Luis Fernández Paz y su familia

Por Ángel Felpeto (1)

Non recordo a data pero ía un tempo primaveral. Probablemente,  segundo ou terceiro domingo de maio. Parece que foi onte cando unha mañá de domingo don Pepe, don Pepiño de Fazouro como nos gusta lembralo, despois da misa, díxonos que esa tarde iriamos de paseo até Mondoñedo. A el sempre lle gustaba sorprendernos con boas noticias, e esa para nós era moi boa. Tiñamos ganas de atoparnos cos nosos paisanos, tiñamos moitas ganas de que finalizase o curso e ao ano seguinte pasar xa a terceiro, a Mondoñedo.

Luis y su hermano menor, Agustín

O encontro foi nun prado enfronte de onde hoxe está situado o cemiterio. Alí teño o indeleble recordo de atoparme cos meus paisanos: de San Xoán de Alba, Xulio Leal; de Belesar, Félix Villares; Pepe Roca, de Tardade; Manolo Cillero e Bernardo García Cendán, de Vilalba, e outros que xa non recordo. Coñecía a Bernardo e a Cillero porque as súas familias eran máis coñecidas ca a de Luís Fernández Paz. A Luís coñecino ese día como un mais do grupo de vilalbeses e das parroquias da súa contorna. Quizais por esa razón impactoume moito máis a noticia da súa morte nas circunstancias nas que se produciu.

Antonio Fernández y Antonia Paz, padres de Luis

A Lorenzana chegou a noticia a media mañá. Creo lembrar que, despois do recreo, don José María Puente convocounos na capela e alí moi asustados convidounos a rezar por el. E tamén lembro que cos meus amigos Dionisio Corral e Xosé Luís Novo Cazón comentamos como o coñeciamos e aquel paseo recente dunha tarde de maio.

Xa pasados moitos anos tiven ocasión de coñecer ao seu irmán Agustín, falecido en 2016, a través do meu irmán Chema, bo amigo seu e que compartían sobre todo proxectos e inquietudes relacionados especialmente coa nosa lingua, coa nosa cultura e co noso patrimonio galego. Non fai falta maior referencia que dicir que o Instituto de Estudos Chairegos acordou por unanimidade na reunión da Xunta Directiva de 30 de setembro de 2016 honrar a súa memoria coa creación dun certame que tentase perpetuar o seu nome e que vai xa  apola V edición. Edicións Xerais de Galicia e o Concello vilalbés arrimaron tamén o lombo e o éxito das dúas edicións celebradas até o de agora levan ao optimismo de cara á súa permanencia no tempo.

Fotografía tomada tras o funeral por Luis en Mondoñedo.  De  esquerda a dereita, Inés e Bernardo García Cendán; Manolo Cillero, Suso Goldar, duas familiares de Luis, Antonia Paz, Antonio Fernández (padres de Luis) y Antonia (Tita) Fernández Paz,

Luís era o segundo de tres irmáns: Antonia, a maior, que vive actualmente en Vilalba, Luís e Agustín. O seus pais, Antonio Fernández e Antonia Paz. O seu pai pertencía a unha familia de carpinteiros moi coñecida, «os de Xan de Grande», que ademais dos traballos propios do oficio de mobles, portas e xanelas, chans de madeira etc, carrozaban en madeira aqueles coches que chamabamos «rubias», dedicados preferentemente ao servizo de taxi.

El gran taller familiar de carpintería en Vilalba

O instituto de Estudos Chairegos conserva unha fotografía cedida por Bernardo García Cendán do funeral por Luis celebrado na igrexa dos Remedios. Está confirmado pola sua irmá Tita  que a foto está tomada diante do Asilo á finalización do funeral. Non teño testemuño algún diso, pero suponse que o propio seminario ou a pedimento dos seus paisanos celebraríase fóra do seminario nos dias siguentes.

Banda Municipal de Vilalba da que formaba parte el padre de Luis

E , por último,  un dato ao que se fixo referencia estes días por varios compañeiros e era a súa afección á música. De casta vénlle ao galgo, o seu pai era un bo trompetista da banda municipal de Vilalba e tamén da orquestra «Mato»

Aí queda un testemuño gráfico na memoria de Luís e da súa familia.

(Fotografías cedidas polo IESCHA)

 

(1)       Ángel Felpeto Enríquez. San Juan de Alba (Vilalba), 1947. Profesor jubilado. Ex político. Aprendiz de saxofonista.

 

 

 

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*