Xa chega o Nadal

Nadal 2023

Por Manuel Rivas García (1)

 

Van caendo as últimas follas do outono. Os ventos e a choiva van borrando as cores amarelas, vermellas, castañas e ocres da fermosa paisaxe outonal. Achégase o gris monótono invernal quebrado polas luces artificiais  de colores cas que remata o ano: as luces do Nadal. Moreas de xente acoden como vagalumes, pasmadas a contemplar o resplandor da cidade. Seica nunca tal viran. Tolo mundo corre a mergullarse na vórtice  do consumo.

Que  diferente era o sinxelo e humilde mundo da nosa infancia cando nas vacacións do Nadal deixabamos Mondoñedo e subiamos ao bus da empresa Ribadeo que nos levaba ata Vilalba.

 

Terras da Chaira.-Ao rematar a subida da vella estrada de Mondoñedo xa asomaban á altura de  Abadín as verdegantes terras da Chaira, moreas de leiras pequenas ben separadas polos derregos que semellaban tirados a fío nos que se esmeraban os labregos para non ter problemas cos veciños lindeiros. Eran os nabais que formaban unha inmensa alfombra verde a ambos lados da estrada, longas ringleiras de sucadas paralelas e os correspondentes calexos cunhas longas cintas de auga prateada da que sobresaía un tenue verde  escuro. De alí saían os nabos  dos que se sacaban os grelos cos que se facía  aquel celmoso caldo  no que a veces se escapaba milagrosamente algún chourizo ou anaco de touciño  co correspondente rustrido. Sabía a gloria. Pero tampouco se necesitaba moito para ser felices. Desfrutábase  cas pequenas cousas. Había esa mentalidade “franciscana” á que aluden os vates da Escola Poética mindoniense nos seus fermosos poemas.

 

Nadal na aldea.-A remates dos cincuenta e comezos dos sesenta en moitas casas de aldea aínda non había luz eléctrica e utilizábanse candís con mecha e un combustible derivado do petróleo, outros de carburo e logo chegaron con maior potencia de luz os que utilizaban unha pequena bombona de gas butano. Eses foron os precedentes da luz eléctrica nas casas. Polos camiños e corredoiras da infancia andábase pola noite con fachos de palla acendidos ou con pequenas lámpadas de cristal que levaban dentro unha vela protexida do vento e da chuvia.

As festas de Noiteboa, Nadal e Aninovo tiñan, por suposto, a súa especial celebración. Botábase man da matanza que xa estaba recente ou se facía naqueles días. Mercábanse poucas cousas porque , como se di hoxe, había pouca liquidez. Eran frecuentes as reunións da familia e nese caso non faltaba un bo cocido precedido duns entremeses e rematado cun biscoito cocido no forno da casa e todo acompañado do viño a granel que vendía o taberneiro. E claro, tampouco faltaban as barriñas de turrón brando e duro para novos e vellos.

 

Aquelas lareiras.-Eran invernos fríos, con xeadas matinais que desaparecían cos primeiros raios do sol, e con neves que cubrían os campos e obrigaban, nomeadamente ás mulleres aterecidas de frío, a extraer nabos e nabizas para alimentar os animais. Pero tamén se valoraba máis o calor de aquelas lareiras de pedra e das chamadas “cociñas económicas”  arredor das que se xuntaban os veciños a xogar a partida, contar contos e beber un vasiño de viño, que por estas datas non solía faltar.

 

Panxoliña de don Uxío

E desexo concluír este pequeno escrito do Nadal , a modo de felicitación, cuns versos do noso benquerido e admirado poeta don Uxío García Amor:

Panxoliñas verdes

Ímoslle cantar

Ó Neno que soña na cova

Berce de cristal.(…)

Naceranos hoxe

Co sol da mañán

O trigo que fai de Belén

A casa do pan.

Ten saudade a terra,

Estende a túa man:

¿Quen enche de pan a súa boa

E quenta o seu lar?

Verde a nosa terra,

Verde o noso mar.

Deus fai entre nós o seu berce,

¡berce de Nadal!

 

En Ferrol, Nadal do 23.

 

Biografía de Manuel Rivas:

Manuel Rivas García – Homenaje al Seminario de Mondoñedo (1572-2013) (homenaxeseminariomondonedo.com)

 

 

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*