Por Germán Castro Tomé
O teólogo Xosé Chao Rego faleceu o pasado 28 de novembro en Santiago aos 83 anos de idade, tras unha longa enfermidade. Pepe Chao desenvolveu unha moi intensa actividade como profesor, escritor e impulsor de diversas iniciativas no ámbito da renovación cristiá, sempre desde un progresismo galeguista. Nos últimos anos recibiu numerosas homenaxes e, a pesar da enfermidade, seguiu escribindo e publicando para culminar unha obra moi extensa que o converteu en referente en España no ensaio sobre temas teolóxicos e antropolóxicos.
Nacido en Vilalba, Xosé Chao Rego licenciouse en Filosofía en Salamanca e continuou a súa formación teolóxica en Roma, onde se consagrou sacerdote. Foi párroco en Ferrol (Santa Mariña) durante dezasete anos e exerceu a docencia no Seminario Maior de Mondoñedo. Tras secularizarse foi profesor en Vilalba ata que se trasladou a Santiago, onde se incorporou como docente de galego ao instituto Rosalía de Castro. Socio de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Chao Rego é autor de decenas de obras de ensaio e pensamento teolóxico e sobre temas culturas e sociais en xeral, desde un enfoque cristián progresista.
Foi columnista de prensa e referente do movemento de renovación cristiá e galeguista que promoveu as revistas «Irimia» e «Encrucillada», onde tamén publicou numerosos artigos. Recibiu distintos premios pola súa obra, entre eles os da Crítica de Ensaio e Pensamento, por «Eu renazo galego» e «O demo meridiano». A enfermidade apartou a Pepe Chao da vida pública e foron contadas as súas aparicións en sociedade nos últimos anos, principalmente con motivo de diversas homenaxes.
O cura e sociólogo, tamén vilalbés, Bernardo García Cendán, xa falecido, escribiu:
«Pepe Chao fixo estudos nas universidades de Salamanca e Roma, e aproveitou moitos verans para empaparse por Europa adiante cos efluvios dunha Igrexa europea, anovada e moderna, que aquí en España resultaba estraña e distante, de tal xeito que, cando pola súa forza, fixo que se convocara o Concilio Vaticano II, moitos dos xerarcas, bispos e cardeais españois tiveron que poñerse a estudiar como seminaristas pipiolos».
E sobre o seu papel como pastor precisou:
«A actividade pastoral de Chao Rego, tan concienzosa como innovadora, axiña se fixo notar non só na cidade de Ferrol senón no conxunto de Galicia e mesmo máis aló de Pedrafita, de tal xeito que todo canto novedoso e progresista emerxía no seo da igrexa galega tiña tras de si o alento e esforzo ilustrado de Pepe Chao».
Estes son parágrafos extraídos do discurso pronunciado por Bernardo García Cendán co gallo de serlle concedido a Chao Rego o «Premio á solidariedade médico Paulino», que se entregou en Pontedeume no ano 2002.
Deixa moita obra publicada, máis de 20 libros de contido relixioso e social.
Durante o exercicio pastoral en Ferrol, Chao Rego chegou a ser xulgado polos tribunais franquistas acusado de propaganda ilegal e de favorecer a causa obreira. Foi un dos primeiros curas que oficiou a misa de cara aos fregueses. En Ferrol deixou unha forte pegada. Un parque público de Santa Mariña leva o seu nome.
Dejar una contestacion