académico unhas seis conferencias no Seminario. Esta materia chamada naquel intre “Sociología cristiana” sobreviviu ata a década de 1950. No decenio seguinte de 1960, anos do Concilio Vaticano II, o profesor Dino Pacio Lindín impartiu unha Socioloxía sen apelidos, neutral, interdisciplinaria e apoiada nos grandes mestres desa disciplina científica, ata que a partir do curso 1966-1967 deixou de impartirse como materia académica no Seminario de Mondoñedo.

Estas notas só pretenden esbozar os comezos da socioloxía, indicar algunhas liñas de desenvolvemento e lembrar o final desta disciplina académica no Seminario de Mondoñedo. Cabe sinalar tamén algún indicador da súa influencia na acción social da Diocese Mindoniense. Para centrar a cuestión, podemos preguntarnos: cal era o escenario das preocupacións sociais na Igrexa Universal, na Igrexa Española e na Igrexa Mindoniense nas décadas de 1910 e 1920? Cal era a mentalidade preconciliar e posconciliar sobre a acción social social dos católicos nos anos de 1960? Cal era na Igrexa Católica o contido da Socioloxía académica neses dous intres, 1910 e 1960, distantes entre si uns 50 anos? Velaquí algunhas cuestións importantes aplicables tamén ó Seminario Diocesano de Mondoñedo. Unhas simples pinceladas intentarán abrir vieiros e horizontes para unha posible investigación máis ampla e detallada.

A transcendencia da encíclica Rerum Novarum

Para poder entender o chamado “Catolicismo Social en España” e a súa repercusión ata descender ó ámbito dos bispados, hai que partir cando menos da Encíclica RERUM NOVARUM escrita polo Papa León XIII, en data 15 de maio de 1891. Este documento comeza falando da chamada naquel intre cuestión obreira ou cuestión social que, segundo esa Encíclica, trata de “sinalar a medida xusta dos dereitos e obrigacións que regulan as relacións entre os ricos e os proletarios, entre os que achegan o capital e os que contribúen co seu traballo”.

Nun primeiro apartado da Encíclica, titulado socialismo, despois dunha crítica inicial, trata da Propiedade privada e das Leis, da Familia e do Estado, do Comunismo considerado como miseria. Nun segundo apartado, titulado a Igrexa e o Problema social, pregoando a Concordia e non a loita social, aborda a cuestión da xustiza entre patróns e obreiros, a posesión e uso das riquezas, o traballo, o exemplo da Igrexa neste terreo. Nun terceiro apartado o documento fala dos Deberes do Estado que ten que buscar a Prosperidade Nacional, que debe intervir respectando o cidadán e a familia, que debe defender a propiedade privada e poñer límites ós horarios do traballo obreiro; ten o Estado que tutelar a moral dos obreiros, das mulleres e dos nenos, e promover uns salarios xustos que permitan ós obreiros un razoable aforro para o sustento da súa familia. Nun cuarto apartado a Encíclica aborda a cuestión das asociacións tanto dos capitalistas como dos obreiros que o Estado non pode prohibir. Tamén defende as asociacións relixiosas e invita ós obreiros a participar nas asociacións católicas. E como solución definitiva o Papa León XIII apela a “caridade cristiá que é a lei na que se compendia todo o Evanxeo”. Esta é unha simple enumeración das cuestións tratadas, mais convén ler o texto completo.

Houbo na cristiandade católica un antes e un despois da Encíclica Rerum Novarum de 1891. pero non debemos esquecer os grandes acontecementos do final do século XIX e do primeiro cuarto do século XX: o desenvolvemento das ideoloxías socialistas, comunistas e anarquistas, as revolucións sociais en varios países, o proceso de formación e consolidación das Ciencias Sociais e a aparición de grupos cristiáns seriamente comprometidos coa “cuestión social”, tanto dentro como fóra da Igrexa Católica.

Consolidación da Socioloxía como ciencia teórica e académica

O desenvolvemento e consolidación da Socioloxía como ciencia autónoma xa estaba ben estendida e consolidada ó final do século XIX e comezos do século XX. En Francia Auguste Comte (1798-1857), considerado coma o pai da Socioloxía, publicara en 1842 o Curso de Filosofía Positiva e o Discurso sobre o espírito positivo en 1844; Emilie Durkeim (1858-1917) publicou en 1893 a División do traballo social e en 1912 As formas elementais da vida relixiosa. En Inglaterra John Stuart Mill (1806-1873) seguiu o positivismo de Comte e Herbert Spencer (1820-1903) fundou a sociobioloxia e en 1873 publicou os seus Estudos de socioloxía. En Alemaña Carl Marx (1818-1883) publicou en 1847 Traballo asalariado e capital e en 1848 presentou O manifesto comunista; e Max Weber (1864-1920) escribiu a Ética protestante e o espírito do capitalismo en 1905. En Italia Vifredo Pareto (1848-1923) publicou un Tratado de socioloxía xeral en 1916, e Giuseppe Toniolo (1845-1918), colaborador na redacción da Encíclica Rerum Novarum, publicou en 1908 un Tratado de economía social: a produción. En España desenvolveuse o pensamento sociolóxico mediante a influencia alemá dos krausistas, lográndose a institucionalización da Socioloxía entre 1870 e 1914. Como sociólogos destacados podemos citar a Manuel Sales y Ferré (1843-1910) que publicou un Tratado de socioloxía en 1904; a Adolfo Gonzalez-Posada (1860-1944) que en 1908 escribe os Principios de socioloxía; e a Severino Aznar (1870-1959) que foi o creador do pensamento social católico.

Esta taquigráfica lembranza dos grandes mestres da Socioloxía do final do século XIX e comezos do XX nos principais países europeos, basta para confirmar que a Socioloxía como ciencia teórica e académica xa estaba ben asentada e consolidada no corazón de Europa.

Orientación específica da Socioloxía Católica

A Igrexa Católica asimilou e utilizou esta nova ciencia social, mais púxolle un apelido, chamoulle “Socioloxía Cristiá”, e dicir, unha socioloxía que se axustase ós dogmas e a moral católica, tanto nos seus contidos como na preferencia por determinados sociólogos máis próximos ó pensamento católico. Como indicadores desta orientación podemos citar varios manuais de Socioloxía Cristiá. Exemplos principais: en 1908, La forma social cristiana, de Ubaldo Romero Quiñones; en 1909, Catecismo de sociologia cristiana, de Emil Bongiorni; en 1915, Bocetos de sociología cristiana, de Ramón Méndez Gaite; en 1919, La ciencia sociológica a la luz de los principios cristianos, tratado de sociología cristiana, de Cuenca y Pesino; en 1951, Resumen de sociologia cristiana, de Pedro Vila Creus; en 1959, Tratado de sociología cristiana, de José Mª Llovera, que desde 1924 xa publicara varias edicións dun Tratado elemental de sociología cristiana.

Como modelo máis completo desa Socioloxía Cristiá podemos ver o índice do manual de Cuenca y Pesino, La ciencia sociológica a la luz de los principios cristianos, tratado de sociología cristiana (1919): La cuestión social (Balmes, León XIII, etc.). La cuestión social (Voltaire, Rouseau, revolución francesa, etc). Estudio de la ciencia sociológica (Comte, Cánovas, Toniolo, Tönies, Spencer, Salas y Ferré, etc.). De la sociedad humana (la Biblia, pensadores franceses, Santo Tomás, etc.). La familia (en el Nuevo Testamento, pensadores franceses, etc.). Del municipio (origen romano,municipio, provincia y región). Del estado (Mella, Toniolo, Canalejas, etc). Del poder (Biblia, Santo Tomás, Suarez, Belarmino, campoamor, etc). Este manual entende por ciencia sociolóxica todo pensamento acumulado da cultura, desde a Biblia ata os pensadores de comezos do século XX, desde todas as ciencias sociais ata a metafísica filosófica. Neste manual todo pensamento xa é ciencia sociolóxica.

No Seminario de Mondoñedo, na década de 1950 e baixo o maxisterio de D. José Mª Bermúdez, coñecido como «Ometafísico», estudáronse os manuais do prolífico José Zahonero Vivó que en 1947 publicou Elementos de sociologia cristiana; mais, conforme ó dicir dalgúns alumnos daqueles anos, estudábase o manual El dogma católico do mesmo autor, que chegou a publicar máis de 20 manuais para o estudo da relixión cristiá nos diferentes banzos do ensino público dos anos 1940, 1950 e 1960. Está patente cal era a orientación da socioloxía académica na Igrexa Católica, desde o comezo do século XX ata a década de 1950. O simple índice deste manual dos Elementos de sociología cristiana xa nos da unha idea do seu contido: “Da sociedade en xeral, Socioloxía concepto vago, A “cuestión social”, Solución da cuestión social, Solución Católica da Cuestión Social, Orixe da sociedade, Elementos da sociedade, A autoridade na sociedade, Formas políticas e funcións da autoridade, Fins da sociedade civil, Fin moral, Fin económico, O capital, A propiedade, Explotación do capital (industria, interese, comercio e bolsa), O traballo, A asociación profesional e as súas derivacións, O salario”. Descoñezo ata que punto se desenvolveu este programa no Seminario de Mondoñedo.

Cambio de orientación nos anos de 1960:
dunha socioloxía confesional a unha socioloxía científica e neutral

Na década de 1960, de 1961 ata o curso 1966-67, o profesor D. Dino Pacio Líndín fíxose cargo da materia de Socioloxía no Seminario de Mondoñedo. Conforme as notas conservadas, os temas tratados foron: socioloxía e filosofía social, xeografía e sociedade, bioloxía e sociedade, cultura e sociedade, institucións e asociacións, a familia, a educación, o goberno, a relixión, as superpotencias, os plans quinquenais; o cambio social, mecánico ou dialéctico, Galicia atlántica, etc. Conforme as súas verbas expresas, intentaba transmitirnos unha Socioloxía interdisciplinaria usando os grandes mestres da disciplina sociolóxica, como Emil Durkeim, Max Weber, Carl Marx, W.F. Ogburn coa súa teoría do “cambio social” e M.F. Nimkoff que conxugaba a Antropoloxía coa Socioloxía.

A Socioloxía académica xa estaba ben asentada e desenvolta nos principais países europeos e nos Estados Unidos de América; mais en España, nesa década crucial de 1960, como puiden comprobar en Madrid, a materia de Socioloxía aínda se movía entre a filosofía social e as diversas teorías sociolóxicas, con pouco desenvolvemento da Socioloxía empírica. Certo que naquel intre xa estaban incorporándose novos sociólogos formados nas universidades de Estados Unidos. Na Universidade Católica de Lovaina (Bélxica), tanto a Socioloxía Xeral como as diversas especialidades, xa estaban moi desenvoltas naquelas datas de tránsito entre as décadas de 1960 e 1970. Concretamente, podíamos cursar, ademais da Socioloxía Xeral e as Metodoloxías cuantitativas e cualitativas, Socioloxía do urbanismo, Socioloxía do desenvolvemento, Socioloxía da comunicación, Socioloxía da relixión, Socioloxía dos sistemas políticos, etcétera.

Volvendo ó Seminario de Mondoñedo, a Socioloxía como disciplina académica foi establecida posiblemente en 1922 polo bispo D. Juán José Solís y Fernández, prelado da Diocese Mindoniense desde 1907 ata 1931. Estableceu unha socioloxía cristiá da que o contido foi a doutrina social da Igrexa, verdadeira metafísica social cristiá de inspiración neotomista. No Kalendarium et Ratio Studiorum do curso 1955-1956 aínda aparece a “Sociología Christiana” como materia impartida por D. José Maria Bermúdez Rodriguez durante o terceiro trimestre dese curso académico.

A traxectoria e experiencia do ilustrado prelado Solis y Fernández foi complexa e acumulada nos seus sucesivos cargos na Diocese e Seminario do seu Oviedo natal, na Diocese de Orihuela e no Arcebispado de Santiago de Compostela. Tamén foi Senador polo Arcebispado de Santiago nas lexislaturas de 1914 e de 1923. Nesta intensiva carreira eclesiástica e política, sen dúbida algunha que estivo presente a chamada naquel intre “cuestión social”. No mesmo ano de 1907 en que fixo a súa entrada persoal na Diocese Mindoniense, acometeu importantes innovacións no Seminario, tal como as conferencias e debates na vida escolar dos alumnos de Filosofía, Teoloxía e Canons.

O movemento dos Sindicatos Católicos Agrarios

Ademais do empuxe persoal do Sr. Bispo Solis y Fernández, déronse outros escenarios e feitos en que a Acción Social dos católicos estivo no primeiro plano no Seminario, na Diocese de Mondoñedo e en toda España. O xesuíta Padre Antonio Vicent, activista e organizador das Corporacións Obreiras Católicas, percorreu todas as rexións de España; e no ano de 1908 deu conferencias en Santiago, en Mondoñedo, en Pontevedra, en Tui, en Lugo, e na Coruña, pregoando tanto as Corporacións Obreiras como os Sindicatos Católicos Agrarios. Como continuación do activismo católico deste xesuíta P. Antonio Vicent, chegou tamén a Galicia e a Mondoñedo o movemento dos Sindicatos Católicos Agrícolas que, segundo os datos que nos ofrece David Corral, contaba con estas cifras:

Número de Sindicatos Agrícolas Católicos

 

 

 

 

 

 

 

A propagación destes Sindicatos Católicos Agrarios estivo a cargo en toda España do Xesuíta Padre Sisinio Nevares (Carrión dos Condes-Palencia 1878 – Valladolid 1946) e do agricultor-gandeiro Antonio Monedero Martín (Dueñas-Palencia 1872 – Madrid 1940). Estes propagandistas percorreron todas as rexións de España nas décadas de 1910 e 1920, sendo os años cruciais para Galicia as datas de 1918 a 1921. Na Diocese de Mondoñedo contaron co entusiasmo da Federación Mindoniense de Sindicatos Católicos Agrícolas dirixida polo consiliario D. Vicente Saavedra Pardo, polo presidente D. Antonio Maseda Bouso, polo secretario D. Rafael Martínez e por D. Xosé Trapero Pardo entre outros propagandistas e colaboradores. En moi pouco tempo crearon un considerable número de Sindicatos Católicos Agrarios, acadando unha Federación de 79 sindicatos en 1920. Estes sindicatos foron fundamentalmente de prestación de servizos ós agricultores e gandeiros; proclamábanse apolíticos, aínda que algúns dirixentes participaban en partidos políticos.

En 1937 a Confederación Nacional Católica Agraria (CNCA) dirixeuse a Franco para reiterar su adhesión inquebrantable y sin condición alguna al Glorioso Movimiento Nacional salvador de España. Informárono, entre outros moitos detalles, de que a Confederación Nacional estaba formada naquel instante por 41 Federacións, as que pertencían 2.700 Sindicatos e 1.146 Caixas Rurais e nas que estaban organizadas 235.000 familias e 1.132.000 agricultores. Nese resumo indican que a Federación de Mondoñedo estaba formada por 32 Sindicatos, a de A Coruña por 86 e a de Lugo por 29 Sindicatos. O novo Estado Nacional franquista foi creando unha lexislación dun Sindicato Único e de Cooperativas: Lei de outubro de 1938, Lei de Unión Sindical de 1940, Lei de integración dos Sindicatos Agrarios na nova Organización Sindical, Lei de Cooperativas de 1942 e Regulamento da mesma en 1943. Por este camiño os Sindicatos Católicos Agrícolas quedaron convertidos en Cooperativas baixo o Sindicato Vertical Único do novo réxime ata a súa lenta extinción de moitas delas nas décadas posteriores.

A utilización práctica da Socioloxía na Diocese de Mondoñedo

Retornando a utilización práctica da Socioloxía na acción social da Diocese de Mondoñedo, podemos sinalar algúns fitos concretos. Encontramos unha enquisa para a chamada Gran Misión de Ferrol do ano 1960. Nos comezos desa mesma década tamén se achegaron os datos sociolóxicos das diversas comarcas diocesanas para a confección do Plan CCB (Comunicación Cristiá de Bens) de Cáritas Nacional de España; e no segundo lustro dos anos 60 recompiláronse os datos para o primeiro Informe Foessa tamén promovido pola mesma institución de Cáritas Nacional. Desde 1969 ata 1975 realizáronse en toda Galicia, e tamén na Diocese Mindoniense, os estudos sociolóxicos previos ó Concilio Pastoral de Galicia.

Estes feitos de utilización práctica da Socioloxía ó servizo do estudo da relixiosidade colectiva, supoñen naquel intre unha certa confianza neste método de achega á realidade social da Diocese, investigacións sempre feitas por centros católicos de socioloxía situados en Madrid. Son estudos chamados de socioloxía relixiosa, con métodos estatísticos e enquisas de actitudes e de opinións. Descoñezo cal é actualmente a actitude da Igrexa galega e diocesana mindoniense fronte a este tipo de estudos. De calquera xeito, dados os inmensos cambios sociais ocorridos en Galicia, especialmente na Galicia rural, e por suposto tamén na Diocese Mindoniense, un traballo sociolóxico, ben adaptado a realidade galega, sería un instrumento formidable na procura e comprensión dos problemas actuais e na proxección dun futuro previsible a curto e medio prazo. Sempre convén ollar, ademais das árbores individuais, cada grupo de árbores e a totalidade do bosque.

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*