A miña relación co teatro

D. Antonio en E din que chove
Como en la Grecia madre, en la biografía de Xulio Leal Carrera la filosofía y el teatro  nacieron de la mano, dando la una razón del otro. Una vocación teatral de setenta años perfila una vida. Hoy, Xulio es una referencia del teatro gallego no profesional (el “amateur”,  alta palabra)   y así lo van contando sus premios; el último,  el de Vilanova de Lourenzá al “Mejor Actor” el pasado año.

Por Xulio Leal Carreira (*)

Por indicación de Ramón Barro, que máis de unha vez me falou da conveniencia de que contara algo da miña dedicación a esa arte escénica, vou logo a dedicar unhas horas deste tempo de antroido a comentar cal foi e está sendo a miña relación con el.

Se demorei un tempo en facelo foi simplemente porque non cría nin creo de interese para os posibles lectores o que eu poida dicir ao respecto. Pero unha vez tomada a decisión, imos aló sen máis preámbulos.

D. Santiago en A Lola

Uns versos en Alba

Cando me poño a cavilar como puido nacer en min o gusto pola representación, a explicación máis plausible que atopo remíteme á miña aldea de Alba, no concello de Vilalba. Unha señora da aldea de mediana idade, moi relixiosa e vencellada voluntaria e gratuitamente ao coidado da igrexa, escolla a unhas nenas e nenos, obviamente coa anuencia dos pais, para recitar no templo parroquial uns versos en datas religiosamente sinalades: por descontado pola festividade de Reis, pero quizais tamén por maio. Creo que empecei aos seis anos e durou esta experiencia ata case os once que ingresei no Seminario de Lourenzá. Lembro que o último verso que dixen na igrexa foi aló por abril/ maio do 1958 co gallo da confirmación que o recente bispo da diócese mindoniense,  Mons. Jacinto Argaya,  viu a administrar a Alba. Tres meses máis tarde estando a facer o mes de ingreso en Lourenzá, foi o bispo a visitarnos e, ao reconocerme cando trouleabamos os rapaces polo claustro no primeiro piso, pediume que llo volverá a recitar. Naturalmente volvín a declamar o verso procurando que os nervios non me traizoaran demasiado.

A ópera de patacón

Con Alfonso Sastre en Filosofía

Un segundo momento, pero este sí que deixando xa unha pegada máis fonda, tivo lugar cando cursando primeiro de Filosofía en Mondoñedo, os compañeiros Moncho Fernández de segundo e Antón Lama-Pereira de terceiro colléronme para representar o papel de cabo na peza de Alfonso Satre “Escuadra hacia la muerte”. Peza fundamental do teatro español de século XX, que mostra a aflicción dun reducido pelotón que envían ao frente. Aínda que o Alto Estado Maior franquista a prohibiu polo seu antimilitarismo, foi moi representada en España. E unha destas representacións foi no Seminário de Mondoñedo. Sempre tiven curiosidade por saber quen fora o que a elixiu. Pero sigo sen sabelo.

Sen dúbida foi a primeira vez que representei un papel en serio e que sentín o gusto pola representación.

Cox en A ópera de patacón

Representación, emoción, susurros

Porque si que recoñezo que a min gústame actuar. Intentar darlle vida a un personaxe que, non sendo ti, ten obviamente a súa propia maneira de ser, personalidade, formas de expresarse e de reaccionar, manías, tics, etc., é dicir, un ser cabal en tódolas súas facetas e peripecias vitais, resúltame unha bonita tarefa a realizar que se ben eisixe unha pesquisa longa e ás veces non moi doada, acaba sempre resultando fascinante. Por suposto que o feito de que se intente non quere dicir que se logre nin tampouco que sempre se acade da mesma maneira. Pero o obxectivo ten que ser perseguido con tódalas forzas, porque a meta ben merece o intento. E por descontado, se chegas a poder trasmitir ao público esa realidade do personaxe, entón tamén é posible que accedas a captar a sintonía co auditorio que percibes en susurros, silencios, risas, etc., etc., que rondan entre os espectadores na sá: velaí eses instantes nos que a tarefa acada níveis elevados de satisfacción. Porque ao facer teatro, os actores poden transportar ao espectador a outro mundo, axudarlle a esquecer os seus problemas alomenos mentres dura a función, levalos a diversos estados emocionais contidos no abano do psiquismo, pero tamén acadar eles mesmos un elevado grado de satisfacción como fruto de haber conseguido empatizar co público ao encarnar “de verdade“ ao personaxe.

 

A filosofía como escola teatral

Como mero inciso podería engadir que son do parecer que o ter sido profesor de filosofía no ensino medio, foi unha boa escola teatral. Tratar con adolescentes e deambular polas aulas entre eles nesas idades tan efervescentes, ricas e decisivas na conformación do seu ser de adulto, se con certeza non implicaba necesariamente unha actuación teatral, sempre pensei que era moi apropiado para á trasmisión dun saber como é o da filosofía. E disfrutei tamén nese escenario.

Mondoñedo e Salamanca

Pero volvamos ao tema. En segundo de Filosofía participei na obra “Velada de armas” de Diego Fabbri, onde xesuítas de distintas partes do mundo acoden a un congreso da Compañía para deliberar sobre a presencia do cristianismo no mundo.

A seguinte experiencia tivo lugar en Salamanca. No curso 71/72 participo no grupo de teatro universitario que o dramaturgo granadino J.M. Martín Recuerda, recén chegado do seu exílio voluntario en USA, organiza e dirixe en Salamanca como embrión do seu traballo na Cátedra del teatro Juan del Encina que pronto pasará a dirixir ata o ano 87. Lembro unha actuación en Toro con excursión e dormida incluídas.

Voltaire en A Liorta

De “María Castaña” a “Abelaiña”

E con estes preámbulos, xa pasamos ao momento da xubilación no 2011. É neste momento, cando Manuel Ayán, vello amigo desde Salamanca, compañeiro de profesión na cidade de Pontevedra e fantástico escritor de teatro, me comenta que acababa de rematar unha obra sobre unha viciña súa de tempos antigos: María Castaña. A lectura do texto foi para min un pracer. Todo o resto xurdiu de contado. Falamos con amigos e coñecidos e prantexámonos crear un grupo para ensaiar e representar esa obra e mesmo seguir adiante no suposto de que a experiencia resultase positiva. Para dirixirnos pensamos en Antón Lama-Pereira que acabou aceptando e puxémonos a montar a representación de “María Castaña”. Entretanto, e como íamos percibindo que o intento parecía ter visos de ir adiante, tamén nos puxemos nome: a dozura do sonido, pero tamén a tendencia desa bolboreta á luz, quizais influiron en quedármonos co de Avelaiña.

A Liorta

A función continúa

E todo o demais non foi distinto, penso eu, ao que poderían contar a maioría dos grupos que por afección dedican un tempo da súa vida a facer algo que lles proporciona satisfacción. Deste xeito, en case doce anos montamos e representamos cinco obras e estamos a ensaiar dúas máis. Tres dos xa representados un respetable número de veces e unha das inmediatas a ensaiar son da autoría de Manuel Ayán que nos segue a presentar unhos textos deliciosamente escritos e que o público non deixa de disfrutar.

Recorremos boa parte de Galicia e mesmo saímos a fóra dela: Asturias, Salamanca, Barcelona. Seguimos a disfrutar cando ensaiamos e preparamos as obras, pero especialmente cando representamos, viaxamos, compartimos conversas co público sobre temas tratados nas obras, e farreamos tamén o que imos podendo, aplicando na medida do posible, aquilo de “nulla dies…”.Do grupo como tal e do seu traballo non direi nada máis dado que na página de Avelaiña Teatro pode atopar, todo aquel que teña interese, boa parte do noso traballo e percorrido incluindo actuacións, axenda, fotos, vídeos, etc., etc.

Podería dicir en resumo, que somos uns amigos e coñecidos que empregamos parte do noso tempo en facer algo que nos agrada. Que nos eisixe algúns esforzos como memorizar os textos, ensaiar, montar e desmontar, etc. etc. Pero que tamén nos permite exercitar a memoria, compartir, viaxar, tratar con público que acode ás representacións e relacionarnos con outra xente tamén interesada polo teatro, etc. etc.

Bispo en María Castaña

 

Dignificar a nosa lingua

Coido de certo interese resaltar que en toda a nosa traxectoria usamos en exclusiva a nosa lingua. E procuramos facelo ao mellor nivel do que cremos ser capaces. Para dignificala como se merece e para aportar un pequena contribución a retrasar ao máximo posible a súa desaparición como língua de comunicación cotiá, se o conxunto da sociedade e en especial os seus prebostes, non toman decididas cartas no asunto como por desgracia está a acontecer. Non quixéramos que pase a ser simple obxecto de museo ou de academias. Pero nos tememos o peor. Personalmente, son absolutamente pesimista neste punto.

 

A cultura, memoria da humanidade

Procuramos ofertar un teatro que posibilite poder pasar un rato divertido, pero fuxindo da banalidade e do entretimento entendido como escape ou tapadeira dos problemas reais. Recoñecemos a cultura, en tanto que memoria da humanidade, como un eficaz antídoto para fuxir da escuridade, buscar a luz e activar a conciencia social.

Porque temos o convencimento de que o teatro pode e debe axudar, como medio cultural entre os máis antigos e prestixiosos, a ser formador de sentido crítico, a que sexamos mellores persoas e poidamos aproximarnos un pouco máis a levar unha vida mellor.

(*) Xulio Leal Carreira. San Juan de Alba (Vilalba, 1947)

Biografía : aquí  

Abelaiña Teatro: aquí

 

1 comentario

  1. Noraboa, Xulio. Alédame moito a túa andaina e coido que éun refresxo craro don interés pola nosa cultura. Grazas e que siga voando a Avelaiña.

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*