Sen ánimo de polemizar

 

Por Manuel Rivas García

Sen ningún ánimo de entrar en polémicas innecesarias, véxome na obriga de responder a un comentario que fai Francisco Martínez Sánchez sobre unha entrevista que me fixeron en El Progreso de Lugo por mor da publicación do libro: Dino Pacio Lindín, o guía dunha vangarda cultural, editado por Gráficas Lar (Viveiro). A frase que aparece entre comiñas no xornal lugués di: “Foi, sen lugar a dúbidas, un xigante nun país da ananos que miraban a ras de chan e non foron capaces de erguer a cabeza e apreciar a valía excepcional dunha personalidade xenial, capaz de transformar a sociedade”.  Ao que retruca Francisco Martínez mostrando a seu desacordo ca segunda parte da frase: “Un gigante, decía Manolo, y yo lo corroboro, sí;  pero que me permita borrar aquello de “en medio de enanos”. ¡No es justo, a cincuenta años vista!”

A resposta clara e precisa veu de seguido da man de Pedro Conde e Moisés Lozano

Manolo Rivas non chama «enanos» ós profesores do Seminario – afirma Pedro Conde-. USA a expresión do poema de Celso Emilio para lamentar que se teñan que ir da nosa terra persoeiros como Dino para ser recoñecidos e valorados. Cónstame que Manolo valora positivamente os profesores do Seminario. Remito ó seu testemuño que podemos atopar nesta mesma Web.

Manolo Rivas é moi cuidadoso cos compañeiros e institucions. Coñezoo ben e non necesita defensa. Foi o verdadeiro motor dese libro sobre Dino.

Eu non podería responder mellor á obxección de Francisco Martínez. Sempre mostrei o meu recoñecemento aos profesores que tiven en Mondoñedo, como creo que o fixeron todos os que levan escrito nesta Web do Seminario. Pero , como en todo grupo humano, non son idénticas nin as capacidades nin as dedicacións. Algúns foron e seguen sendo moi brillantes e outros non chegaron a tanta  altura, como pasa tamén cos alumnos. E son precisamente eses cincuenta anos os que mostran con feitos – por sorte para moitos hispanos  en Nova York e non para Galicia-  a excepcional valía de Dino. Algúns dedicáronse con máis empeño ca outros á tarefa educativa. Creo que isto é unha obviedade. A todos lles estou moi agradecido, pero non a todos por igual. É mais, sendo sincero, estaría agradecido de non ter atopado a algún en Lourenzá que , como aparece nos diferentes escritos desta Web, foi funesto para moitos rapaces de entre 10 e 12 anos que alí estabamos. Non so agredía fisicamente senón que o maltrato psicolóxico – que era peor- era bastante habitual. Hai quen afirma que era un bo xestor. Quizais, pero para unha institución cuarteleira, non para un centro educativo. Esa é a miña opinión.

Polo tanto, que non sexa a homenaxe a un profesor brillante  o motivo que empañe a valía dos demais nin diminúa o sentimento de gratitude que merecen. Estou seguro que esta homenaxe alegrará a todo o grupo de profesores que colaboraron máis estreitamente con el e sen os que non se podería levar a cabo toda a labor de reforma e innovación que tanto nos beneficiou  aos que entón estabamos formándonos nese centro. Somos conscientes – quizais non de todo- do enorme esforzo que fixeron por todos nós en moitos ámetos. Iso é impagable; pero quede, polo menos, a nosa gratitude e recoñecemento.

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*